-
Dereita absoluta
O ascenso da extrema dereita de Vox ao medio cento de escanos abre ao PP as portas da investidura de Feijóo como presidente do Goberno de España malia colleitar un resultado moi semellante ao de 2023. Seguir lendo a información en actualización
-
A maioría das dereitas, en 186 escanos co reconto aproximándose ao 60%
Co reconto aproximándose ao 60%, PP e Vox seguen gozando dunha estable maioría absoluta de 185 escanos. Os populares caen 3 escanos con relación a 2023 e están en 134 que chegan a 136 contando UPN, pero a formación de extrema dereita dispárase a 50.
-
O reconto chega á metade e as dereitas teñen unha marxe dunha decena de escanos sobre a absoluta
Co reconto case no 50% para o total estatal, a suma do PP e UPN con Vox supera a maioría absoluta nunha decena de escanos ata chegaren aos 185: son arestora 133 do PP e 50 de Vox e mais os dous da coalición navarra.
Nas circunscricións galegas o reconto xa está no 51% e segue sen variacións: 13 escanos para o PP, 8 para o PSdeG e 2 para o BNG.
-
O escrutinio achégase ao 40% e a absoluta das dereitas chega a 184 escanos
Superado o 36% do escrutinio a suma do PP e UPN con Vox alarga a maioría absoluta. Os de Feijóo colleitan arestora un resultado en escanos moi semellante ao de 2023, 133, pero o gran medre da extrema dereita, ata os 49, sitúa a suma en 184 escanos.
-
Á beira do 30% as dereitas afianzan a maioría
Con algo máis do 26% escrutado, a suma de PP e Vox canda UPN afiánzase nunha cómoda maioría absoluta de 181 escanos, unha marxe de cinco sobre o que precisan para investir a Feijóo.
-
Co 20% escrutado PP e Vox superan a absoluta por dous escanos
O total estatal supera tamén o 20% escrutado. A suma de PP e Vox continúa nos 177 escanos, dous por riba da absoluta.
-
En Galicia o escrutinio supera o 20% con maioría de escanos para o PP
O escrutinio para o conxunto de circunscricións galegas supera o 20%. O PP obtería 13 escanos, como agora, mentres que PSdeG e BNG sumarían cadanseu escanos, absorbendo os dous que tivera Sumar en 2023.
-
Ás portas do 20% mantense a absoluta das dereitas con empate técnico PP-PSOE na cabeza
Ás portas do 20% a suma das dereitas continúa na absoluta, con 177 escanos. Ao tempo, PP e PSOE continúan competindo pola primeira posición en votos, na contorna do 30%.
-
Ao bordo do 15% PP e Vox xa superan a absoluta
Co escrutinio xeral na contorna do 15% a suma do PP con Vox supera a maioría absoluta cun total de 178 escanos, tendo en conta tamén a UPN.
-
Os datos definitivos dunha participación histórica
-
Escrutinio a 10%: as dereitas rozan a absoluta
Co 10% escrutado, PP e PSOE compiten na primeira posición en votos na contorna do 30%, pero a suma das dereitas bordea a maioría absoluta: 127 escanos do PP máis 1 de UPN e 47 de Vox. En total, 175, un por baixo da absoluta.
-
A participación, na contorna do 80%
A actualización da participación nas eleccións xerais tras o peche dos colexios electorais sitúase na contorna do 80%. Concretamente, no 78% para o total estatal e no 77% para Galicia.
-
Os primeiros datos reais do escrutinio: ao 4%
Comezan a chegar os primeiros datos reais do escrutinio electoral. Con apenas o 4% dos votos rexistrados no total estatal, PP e PSOE compiten pola primeira posición na contorna dos 120 escanos
-
Os inquéritos trazan un reparto galego semellante ao actual con subas de PP e BNG
Para Galicia, a enquisa de Sigma 2 para RTVE e as demais canles públicas outorga ao PP entre 13 e 14 escanos, con 7 ou 8 para o PSdeG e 2 para o BNG. Sondaxe para La Voz de Galicia, pola súa banda, debuxa un reparto moi semellante: 14 escanos populares (+1), 7 socialistas e 2 do BNG (+1)
-
As enquisas apuntan a absoluta das dereitas
O groso das enquisas divulgadas ao peche dos colexios electorais -non se trata de inquéritos a pé de urna, senón de sondaxes realizadas nos últimos días- sitúan a PP e Vox en condicións de sumaren maioría absoluta e gobernar, pero con intervalos moi dispares. Dende unha folgada absoluta ata ao límite dunha nova investidura de Pedro Sánchez apoiada nunha complexa alianza.
A elaborada por Sigma 2 para RTVE e as demais canles públicas (entre elas, os medios públicos galegos) sitúa a alianza das dereitas (PP coa súa coalición en Navarra e mais Vox) entre 175 (un por baixo da absoluta) e 184 escanos.
A de GESOP para os xornais do grupo Prensa Ibérica estímalles entre 177 (dous por riba da absoluta) e 195. A de SW Demoscopia para La Séptima estima que o PSOE sería primeira forza, con entre 132 e 138 escanos, pero aínda así as dereitas tamén poderían gobernar no escenario máis favorable para PP e Vox, con 178 escanos, mentres que no intervalo máis baixo os deixa en 165 e abre a porta a maioría progresista.
Cómpre ter en conta, non obstante, que o groso de enquisas elaboradas durante a campaña, coma estas, non contemplaban cifras de participación tan elevadas como as rexistradas este domingo.
-
A participación medra máis na contorna das cidades
O mapa amosa os cambios na participación electoral ás 18 horas en cada concello. As zonas de verde máis escuro, que corresponden aos maiores incrementos localízanse na maior parte das localidades da Galicia urbana, tanto as propias cidades (coa excepción de Ferrol) coma as súas áreas metropolitanas. As zonas con menores aumentos son sobre todo rurais.
-
A participación medra máis de 15 puntos nas cidades de Lugo e Ourense
A participación dispárase en case todos os concellos galegos, pero hai que destacar ás cidades de Lugo e Ourense e a vilas como Padrón, Barbadás, Oleiros, Salceda de Caselas ou O Barco de Valdeorras, con aumentos de máis do 15%. A Coruña, Pontevedra ou Santiago tamén rozan ese 15% de aumento. En xeral, nas áreas metropolitanas das cidades está a aumentar a participación por riba da media.
-
A participación sobe un 12% en Galicia ás 18 horas
As eleccións deste domingo poden converterse nos comicios con máis participación na historia tanto en Galicia coma no conxunto de España. Ás 18 horas a participación medra un 12,2% en Galicia e un 15% no Estado. Os datos tamén superan amplamente o das eleccións de abril de 2019, que rexistraran unha elevada participación final (74% en Galicia, 76% en España).
A mobilización medra en todas as comunidades autónomas. A que máis medra é Madrid (+19%), seguida de Catalunya (+18%), Euskadi (+17%), Navarra e Aragón (+16%). Galicia é un dos territorios nos que menos aumenta. Haberá que agardar aos datos definitivos para comprobar se se manteñen as tendencias.
-
O PSdeG de Lugo denuncia eivas en varios colexios electorais da cidade
O coordinador de campaña do PSdeG de Lugo, Lucho Lago Lage, denuncia que os colexios electorais das Mercedes e do Veral estiveron varias horas sen papeletas de votación. Tamén critica que o Concello "non atende ningún dos tres teléfonos de contacto das mesas".
Os socialistas tamén advertiron de "interrupcións" no Aulario de Veterinaria e no Edificio Multiúsos da Xunta pola falta de papeletas, así como de "problemas de acceso" no Castiñeiro, "onde unha mesa se instalou na entrada tras a caída do falso teito".
-
Mobilización masiva do electorado: a participación medra 5 puntos ás 14 horas
A participación ás 14 horas rexistra un incremento de case 5 puntos en Galicia (ata o 43,8%) en relación a xullo de 2023 e de 5,3 puntos no conxunto do Estado, ata o 45,8%. O incremento é aínda superior se se comparan os datos cos de abril ou novembro de 2019. No resto do Estado destacan a fortísima mobilización que se está a rexistrar en Euskadi (un incremento de 10,2 puntos), Catalunya (+8,4%), Navarra (+7,8%) e Aragón (+7,2%).
En Galicia a participación aumenta en case todos os concellos, pero especialmente en Muros, Baños de Molgas, A Illa de Arousa ou Viveiro. Nas cidades a participación medra sobre todo en Ourense (+8,2%), Lugo (+6,0%) e Santiago (+6,1%). Na Coruña o aumento é de 5,5%.
A participación está a aumentar máis nos concellos nos que esquerda (PSdeG, Sumar e BNG) obtivo un mellor resultado en 2023 e, en cambio, sobe menos onde o PP gañou con máis claridade. Seguir lendo
-
A participación en Galicia medra 5 puntos en relación a 2023 e case 12 dende o 2019
A participación está a ser masiva nas primeiras horas de votación. O primeiro avance de datos, correspondente ás 14 horas amosa un incremento do número de votantes de 4,7 puntos en Galicia e de 5,1 no conxunto de España en relación ás eleccións de xullo de 2023. En relación aos comicios de novembro de 2019 a participación aumenta case 12 puntos en Galicia e 7,5 puntos no Estado.
A participación crece de maneira semellante nas catro provincias galegas e no resto do Estado destacan os fortísimos incrementos en Euskadi, Navarra, Catalunya e Aragón. Toda a información, nuns minutos en Praza.
-
"Boas sensacións" no PSdeG
Tamén votaron as candidatas e candidatos do PSdeG pola provincia da Coruña, como Obdulia Taboadela, Ana Alvite ou Julián Reina, o mesmo que o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Ana Alvite destacou as "boas sensacións" e a elevada participación que se está detectando nos colexios electorais.
-
Verónica Barbero pediu que “ningunha muller quede calladita"
A candidata da Fronte Ampla Verónica Martínez Barbero votou en Sabarís (Baiona), onde destacou que “hoxe todo o poder deste país cabe nun sobre” e pediu que “ningunha muller quede calladita, que falemos todas exercendo o dereito máis importante da democracia”.
-
Rueda anticipa que "a participación vai ser moi alta"
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, votou en Pontevedra acompañado da súa familia, da número dous ao Congreso, Pepa Pardo, e do presidente do PP local e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez. Rueda destacou que os datos amosan que "a participación vai ser moi alta", unha circunstancia positiva xa que "España xógase moito e Galicia tamén".
-
Os datos de participación, clave
Unha das claves da xornada electoral será a participación. Historicamente, unha maior mobilización está asociada a un mellor resultado da esquerda, como analizamos nesta información. Pouco despois das dúas da tarde coñeceremos o primeiro avance, que teremos que poñelo en relación cos datos de xullo de 2023 e, sobre todo, de abril e novembro de 2019. Veremos, ademais, se a participación sobe ou baixa máis nos concellos que habitualmente votan máis á dereita ou á esquerda.
É posible que a comparación cos comicios de hai tres anos non sexa moi útil, debido ás moi diferentes condicións de temperatura e luz solar, que favoreceron unha maior participación nas primeiras horas en 2023 (e tamén nas últimas). O groso da participación este domingo debería chegar nas horas centrais.
-
Rego, Pontón e Rodil piden unha "mobilización masiva"
Tamén en Galicia candidatos e candidatas votaron a primeira hora nos seus respectivos colexios electorais. Néstor Rego, número 1 do BNG pola Coruña, fíxoo antes das dez da mañá en Santiago animando a participar masivamente porque "decidimos o futuro da Galiza". Fíxoo acompañado da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que pediu unha "mobilización masiva", apelando a que se vote "pensando no que é o mellor para Galiza e para as súas vidas"
A número 1 nacionalista por Lugo, Olalla Rodil, votou contra as 11 da mañá na capital lucense acompañada da candidata ao Senado Brenda González, do voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, e doutros cargos organicos e institucionais
-
Intervención ante os medios de comunicación de Feijóo e Sanchez tras exercer o seu dereito ao voto © PP/PSOE Sánchez e Feijóo votan cedo
Os candidatos de PSOE e PP exerceron o seu dereito ao voto a primeira hora da mañá en Madrid. Pedro Sánchez fíxoo ás 9:14 afirmando que ve unha "mobilización histórica" e que ten "boas sensacións". "Hai moitos poderes en democracia, pero o maior dos poderes é o voto”, afirmou o líder socialista.
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo votou pouco despois das dez e media da mañá acompañado da súa esposa, Eva Cárdenas, e do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. O líder do PP pediu que a cidadanía "non vote con medo", senón con "memoria" e subliñou que as eleccións van marcar "un antes e un despois" na política española.
-
Todas as mesas, constituídas e sen incidencias
Ás nove e cuarto quedaron constituídas as 3.912 mesas electorais, nun proceso que se levou a cabo sen "incidencias reseñables", segundo confirma a Delegación do Goberno do Eetado en Galicia.
Na Coruña, a última mesa constituída foi unha das situadas no Centro Ágora, ás 9 e cuarto. Nesta mesa, a Xunta Electoral acordou a prolongación en 15 minutos do horario de votación. Ás oito da mañá xa se constituíran as tres primeiras mesas en Galicia: no Centro Social de Toimil, en Xove, na antiga Escola Pública de San Cristovo, en Monterrei e no edificio de Servizos Múltiples de Neda. A primeira mesa que se constituíu na provincia de Pontevedra foi a do Centro Sociocultural de Trabanca, en Vilagarcía de Arousa, que o fixo ás 8 e un minuto.
-
A (non) lei que reparte escanos: o que tes que saber do método d'Hondt
Os 350 escanos en xogo (23 en Galicia) distribúense empregando o método ideado por Victor d'Hondt e que persegue a proporcionalidade. Porén, a proporcionalidade do sistema d'Hondt para asignar escanos aumenta ou diminúe en función de factores como o tamaño da circunscrición. O seu funcionamento, ademais, leva a que a forza menos votada con dereito a escano poida acabar disputando directamente un posto á que tivo máis votos. Seguir lendo.
-
Galicia xa vota
Ás nove da mañá abriron as súas portas os 2.307 colexios electorais galegos, que acollen 3.912 mesas. Poderase votar ata as oito da tarde.
2.734.437 persoas poden votar nas catro circunscricións galegas, entre elas as 517.063 que conforman o censo de residentes no estranxeiro (CERA), rebaixado finalmente en 18.876, despois da decisión do Tribunal Supremo de suspender o sufraxio a persoas nacionalizadas pola vía de presunción de exilio dos seus familiares.Na axenda do día hai algúns momentos clave: ás 14 horas informarase do primeiro avance de participación e ás 18 horas o segundo. Ás 20 horas pecharán as urnas e comezará o reconto. A esa hora publicaranse ademais os datos de varias enquisas cunha estimación dos resultados, que comezaremos a coñecer a partir das 21 horas.
-
Un 29N sen chuvia
Galicia votará este domingo cun tempo agradable e practicamente sen chuvias, segundo informa Meteogalicia. Comezaremos aínda durante a madrugada con algún chuvasco, máis probable nas provincias de Ourense e Lugo para dar paso a unha alternancia de nubes e claros co paso das horas. As temperaturas irán descendendo, quedando unhas últimas horas bastante frías.
- Política Ao vivo
A hora dos votos nun 29N transcendental