A Sareb é o banco malo, a entidade creada entre a banca e o Goberno de España nos tempos de Mariano Rajoy para quedar cos activos inmobiliarios tóxicos das entidades financeiras rescatadas. Dende bolsas de solo destinados á construción durante os anos da burbulla ata obras inacabadas, promocións enteiras de pisos ou chalés ou tamén vivendas individuais atinxidas por hipotecas impagadas.
No caso galego, o groso das súas incorporacións procedeu dos arredor de 5.000 millóns de euros en ladrillo tóxico transferidos durante o rescate de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fracasada fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Naqueles anos, marcados pola opacidade da súa xestión, apenas foi posible coñecer que dispuña no noso país de centos de vivendas, catrocentas das cales aínda tentaba vender a comezos desta década. En total, segundo datos coñecidos en 2023, dispón dunhas 1.800.
No concello pontevedrés de Poio a Sareb aínda ten actualmente 18 vivendas, segundo os seus propios datos. A finais da pasada semana unha parella sen recursos económicos decidiu instalarse sen permiso nunha delas, situada na Avenida da Cruz. A situación transcendeu con relativa rapidez á prensa local e virou nunha alerta entre a veciñanza contra a "okupación" que este pasado 14 de xaneiro finalizaba nun desaloxo con intervención dunha caste de patrulla veciñal xunto ao alcalde, Ángel Moldes (PP).
O rexedor instou a parella a marchar durante unha concentración veciñal na que parte dos participantes irromperon no inmoble. Por tras da decisión de ficaren na vivenda está unha longa historia de exclusión social
Como informan Pontevedra Viva e Faro de Vigo, a orixe do desafiuzamento da parella estivo na convocatoria dunha concentración veciñal -non comunicada formalmente- ante a vivenda para instar os ocupantes a marchar. Algúns dos presentes mesmo chegaron a entrar para forzar o desaloxo. A esa circunstancia aludiu o rexedor para pedirlles que abandonasen a casa e así, argumentou, evitar que a tensión derivase en violencia.
Con patrullas da Garda Civil e un representante da Sareb no lugar, a parella acabou cedendo na súa negativa. Finalmente, unicamente coa condición de dispoñeren dun taxi -que solicitou o alcalde- ata a estación de autobuses de Pontevedra que lles permitise saír sen arriscarse a padeceren novos incidentes.
Por tras da decisión de instalárense sen permiso nunha casa do banco malo, relata Pontevedra Viva, está unha longa historia de pobreza que máis encaixa nun contexto de exclusión social cronificada e non atendida que nos riscos de "delincuencia" aludidos por algúns dos veciños mobilizados. Escaseza de cartos ou antixitanismo son só algunhas das circunstancias que viven Encarnación e Antonio, situación á que no caso da muller se engade a esclerose múltiple que padece un dos seus tres fillos, atendido nun centro residencial na provincia de Lugo.
Conscientes da ilegalidade de entraren vivir nunha casa que non é súa, a esperanza ao instalárense na vivenda da que agora foron desaloxados pasaba por daren obtido un alugueiro social que puidesen atender cos seus escasos ingresos. Agora, din, buscarán outro teito.