No Museo do Gaiás haberá espazo para máis de 70 proxectos e 300 makers, máis de 40 obradoiros e máis de 20 charlas, tanto en liña como presenciais
Do 1 ao 4 de xuño a Cidade da Cultura acolle a novena edición da Maker Faire Galicia, unha das citas de referencia para a comunidade maker galega nos últimos anos. No Museo do Gaiás haberá espazo para máis de 70 proxectos e 300 makers, máis de 40 obradoiros e máis de 20 charlas, tanto en liña como presenciais.
Os makers son os argalleiros e argalleiras de toda a vida, é dicir: persoas inquedas que gostan de utilizar o seu talento pensando en solucións a problemas cotiás e que disfrutan compartindo aquilo que saben facer, online ou en persoa, o que permite unha innovación moito máis áxil. Isto está a dar lugar ao que coñecemos hoxe en día como o Movemento Maker. Este movemento baséase na cultura do Do It Yourself ou Faino ti mesmo e a aplicación dos principios do software libre á fabricación.
A asistencia ao evento é totalmente gratuíta, tanto nos contidos liña como nas sesións presenciais de industria e educación, que terán lugar nas mañás dos días 1 e 2 de xuño, respectivamente. As xornadas de portas abertas dos días 3 e 4 de xuño terán un custo de 6 euros presenciais, sendo gratuítas para menores de 6 e maiores de 65 anos.
Día 1: industria
O primeiro día, o 1 de xuño, estará dedicado á industria, presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en diferentes campos
O primeiro día, o 1 de xuño, estará dedicado á industria, presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en diferentes campos. Dimitris Petrotos presentará o seu proxecto Laddroller, centrado na mobilidade sen barreiras. A mesa redonda "Dilemas éticos na intelixencia artificial" contará coa participación de Amparo Alonso, Bárbara Román de Nolegaltech e Ana Mª Alonso.
Da innovación en biotecnoloxía tamén se falará con Eldara Rodríguez Cobo, responsable de innovación de NANOGAP, Alvaro Goyanes, director e cofundador de FabRx, Patricia Fraga María de DIH DATAlife e Julio Martínez Rumbo, Project Manager do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). No eido da enerxía, David Buceta, CTO de NANOGAP, presentará Hysun, un proxecto que pretende revolucionar a xeración de hidróxeno renovable. Ademais, haberá un concurso de proxectos e un concerto de plantas que promete ser espectacular.
Día 2: educación
O 2 de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación de referentes destacados
O 2 de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación de referentes destacados. O mozo maker Samu falará da arte como forma de expresión e comunicación. Eva Cabanelas abordará a importancia da divulgación científica. Esther e Diego, finalistas do Stockholm Junior Water Prize (#SJWP) presentarán o seu proxecto "Nunca choveu que non escampara" Ademais, contaremos coa experiencia de Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes, Jorge Sánchez López (Simón), enxeñeiro e co-director do Centro CeLeO, Xoan España, Director Xeral e Transformación de Amicos e Pablo Vilariño, Instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE, moderados pola xornalista Selina Otero, que guiará a conversa e facilitará o intercambio de coñecementos sobre inclusión e accesibilidade na comunidade Maker.
Xornadas abertas ao público
Os dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os públicos. Durante estes días, os asistentes poderán explorar o mundo dos brazos electrónicos, mergullarse nas páxinas da revista AI-GEN, descubrir a fusión entre arte e tecnoloxía con Rubén Ramos Balsa, afondar na domótica, interactuar co poderoso Chat GPT e marabíllarse coa maxia da impresión 3D.
Os dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os públicos
O sábado día 3 dedicarase unha parte importante da xornada ao “emprendemento social”, con destacados relatores que abordarán temas fundamentais para promover o emprendemento con impacto social. Destacarase a importancia da inclusión, a sustentabilidade e a innovación neste ámbito. Dirixido por Víctor Grande, guionista e presentador, o acto contará coa participación de Celso Gándara, xerente de Algalia e presidente de FOROESGAL; Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia; Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes; Ana Olveira de Abeluria Coop; Lorena Quintás, de Xogo de Fíos e representantes de destacadas organizacións como Grovemakers, Skeirrum, Ecos do Sur, Despunte e Cogami-Galega Economía Social.
Tamén durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio
Tamén durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, onde os participantes traballarán en equipo para buscar solucións aos retos propostos por entidades como a ONCE, ASPACE Coruña ou COGAMI Galicia.
A Maker Faire Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o Círculo Financiero de Galicia e o Club Empresarial Nordés. Ademais, conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.