O programa da Xunta busca "seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa"
Os estereotipos de xénero nos institutos determinan a elección das carreiras profesionais, o que acaba provocando que nas carreiras de ciencias haxa habitualmente moitos máis homes que mulleres. Para reverter esa situación diversos colectivos veñen impulsando nos últimos anos actividades de divulgación ás que tamén se sumou a Xunta co seu programa Que non te líen, ti elixes, unha serie de charlas para "que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero". Un programa que neste curso 2024-25 chega á súa terceira edición nun total de 97 centros de secundaria de todo o país.
A Xunta salienta que "a finalidade do programa no que participarán é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa".
Nesta nova edición as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores "con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que soen estar ocupados por homes". Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións. [“Hai quen aforra para comprar un bolso, eu aforro para unha boa motoserra”]
No primeiro ano de estrea do programa participaron no mesmo uns 75 centros de ensinanza que estaban polo xeral situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados, cun total superior ás 140 charlas. Na segunda edición foron case 90 os centros onde se desenvolveron case 200 accións. En total, beneficiáronse nestes casos case 11.000 alumnos e alumnas.