“A posibilidade dun accidente era dun descarrilamento cada ano”, insiste un informe encargado pola aseguradora, interesada en que Adif comparta responsabilidades co maquinista para repartir as indemnizacións ás vítimas
A poucos días de que o mércores 5 de outubro comece na Cidade da Cultura o xuízo oral polo accidente de Angrois ocorrido hai máis de nove anos, no que están acusados o maquinista do tren Alvia e un antigo director de Seguridade na Circulación de Adif pola morte de 80 persoas e lesións a outras 144, varias partes veñen de presentar ampliacións ou actualizacións de peritaxes impulsadas por elas mesmas durante a longa instrución do caso. Entre eses documentos hai un informe encargado pola aseguradora de Renfe, QBE, a dous expertos internacionais que insisten en que na curva de Angrois “existía un perigo previsible e un risco non tolerable de conformidade coa normativa aplicable” cunha “posibilidade de que se producise un accidente” de “arredor dun descarrilamento cada ano”.
QBE sería a aseguradora que debería asumir as millonarias indemnizacións do accidente (máis de 50 millóns de euros, en parte xa adiantados) se o maquinista do tren, Francisco José Garzón, é o único condenado polo despiste que sufriu ao non frear antes da curva de Angrois. Por iso convénlle que a xustiza considere culpable parcial ou total do accidente ao outro acusado, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar correctamente desde o seu cargo de Adif o risco que existía no lugar do accidente, o que suporía que a indemnización tería que ser asumida tamén pola aseguradora desa outra empresa pública, Allianz.

Tanto o xuíz instrutor como o fiscal, nas súas decisións de levar xa o caso a xuízo, deron por suficientes os indicios e probas recompilados durante a investigación de que Adif, e nomeadamente Cortabitarte, non avaliou correctamente o risco de Angrois. A esas probas e peritaxes previas engádese agora o informe achegado por QBE e asinado polos expertos ferroviarios internacionais Frans Heijnen e James Catmur, que xa en 2016, durante a instrución do caso, se pronunciaran en similar liña e que agora veñen de ofrecer unhas conclusións actualizadas, semellantes ás que xa expuxo no seu momento o perito máis independente do caso, designado polo xulgado instrutor.
Os expertos din que “non existen evidencias de que se avaliara o impacto sobre a seguridade da desconexión do sistema de seguridade" en 2012, o que "incrementou o risco de descarrilamento cun factor 10"
Os expertos da aseguradora de Renfe sinalan que “Adif tiña a obriga de realizar unha avaliación de riscos” na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago “tanto na fase de deseño e construción” como de “manter un rexistro de perigos actualizado durante toda a vida do sistema”. Porén, engaden, “a avaliación de riscos realizada por Adif durante a construción [da liña] presenta graves deficiencias e non cumpre” coa normativa comunitaria, ao igual que “tampouco se mantivo o procedemento de xestión de riscos esixido pola normativa de aplicación tras a posta en servizo”.
Como consecuencia, din, “non existen evidencias de que se avaliara o impacto sobre a seguridade da desconexión do sistema [de seguridade] embarcado ERTMS autorizada en xuño de 2012”, decisión tomada por Cortabitarte a petición de Renfe que segundo os expertos “incrementou o risco de descarrilamento cun factor 10”.

Ante esa actuación de Adif, di a peritaxe, “non existía ningún sistema que evitara o fallo humano nin reducira as consecuencias en caso de fallo” malia que si “existían varias alternativas que reducirían o risco a niveis aceptables”, medidas como as que se tomaron despois do accidente.
As novas peritaxes engádense a un caso que suma un cento de tomos e máis de 50.000 páxinas e que a partir do 5 de outubro será xulgado na Cidade da Cultura durante preto dun ano
Fronte á peritaxe agora presentada pola aseguradora de Renfe, durante a instrución tamén Adif entregou os seus propios informes asegurando que cumprira en todo momento a normativa existente e que toda a responsabilidade era do maquinista. E contra eses informes de Adif vén de presentar tamén agora novas peritaxes o avogado do maquinista, entre elas unha dunha experta en erros humanos que insiste en que o do maquinista era previsible e debía ser paliado.
Toda esta nova documentación engádese agora, a poucos días do comezo do xuízo, ao cento de tomos con máis de 50.000 páxinas que acumulou a instrución. Agora será a xuíza titular do xulgado do Penal 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, quen a partir do 5 de outubro e durante preto dun ano escoitará por boca dos expertos as súas consideracións e ditará sentenza.
