Sen culpables dous anos despois polo incendio de Nigrán no que morreron dúas mulleres durante a vaga de lume

Furgoneta na que faleceron as dúas mulleres en Chandebrito (Nigrán) CC-BY-SA Praza Pública

O xulgado vén de arquivar a causa logo de que a Garda Civil non fose quen de identificar ningún responsable duns feitos que son considerados delitivos

O segundo aniversario da vaga de incendios que o 15 de outubro de 2017 arrasou boa parte do sur de Galicia, en especial na contorna de Vigo, chega ao tempo que o xulgado vén de arquivar a causa que investigaba a morte de dúas veciñas de Chandebrito, en Nigrán, falecidas cando intentaban fuxir do lume que rodeaba as súas vivendas seguindo a axentes da Policía. Malia considerar os feitos ocorridos aquel día como constitutivos de infracción penal, neste tempo a Garda Civil non foi quen de identificar ningún posible responsable dos mesmos. 

Hai un ano o xulgado xa arquivara varias investigacións abertas sobre os incendios de Baiona, Gondomar e Nigrán. En Gondomar nos días seguintes foron detidos dous irmáns, pero no seu caso o procedemento arquivouse ao non atoparse probas suficientes contra eles. No caso de Nigrán, o arquivo de hai un ano foi técnico, para evitar que seguise a correr o tempo legalmente establecido para as instrucións penais á espera de que se rematasen probas periciais pendentes. Esas investigacións xa finalizaron sen que a Garda Civil fose quen de atopar ningún responsable. 

O arquivo das investigacións xudiciais, que poderían reabrirse no caso de aparecer novas probas, constata a dificultade de identificar a autoría dos incendios cando non teñen causas naturais ao tempo que relativiza o alcance de propostas como a do presidente Feijóo de que os responsables sexan xulgados por terrorismo. Por outra banda, tanto a Fiscalía como o Parlamento de Galicia rexeitaron que os incendios da vaga de hai dous anos puideran atribuírse a un suposto terrorismo incendiario.

Actos do segundo aniversario do incendio de Chandebrito © Concello de Nigrán

Actos de lembranza en Nigrán

Nigrán celebrou diversos actos en lembranza das falecidas e prevé irmandarse con Castanheira de Pêra, un dos municipios portugueses afectados polo gran incendio de Pedrógão

Malia o arquivo da causa xudicial, o Concello de Nigrán lembrou esta pasada fin de semana os incendios de hai dous anos con diversos actos centrados fundamentalmente na parroquia de Chandebrito. Ata alí se desprazou a presidenta da cámara municipal de Castanheira de Pêra, un dos municipios portugueses afectados en xullo de 2017, tres meses antes dos lumes de Nigrán, polo gran incendio de Pedrógão, no que morreron 66 persoas. Alda Correia e o rexedor de Nigrán, Juan González, anunciaron a intención dos dous concellos de irmandarse. 

"As vida humanas son irreparables, esa dor e ese recordo de Maximina e Angelina sempre estarán aí, pero debemos destacar tamén que a raíz dos lumes do 15 de outubro entre todos fomos capaces de cambiar a mentalidade e forma de entender a xestión do monte e agora, a maiores, xorde esta oportunidade de irmandarnos con Castanheira de Pêra e intercambiar con eles experiencias e coñecementos", salientou González.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.