"Consolidamos actuacións", salienta o conselleiro, nun eido que cualifica como "prioritario", ao que asegura que van aportar "máis profesionais" e unha "maior equidade territorial"
A Consellería de Sanidade segue sen dar por válidas as conclusións do informe do Consello de Contas que avaliou o Plan de Sáude Mental de Galicia 2020-2024, que puxo en marcha a Xunta de Feijóo para enfrontar a pandemia da COVID-19, pero tampouco fai pública a súa propia avaliación desta estratexia que non logrou mellorar as listas de espera nin a situación de saturación das unidades de saúde mental. Aínda que o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, afirmou que dita avaliación está "integrada" no novo plan e que "proximamente" presentarán eses datos.
Tras dous anos remitíndose a un futuro plan, Sanidade presentou este martes as principais liñas da que será a súa guía desde este mesmo ano e ata 2030. "Consolidamos actuacións", salientou o conselleiro, nun eido que cualificou como "prioritario", ao que asegura que van aportar "máis profesionais" e unha "maior equidade territorial". "Unha atención máis accesible e máis humana", resumiu Antonio Gómez Caamaño.
Cada día se suicida unha persoa en Galicia, e por cada morte hai outras vinte persoas que o intentan. Os datos de 2025 indican isto: 303 suicidios no ano e arredor de 6.000 intentos, como lembra o Colexio Profesional de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día mundial da prevención do suicidio, que se celebra cada 10 de setembro. Isto tan só é a punta do iceberg no que respecta á atención da saúde mental.
Sen o documento na man, pois tras ser aprobado no Consello da Xunta deste luns e presentado o martes na sede da Consellería de Sanidade, aínda será presentado nas vindeiras semanas aos profesionais do Sergas e no Parlamento, xa se pode constatar como preto da metade dos 177 millóns de orzamento van destinados a convenios con entidades (con e sen ánimo de lucro) externas ao Sergas que na súa maioría xa se viñan contratando, agás algunhas excepcións que non foron especificadas.
Os convenios (asistencia a trastornos adictivos e outros), recursos complementarios de rehabilitación psicosocial, ordes e subvencións e mais o Fondo Social Europeo+ supoñen 112.318.802,32 millóns de euros. O capítulo de infraestruturas é de 12 millóns, e o destinado á contratación de profesionais de 52.738.185,38 millóns.
357 novos profesionais ata 2030 fronte aos 241 do plan anterior, que eran a metade dos recomendados máis de 20 anos antes en documentos da propia Consellería, como destaca o Movemento Galego da Saúde Mental
O Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030 prevé incorporar 357 novos profesionais, un 48% máis que o anterior. O ano pasado, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fixo público que as dotacións de persoal previstas no plan 2020-2024, con 241 profesionais, eran a metade das recomendadas máis de vinte anos antes en documentos da propia Consellería de Sanidade. "Tal era a carencia de recursos na que estabamos e na que aínda seguimos", revelou o colectivo tras coñecer o informe de Contas en 2025.
En concreto, nos vindeiros catro anos o Sergas conta con contratar a 49 médicos e médicas especialistas en Psiquiatría, 43 psicólogos e psicólogas clínicas para atención primaria e 32 para as unidades hospitalarias, 101 profesionais da enfermaría especialistas en saúde mental, 21 terapeutas ocupacionais, 29 de traballo social, 68 técnicos auxiliares en coidados de enfermaría e 14 técnicos auxiliares da función administrativa. Segundo avanzou o conselleiro, 101 destes profesionais entrarán no sistema sanitario público xa en 2027.
"Encantaríame dicir que se incorporan dous mil profesionais en lugar de 357, pero temos que ter en conta a xente que se forma, o persoal que se xubila e as vacantes que hai nalgunhas áreas. Non podes pedir moito máis porque non creo que vaian vir agora dos Estados Unidos douscentos psiquiatras a traballar aquí...", contestou Manuel Arrojo, coordinador do plan, á pregunta de Praza.gal sobre se o número de contratacións obedece a limitacións orzamentarias.
"Ás veces non é só aumentar persoal, reorganizalo tamén axuda", apuntou Arrojo, coordinador asistencial de Saúde Mental, que durante a presentación do plan, xunto a Almudena Díaz, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, insistiu no "esforzo" e "dedicación" dos grupos de traballo que asesoraron a súa elaboración, que se fixo "seguindo as directrices da Organización Mundial da Saúde".
"O importante deste plan é todo o rigor orzamentario que se fai á hora do deseño e planificación de cales son os recursos necesarios en cada área sanitaria, definidos polos profesionais das áreas. Tendo en conta que todo o tecido asociativo é moi importante para traballar no ámbito da saúde mental, que é transversal á sociedade", engadiu o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas.
Novidades sen un calendario concreto
Son seis as liñas estratéxicas que marca o plan: trastorno mental grave, saúde mental na infancia e na adolescencia, saúde mental en idades avanzadas, trastorno mental común, programas e unidades monográficas e trastornos aditivos e condutas relacionadas.
Van abrir unidades de rehabilitación psiquiátrica na Coruña e Pontevedra, para que as de Santiago e Vigo non teñan que asumir xa estes pacientes; así como unha nova no hospital de Ferrol
En canto ao trastorno mental grave, Arrojo explicou van incorporar unha "localización especial" nas axendas dos profesionais "para poder atender estes pacientes", con "atención tamén á súa saúde física". Pretenden estender a hospitalización a domicilio a máis áreas sanitarias (actualmente só dispoñible nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Ourense) e que "todos os distritos sanitarios teñan un equipo de continuidade de coidados", onde o papel da enfermaría é fundamental.
"Hai que conseguir, sempre que sexa posible, que a rehabilitación psiquiátrica sexa na contorna. Un paciente rehabilítase estando no sitio onde vive, non alonxándoo da súa casa". Neste sentido, avanzou que van abrir unidades de rehabilitación psiquiátrica na Coruña e Pontevedra, para que as de Santiago e Vigo non teñan que asumir xa estes pacientes; así como unha nova no hospital de Ferrol. Mais non se detallaron as datas nas que estarán en marcha.
O psiquiatra Manuel Arrojo detallou que aumentarán as prazas en centros de integración psicosocial e laboral, así como os pisos destinados a este uso. Ademais, buscan darlle máis peso aos plans de emprego para persoas con trastorno mental grave ou con risco de desenvolvelo, da man da Consellería de Emprego e a través do Fondo Social Europeo.
"As necesidades que tiñamos antes da COVID-19 na infancia e na adolescencia mudaron completamente, nese sentido, iremos aumentando progresivamente dependendo dos equipos"
"A saúde mental na infancia e na adolescencia é súper prioritaria para nós", aseverou Arrojo, quen lembrou a recente incorporación desta especialidade á Psiquiatría, que obriga a redeseñar como se leva a cabo esta atención. "As necesidades que tiñamos antes da COVID-19 neste eido mudaron completamente, nese sentido, iremos aumentando progresivamente dependendo dos equipos; tendo en conta que este ano 2026 non saen especialistas novos", sinalou.
Pretenden aumentar a atención nas unidades de infanto-xuvenil ata os 18 anos de maneira progresiva. Incrementar as camas de hospitalización en Santiago e Vigo, así como reforzar os programas de hospitalización a domicilio. Arrojo confirmou que antes de que acabe o ano abrirá o hospital de día de Ferrol e ao longo de 2027 comezarán co da Coruña. Tamén van "mellorar" o rexistro de contencións mecánicas, en todo tipo de pacientes, que se levan a cabo nas áreas sanitarias.
No que respecta ao trastorno mental común, púxose o foco en "fortalecer a capacidade diagnóstica e resolutiva dos médicos de atención primaria" para facer "un uso racional de psicofármacos". "Sobre todo cos ansiolíticos e as benzodiazepinas, que hai que mellorar un pouco a prescripción", apostilou Arrojo. Por outra banda, avanzan que pretenden incluír a soidade non desexada "como determinante na historia clínica" dos pacientes.
No trastorno mental común púxose o foco en "fortalecer a capacidade diagnóstica e resolutiva dos médicos de atención primaria" para facer "un uso racional de psicofármacos"
A comunicación tamén ten o seu protagonismo no novo plan, pois nel inclúen as recomendacións extraídas do grupo de traballo coordinado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no que participaron xornalistas, profesionais da saúde mental e membros da Consellería de Sanidade e da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Unha guía que reúne distintas pautas a ter en conta desde a comunicación, así como mitos a combater, á hora de tratar a conduta suicida nas informacións.
A Consellería de Sanidade avanzou que porá en marcha un estudo epidemiolóxico de prevalencia de trastornos mentais en Galicia, no marco dun estudo estatal guiado polo Ministerio, que se ampliará no Sergas para "ter unha imaxe máis clara".