No ano 2023 a compañía puxo en marcha a produción industrial de larvas de mosca soldado negra para a xeración de proteínas para alimentación animal e outros usos e graxas para biofertilizantes
No ano 2023 a compañía Bioflytech comezou a producir en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, proteínas e graxas procedentes de larvas de mosca soldado negra. A aposta, cun investimento inicial de 22 millóns de euros e a creación de 50 postos de traballo situouna na vangarda europea ha xeración de proteínas de alta calidade, con aplicacións coa nutrición animal -pensos para acuicultura, avicultura, porcino, ademais de alimentos para mascotas-, ademais de para a cosmética, a industria farmacéutica ou a produción de biofertilizantes.
Trátase dun mercado en auxe, dada a inxente necesidade de proteínas animais provocada polo crecemento da poboación mundial -humana e animal- que levou a un incremento moi importante do prezo pagado por cada tonelada de larvas de insecto. O pasado verán a compañía anunciou o investimento de cen millóns de euros para facer crecer a súa planta de Palas de Rei, co obxectivo de multiplicar a súa produción, que pasaría das 12.000 toneladas de derivados animais actuais ata as 62.000, o que a levaría ao liderado mundial. "O que pretendemos é pechar o círculo. Queremos que sexa unha granxa integral, ter todos os recursos cerca, dende a cría da larva ata a produción de fariña e de graxa", explicou nese momento Jesús Rodríguez, CEO da compañía.
Un investimento de 22 millóns de euros levouna xa a ser líder en Europa, unha aposta que redobra coa ampliación da planta, neste 2026, e a achega de 100 millóns de euros máis
Agora vén de coñecerse que Bioflytech -a través da súa filial Alfaprogal (Alternative Fats and Proteins of Galicia)- vai liderar un proxecto europeo para acadar un sistema intelixente de precisión que optimice a eficiencia e a trazabilidade da produción industrial de larvas de mosca soldado negra, nunha iniciativa que conta coa Universidade da Coruña como socia. O proxecto contará cun prazo de execución de dous anos e un orzamento de máis de 3,6 millóns de euros.
Agora vén de coñecerse que Bioflytech, coa UDC como socia, vai liderar un proxecto europeo para acadar un sistema intelixente de precisión que optimice a eficiencia e a trazabilidade da produción industrial de larvas de mosca. O proxecto conta cun orzamento de máis de 3,6 millóns de euros
O obxectivo é crear un sistema automatizado, intelixente e escalable, que mellore o rendemento e a pegada ambiental da produción. Para iso, introduciranse tecnoloxías avanzadas como a computación cuántica, o IoT, a automatización ou a intelixencia artificial. Así, utilizaranse sistemas de sensorización e rastrexo que permitan monitorizar, en tempo real, todas as variables do proceso. Aplicaranse tecnoloxías de visión artificial e procesamento de imaxe para a detección e análise do estado do cultivo, así como algoritmos de IA e sistemas automatizados para optimizar a alimentación, a rega e o control ambiental das granxas.
Con esta proposta, Galicia “estará nunha posición preferente para liderar a produción europea dunha nova xeración de proteínas e graxas de alta calidade, así como de biofertilizantes derivados de mosca soldado negra, cun gran potencial de negocio, de crecemento e xeración de emprego e riqueza”, explica Jesús Rodríguez, CEO de Bioflytech. A aposta permitirá incorporar a Galicia "un novo modelo de gandaría estratéxica, alternativa á tradicional, máis sustentable e tecnolóxica, que ademais fomenta a economía circular".
“Cando pensamos en Galicia, imaxinamos gandaría ou acuicultura tradicional. Este proxecto lévanos a imaxinar unha 'granxa' totalmente nova, tecnolóxica e cunha pegada ambiental mínima," explica Luis Pena (UDC)
A UDC encargarase dos ensaios e análises ambientais, así como da validación científica do proxecto. “Cando pensamos en Galicia, imaxinamos gandaría ou acuicultura tradicional. Este proxecto lévanos a imaxinar unha 'granxa' totalmente nova, tecnolóxica e cunha pegada ambiental mínima," explica Luis Pena, membro do equipo de investigación da UDC, xunto con Alberto Alvarellos, Juan José Galán e Jerónimo Puertas.
O proxecto conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Estatal de Investigación, e está cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER.
Unha industria en crecemento
Galicia “estará nunha posición preferente para liderar a produción europea dunha nova xeración de proteínas e graxas de alta calidade, así como de biofertilizantes derivados de mosca soldado negra, cun gran potencial de negocio, de crecemento e xeración de emprego e riqueza”, explica Jesús Rodríguez, CEO de Bioflytech
En decembro, a Xunta anunciou a declaración como Proxecto Industrial Estratéxico a ampliación da fábrica de Palas de Rei, prevista para este ano 2026. Coa ampliación, prevese que a planta dea traballo -de forma directa ou indirecta- a unhas 150 persoas. Bioflytech é xa líder europeo na produción de larva seca, compost, fariña proteica e graxas derivadas da larva de mosca soldado negra. Coa ampliación aspira a liderar a produción a nivel mundial.
A larva seca obtense do secado case completo da larva fresca, e é un produto altamente proteico. A fariña obtense a partir de larva de mosca soldado negra desengraxada, e está indicada para a elaboración de pensos animais.
A graxa obtense tamén das larvas e é un produto de alta calidade cunha elevada porcentaxe de ácido láurico, palmítico e alfa-linolénico, pensado para alimentación animal e para a industria farmacéutica, biodiesel e cosmética. O compost obtense como consecuencia da biodixestión do material vexetal producido durante o proceso de engorde das larvas, e utilízase como fertilizante porque presenta unha alta porcentaxe en nitróxeno de alta biodispoñibilidade, ademais de fósforo, potasio e minerais e nutrintes esenciais para as plantas.