Xornalistas piden "responsabilidade" aos medios en redes sociais ante a "reacción neomachista"

Iconas de redes sociais e outras aplicacións CC-BY-SA Ibrahim.ID

Xornalistas Galegas difunde un manifesto co gallo do 25N no que reflexiona sobre como estas plataformas poden alimentar perfís de nesgo machista que inciden directamente na formación de estados de opinión, especialmente entre a mocidade

Xornalistas Galegas, entidade que agrupa preto dun centenar de mulleres da comunicación a prol dun xornalismo con perspectiva feminista, vén de publicar un manifesto centrado na importancia das redes sociais dos medios de comunicación. Na semana do 25N, o colectivo apela á "responsabilidade" dos contidos que recollen estas plataformas para combater ·a normalización da violencia de xénero e a reacción neomachista que frivoliza e disfraza de humor a discriminación e o atentado contra os dereitos das mulleres·.

O manifesto de reflexiona sobre cómo os contidos das redes sociais dos medios de comunicación poden empregarse para alimentar perfís nas redes con sesgo machista que inciden directamente na formación de estados de opinión da sociedade, especialmente entre a mocidade. Lembra, neste senso, os datos que recolle do Informe da Mocidade en España que constata que é un colectivo que emprega internet a diario no 98% dos casos e en máis do 90% relaciónase a través de redes sociais. 

Xornalistas Galegas na manifestación do 8M 2025 en Santiago CC-BY-SA Xornalistas Galegas

O colectivo apela á "responsabilidade" dos contidos que recollen estas plataformas para combater ·a normalización da violencia de xénero e a reacción neomachista que frivoliza e disfraza de humor a discriminación e o atentado contra os dereitos das mulleres

Ante esta situación, as xornalistas instan a directivas e redaccións dos medios de comunicación a "extremar o rigor nas informacións que trasladan por redes sociais", tendo en conta que tal como se recolle no informe Contar sin legitimar. Violencias machistas en los medios de comunicación “as informacións que os medios xeran sona as que dan o material para que a sociedade poida comentar na súas redes as novas nun ou noutro sentido”.

 

Novas misoxinias

Xornalistas Galegas advirte tamén no 25N, Día contra as violencias machistas, de que na contorna dixital "alteráronse o mapa da violencia de xénero e os discursos sobre igualdade". Salientan que, lonxe de desaparecer, o machismo "mutou desde o discurso frontal e agresivo de outrora a unha linguaxe próxima, irónica e aparentemente inofensiva que, porén, reforza os piares sociais da discriminación ás mulleres". 

Salientan que, lonxe de desaparecer, o machismo "mutou desde o discurso frontal e agresivo de outrora a unha linguaxe próxima, irónica e aparentemente inofensiva que, porén, reforza os piares sociais da discriminación ás mulleres"

Isto tradúcese no ámbito comunicativo "en violencia simbólica e informacional que banaliza a desigualdade, ridiculiza a denuncia e reforza una narrativa de feminismo esaxerado". 

Finalmente, alertan de que a suma deste factor coa economía algorítmica pola que os sistemas premian os contidos polémicos, converte a violencia simbólica en negocio.

Ante esta situación "que desgasta o consenso social sobre a violencia de xénero", Xornalistas Galegas reivindican "un cambio nas estratexias dos medios de comunicación" focalizado neste caso no "compromiso deontolóxico nas súas redes sociais", como ferramenta para transformar a desigualdade social e a violencia machista.

Alertan de que a suma deste factor coa economía algorítmica pola que os sistemas premian os contidos polémicos, converte a violencia simbólica en negocio

Recomendacións

O manifesto inclúe varias recomendacións para a información que se difunde a través das redes sociais:

  • Non todo vale para o clickbait: non dar cabida nin difusión a informacións e contidos misóxinos sen perspectiva de xénero
  • Contextualizar estas informacións co apoio de voces expertas en violencia machista
  • Non empregar imaxes de mulleres vítimas, e moito menos extraídas das redes sociais
  • Coidar o extracto breve empregado para a difusión informativa nas redes: non debe trasladarse unha idea incompleta ou sesgada
  • Vixiar e moderar os comentarios das persoas usuarias nas redes sociais, sempre velando polo respecto e contra actitudes de odio, ameaza e acoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.