Este sábado CUAC FM convida á cidadanía a unha foto colectiva na Praza de María Pita ás 13:04 horas para celebrar o 30 aniversario da emisora
Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña que se pode escoitar no 103.4, está a celebrar o seu 30 aniversario. A emisora iniciou a súa actividade o 27 de marzo de 1996, grazas ao impulso dun grupo de estudantes da UDC que xa realizaban un programa en Radio Culleredo e que crearon o Colectivo de Universitarios Activos e comezaron as emisións dende instalacións da Universidade da Coruña.
Nestas tres décadas a emisora pasou por todo tipo de aventuras, atrancos e vitorias, destacando a batalla para acadar unha licenza de FM e a sanción imposta pola Xunta que obrigou á radio a deixar de emitir pero que finalmente se saldou cunha vitoria de David contra Goliat. Tamén destaca a actividade da emisora en entidades colectivas coma a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (en 2006) e a Red de Medios Comunitarios (dende 2009).
Nos últimos meses a emisora vén celebrando a efeméride coa publicación dun libro colectivo (Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM) e outros actos.
A radio iniciou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 dende instalacións da Universidade da Coruña
Este sábado, ademais, terá lugar un dos eventos centrais da celebración: unha fotografía colectiva (un fotón) na que convidan a toda a cidade a formar parte da foto de familia que o cámara Gutier Rolán captará como momento histórico e da que se farán posters para repartir pola cidade. A cita é ás 13.04 horas na Praza de María Pita. As persoas que teñan a camiseta do pico do pato poderán lucila na fotografía.
Ademais, o vernes 27 de marzo, día exacto do aniversario, haberá un concerto no Teatro Colón da Coruña coa participaión de César de Centi, Silvia Penide e Pedro Pastor con entradas á venda dende 13 euros. Ese día agasallarase aos asistentes con 50 libros de Noel Turbulencias, Galicia Musicalidade.
Durante os vindeiros meses haberá concertos e presentacións de libros e A Coruña acollerá o Encontro Estatal de Medios Comunitarios
O martes 31 de marzo presentarase na Libraría Lume o libro Que bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM, con portada de Manel Cráneo a colaboracións coma a de Iñaki Gabilondo. Os libros son gratuitos grazas a un convenio coa Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña.
En abril A Coruña acollerá o Encontro Estatal de Medios Comunitarios. Será do 17 ao 19 de abril, unha fin de semana na que a cidade se converterá no epicentro dos medios comunitarios no Estado.
Nestas tres décadas a emisora pasou por todo tipo de aventuras, atrancos e vitorias, destacando a batalla para acadar unha licenza de FM e a sanción imposta pola Xunta que obrigou á radio a deixar de emitir pero que finalmente se saldou cunha vitoria de David contra Goliat
En maio, haberá unha maratón radiofónica con xornada de portas abertas na emisora. Será entre o sábado 23 e o domingo 24 e pasarán polas ondas ducias de programas de diversas etapas da emisora.
En xuño, o sábado 13, a Sede de Afundación acollerá a Gran Gala dos Oscuacs, un evento que este ano tamén terá un formato especial, con recoñecementos a persoas ou colectivos alleos a CUAC FM. En xullo celebrarase unha actividade de irmandamento coa emisora de Ferrol Radio Filispim.
En agosto, duas bandas galegas actuarán no Festival Noroeste Estrella Galicia grazas ao concurso para proxectos musicais de CUAC FM. En setembro, celebrarase a Batalla de Bandas do tramo estatal do concurso na Sala Mardi Gras.
Despois do verán, en outubro, de novo a Sede de Afundación acollerá a presentación da programación 26-27 cun evento de humor que terá como protagonista ao programa Vellenials.