O Sergas anuncia un novo plan de saúde mental tras constatar o Consello de Contas o fracaso do anterior

O conselleiro de Sanidade anunciando o novo plan de saúde mental tras o Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

A Xunta asegura que no plan 2026-2030 dedicará máis do dobre de cartos e contratará un 50% máis de persoal que no plan 2020-2024, no que o ente fiscalizador detectou que se gastara e contratara menos do previsto

En plena pandemia da COVID-19 a Xunta de Feijóo lanzou o denominado Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024. Aquel documento rexistrou todo tipo de incumprimentos, segundo constatou en maio do pasado ano o Consello de Contas, e a Xunta deixou pasar case dous anos sen impulsar un novo plan, que agora vén de anunciar para o período 2026-2030. Un plan co que o Goberno galego di querer gastar en saúde mental máis do dobre e contratar un 50% máis de profesionais que co plan anterior, que cualifica de "éxito" malia as eivas detectadas polo ente fiscalizador. 

Feijóo nun acto sobre o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-24 e auditoría realizada polo Consello de Contas CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Segundo Contas, co anterior plan de saúde mental "non se logrou reducir as listas de agarda", houbo "un incremento sostido no consumo de ansiolíticos e antidepresivos", "non se dotaron os recursos económicos" previstos ou foi un plan elaborado sen ter en conta "as transformacións sociais e económicas da última década". Porén, sen presentar ata agora o seu propio balance do anterior plan, este luns o Goberno galego anuncio un novo plan para o período 2026-2030.

Segundo avanzou este luns o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que este martes seguirá divulgando elementos do novo plan nunha nova rolda de prensa, se o anterior plan contaba cun orzamento de 83 millóns de euros, o novo dispararase ata os 177 millóns de euros. Unhas cifras, as do anterior documento, que non se poden atopar en ningún punto da auditoría elaborada polo Consello de Contas, que cifrou nuns 10 millóns de euros o gasto anual do anterior plan. 

No novo documento, a propia Xunta avanza xa que boa parte dos cartos van destinados a convenios con entidades externas ao Sergas. Así, 27,5 millóns serán para "prazas de residencias especializadas e pisos para pacientes de saúde mental", 50 millóns para "convenios de colaboración con entidades para o desenvolvemento de programas de apoio á asistencia, rehabilitación e incorporación social das persoas con trastornos adictivos" e 8 millóns "para as convocatorias anuais de subvencións, para entidades sen ánimo de lucro".

Co anterior plan constatouse un continuo aumento das listas de espera

Canto ao persoal a incorporar, o anterior plan falaba dun total de 241 persoas, das que Contas constatou que se contrataron 4 psiquiatras e 2 psicólogos máis do previsto, pero a cambio houbo 26 profesionais menos doutras especialidades: 10 de enfermaría, 12 auxiliares e 1 de traballo social. Agora o conselleiro asegura que o novo plan vai incorporar 357 profesionais, dos que 124 serán psiquiatras e psicólogos e 233 doutras categorías. Dos 124 psiquiatras e psicólogos a Xunta asegura que "22 deles se incorporarán de xeito progresivo á rede de psicoloxía clínica de atención primaria ata o ano 2030, ata completar un equipo de 50 profesionais" en toda Galicia. 

Co anterior plan tamén se rexistrou un continuo aumento das listas de espera. E hai uns días Praza.gal revelou o caso dunha paciente pasou medio ano sen cita en Psiquiatría logo dun ingreso hospitalario por risco de suicidio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.