Reabre o aeroporto de Vigo tras máis de dous días inoperativo por unha fochanca na pista

Imaxe facilitada a primeira hora desta tarde por Aena coa pista de Peinador xa asfaltada © Aena

Aena pide que se consulte coas compañías aéreas o estado de cada voo xa que a normalidade de saídas e chegadas aínda podería tardar en recuperarse por completo

A primeira hora da tarde deste domingo Aena, ente xestor dos aeroportos, informou de que o aeroporto de Peinador, en Vigo, “xa está operativo” tras pechar o venres pola mañá por unha fochanca na pista de aterraxe. Os traballos de reparación desenvolvéronse durante este domingo e, aínda que a terminal xa está operativa, Aena pide a pasaxeiros e pasaxeiras que consulten coas súas aeroliñas o estado de cada voo, xa que a normalidade de saídas e chegadas aínda podería tardar en recuperarse por completo.

Fochanca na pista de aterraxe que levou a pechar Peinador © Aena

O venres constatouse que o problema na pista, xa detectado previamente, fora a máis e decidiuse pechar o aeroporto. Desde ese momento víronse afectados ducias de voos e milleiros de pasaxeiros, con enlaces cancelados, realizados por estrada ou desviados a Santiago.

O sábado Aena agradeceu á empresa que se encargou da reparación da pista que malia as datas puxese en marcha as súas plantas de asfalto para poder realizar os traballos canto antes. E avanzou a súa esperanza en poder reabrir a terminal "a partir do luns". Pero finalmente os traballos aceleráronse  e a primeira hora da tarde deste domingo xa se daba por rematada a reparación.

Traballos de reparación en Peinador © Aena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.