O impulso das xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira estende, dende hai oito anos, as reivindicacións do 8M ao ámbito informativo dende Pontevedra. Un ano máis, na contorna do Día Internacional da Muller o encontro As mulleres que opinan son perigosas xunta profesionais do oficio para reivindicar o traballo das mulleres nas redaccións, desta volta co foco posto en eidos clave como o labor xornalístico para a denuncia das violencias sexuais e a información internacional.
O Teatro Principal pontevedrés volve ser o escenario, os vindeiros 14 e 15 de marzo, dunhas xornadas que xuntan profesionais de Galicia e doutros puntos do Estado, xornalistas veteranas e de medios de gran dimensión con outras máis novas ou de medios emerxentes. E, unha vez máis, sinalará a necesidade específica do equilibrio de xénero nas seccións de opinión.

Con estes principios de fondo, María Hermida (La Voz de Galicia) abrirá co relatorio Non hai historia mala unha edición na que se superarán as cen xornalistas que xa pasaron por Pontevedra baixo este paraugas profesional. Nesa primeira xornada intervirán tamén na quenda de mañá a responsable de Efe Feminista, Macarena Baena, e a xornalista Blanca Lacasa, autora de Las hijas horribles, abordando o "tabú" das "malas nais e as fillas horribles".
Referentes do xornalismo de investigación como Ana Marcos e Elena Reina, veteranas da información internacional como Anna Bosch, pioneiras como María Escario ou referentes da información en Galicia como María Piñeiro, entre as participantes do encontro que volve ao Teatro Principal de Pontevedra os vindeiros 14 e 15 de marzo
Raquel Rosa explicará no inicio da tarde do venres 15 o seu labor no Pensando en ti da Radio Galega e a continuación Ana Marcos e Elena Reina debullarán o seu traballo no equipo de investigación que revelou, no xornal El País, casos de abusos sexuais no sector do cinema. A primeira xornada concluirá cos relatorios de Olga Rodríguez, Feridas de guerra. Desmontando o relato patriarcal dos conflitos, e da xa xubilada María Escario, que abordará os seus corenta anos de traballo en Televisión Española, onde foi pioneira no ámbito da información deportiva.
O sábado, día 15, as primeiras relatoras serán María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras a pasada edición do Premio de Opinión organizado dende As mulleres que opinan son perigosas. Noelia Adánez, de Público, explicará a continuación o seu traballo como coordinadora da sección de opinión. E deste mesmo xénero falará, xa pola tarde, a xornalista da Cadena SER Aida Bao, centrada no seu caso nas videocolumnas.
Identidade lésbica e referentes culturais centrarán a intervención en Pontevedra de Inés Martín Rodrigo, escritora e xornalista en Prensa Ibérica e RNE. A continuación, Raquel Martos falará de como "explicar a actualidade a través do humor", labor que exerce en infoLibre e Onda Cero. O último relatorio será para outra xornalista veterana, Anna Bosch, que falará da súa ampla traxectoria como correspondente e enviada especial de RTVE.
As mulleres que opinan son perigosas volve contar co apoio do Concello de Pontevedra e mais da Deputación. O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, resalta a importancia de que "o xornalismo, en especial as seccións de opinión", sexa "reflexo do que é a sociedade, onde máis da metade da poboación é feminina". O presidente da institución provincial, Luis López, aplaude o traballo das organizadoras para seguir achegando a Pontevedra "opinións perigosas". "Se pechar fendas de xénero, derrubar marcos mentais desfasados e procurar entre todos unha sociedade en igualdade implica algo de perigo, pois asumímolo con pluralidade, con unidade e ata con algo de retranca, como facedes vós", resaltou.
O formulario de inscrición, que é gratuíta, xa está dispoñible no web da Deputación de Pontevedra