Na madrugada do sábado ao domingo volverá cambiar á hora, de xeito que ás 3 serán as 2. Nos días seguintes amencerá máis cedo e o Sol tamén se porá antes
Na madrugada do sábado ao domingo volverá cambiar á hora, de xeito que ás 3 serán as 2. A consecuencia inmediata é que esa noite durmiremos unha hora máis, como se adoita dicir. Ademais, nos días seguintes amencerá máis cedo (o mencer, que o sábado terá lugar ás 8:57, está previsto para as 7:59 o domingo) e o Sol tamén se porá antes (o solpor, que o sábado será ás 19:38, pasará a ser ás 18:37 o domingo).
Será este o derradeiro cambio horario? Non semella probable. É certo que este ingreso no horario de inverno é o último que está recollido no BOE. O 11 de marzo de 2022 o Boletín Oficial do Estado publicou as datas de inicio e final do horario de verán dos anos 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026 e aínda non foi publicada a orde que regulará o comezo deste horario no ano 2027. Porén, o pasado mes de marzo a Comisión Europea publicou no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) os días nos que a hora debe cambiar na primavera e no outono entre os anos 2027 e 2031.
Nos últimos tempos foron numerosas as voces que veñen apostando pola supresión do cambio horario estacional e o Parlamento europeo e a Comisión Europea manifestaron a súa disposición a facelo. Mesmo Pedro Sánchez reabriu o debate hai ano e medio
Nos últimos anos foron numerosas as voces que veñen apostando pola supresión do cambio horario estacional e mesmo o Parlamento europeo e a Comisión Europea manifestaron a súa disposición a facelo; ata chegou a realizarse unha consulta cidadá na UE no ano 2018. Porén, o debate ficou aparcado ata que hai cinco meses Pedro Sánchez recuperou por sorpresa a iniciativa a través dun vídeo nas redes sociais no que anunciou que España defendería esta posición nos distintos órganos competentes da Unión Europea, como así fixo por exemplo no Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía.
O asunto foi debatido no Parlamento europeo, pero sen chegar á necesaria maioría, e o que se fixo foi solicitar á Comisión Europea un estudo que analizase a proposta española, as súas vantaxes, inconvenientes e as reformas que implicaría. Porén, non houbo máis avances e a medida debe ser adoptada polo Consello da UE, onde debe recabar un consenso entre os 27 estados membros.
Porén, non houbo avances, en boa medida pola dificultade para chegar a un consenso e elixir que horario adoptar (o de verán ou o de inverno, no caso de suprimir o cambio)
O outro atranco é que suprimir o cambio horario bianual implica tomar en cada país unha decisión importante, con pros e contras e con sectores e territorios a favor ou en contra dunha ou doutra posición: que horario escoller? O medo ás reaccións contrarias á opción escollida frea de momento a toma de decisións nun ou noutro sentido, o que, de momento, deixa fóra das axendas esta cuestión na maior parte de países.
Quen apostan por suprimir o cambio destacan principalmente que este "trastoca os ritmos biolóxicos" dúas veces ao ano, afectando negativamente á calidade do sono nos días posteriores ao cambio. Pola súa banda, as voces que avogan por manter o cambio bianual, fan fincapé sobre todo nos seus beneficios para un mellor aproveitamento das horas de luz solar polas tardes para a realización de actividades de ocio.
Quen apostan por suprimir o cambio destacan principalmente que este "trastoca os ritmos biolóxicos". Pola súa banda, as voces que avogan por manter o cambio fan fincapé nos seus beneficios para un mellor aproveitamento das horas de luz solar
E se hai un debate moi vivo sobre a conveniencia de manter ou non o cambio de hora, máis intensa aínda é a pugna entre os defensores de fixar todo o ano o horario de inverno (UTC +1) ou o de verán (UTC +2).
No caso de Galicia ficar todo o ano co actual horario de verán suporía que o Sol sairía máis tarde das dez da mañá o 21 de decembro (10:01 en Santiago), algo que semella inasumible. Por outro lado, optar por ficar todo o ano co actual horario de inverno adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e, sobre todo, acurtaría notablemente as tardes, especialmente na primavera e no outono.