Enrique Castillo Ron, subcontratado por un dos peritos elixidos pola Xunta para analizar o risco matemático que había na liña Ourense-Santiago, lamenta que o sector ferroviario non teña tan interiorizados os erros humanos como nas centrais nucleares
O xuízo polo accidente de Angrois deixou este xoves a comparecencia de Enrique Castillo Ron, catedrático da Universidade de Cantabria, enxeñeiro de Camiños e matemático experto en cálculo probabilístico de riscos. O experto, subcontratado por un dos peritos elixidos pola Xunta para que o asesorase no cálculo dos riscos que había na liña Ourense-Santiago, salientou a elevada probabilidade de accidente que había na curva de Angrois.
Castillo Ron discrepou durante a súa comparecencia dos cálculos matemáticos sobre o risco de Angrois elaborados por outros peritos que tamén veñen participando na investigación do accidente. Pero coincidiu en que a curva era o lugar máis perigoso en toda a liña. De feito, a xuíza reprochoulle que entrase en discusións matemáticas con outros expertos e fixo ver que o que lle interesaba era saber se a curva era especialmente perigosa e se iso podía ser previsto por Adif.
Na súa intervención o experto matemático puxo o foco en que as análises de risco ferroviarias, cuestión pola que está acusado un ex-cargo de Adif ademais do maquinista, non teñen en conta o suficiente o factor humano e a posibilidade de erros dos maquinistas. Segundo Castillo Ron, os expertos en seguridade nas centrais nucleares, sector no que comezaron a facerse estudos matemáticos de riscos, “teñen metido o erro humano na cabeza, pero os ferroviarios non o teñen metido”.
"Nunca na miña vida me atopei con peritos tan característicos", dixo a maxistrada ante os debates matemáticos e anécdotas en que incidiu o comparecente
O experto foi preguntado expresamente polo fiscal se “o que se fixo” por parte de Adif na liña Ourense-Santiago para analizar os seus riscos fora “conforme á norma”. Castillo Ron non respondeu a esa pregunta directa: “É o que se fixo sempre”, dixo. Noutro momento da súa comparecencia dixo que o seu coñecemento da normativa ferroviaria viña polo que lle transmitira o perito elixido pola Xunta que o subcontratou, pero que el non é experto nese eido, só en análise matemático.
Durante a súa comparecencia Castillo Ron contou todo tipo de anécdotas profesionais e persoais e insistiu en discrepar en magnitudes matemáticas con outros comparecentes previos malia as peticións reiteradas da xuíza de que traducise os seus coñecementos técnicos a unha linguaxe común que ela poida empregar para determinar as responsabilidades penais do accidente. "Nunca na miña vida me atopei con peritos tan característicos", chegou a dicir a maxistrada.