Nada que ver está dirixido por Iago Prada e estrearase o vindeiro 10 de febreiro no Teatro Colón da Coruña a partir das 20.30
Hai uns meses CUAC FM celebrou o seu 25 aniversario, un cuarto de século no que a radio comunitaria da Coruña emitiu 480 programas distintos, realizados por máis de 1.600 persoas, entre locutoras, locutores, técnicas e técnicos. 25 anos nos que a radio se mantivo sempre en activo, a pesar dos moitos obstáculos que apareceron no seu camiño, algún tan importante coma a ameaza de sanción da Xunta que en 2017 a obrigou a deixar de emitir na FM. Porén, o David da radio comunitaria derrotou a Goliat e tanto o TSXG coma o Tribunal Supremo déronlle a razón a CUAC ante a Xunta.
Deste proceso CUAC FM saíu reforzada, con máis argumentos ca nunca para seguir reivindicando o seu dereito, recoñecido pola Lei do Audiovisual, a acceder a unha licenza de emisión, ao igual que os restantes medios comunitarios. Agora un documental dunha hora vai condensar estes 25 anos de historia, de emisións en directo, de concursos de bandas e de demais fitos radiofónicos e asociativos.
A estrea busca ser unha gran festa da radio e "reencontro de moitas persoas que formaron parte da vida da emisora"
Nada que ver está dirixido por Iago Prada e estrearase o vindeiro 10 de febreiro no Teatro Colón da Coruña a partir das 20.30 horas. As entrada xa están á venda en Ataquilla, cun prezo de 2 euros máis 50 céntimos de gastos de distribución. A recadación obtida no día da estrea destinarase integramente á Cociña Económica da cidade.
O evento será presentado polos humoristas e actores Lucía Veiga e Víctor Grande, ambos ex-locutores de CUAC FM. Haberá alfombra vermella, photocall e varias "sorpresas" máis. A estrea busca ser unha gran festa da radio e "servir coma reencontro de moitas persoas que formaron parte das diversas etapas da vida da emisora".
"Dende CUAC concibimos esta peza audiovisual coma unha homenaxe, non so ás persoas que fixeron radio connosco durante estas dúas décadas e media, senón tamén ao resto das radios e televisións libres e comunitarias"
"Dende CUAC concibimos esta peza audiovisual coma unha homenaxe, non so ás persoas que fixeron radio connosco durante estas dúas décadas e media, senón tamén ao resto das radios e televisións libres e comunitarias", explican dende a emisora. Estes medios "levan garantindo o dereito a comunicar da cidadanía durante máis de 40 anos sen contar coa protección e impulso que merecen e que teñen na inmensa maioría dos países do noso entorno", din, nun momento no que os medios de comunicación comunitarios "están defender novamente o seu futuro, a través da tramitación parlamentaria da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual".
Iago Prada, autor de Vida Ártabra ou Bullfight e colaborador en moitos outros traballos, foi ademais colaborador en dous programas de CUAC FM, polo que coñece o proxecto dende dentro. O documental conta co financiamento da Área de Cultura da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello da Coruña que cede o Teatro Colón para o evento.