Chega 'Breogán', a primeira gaita virtual para tocar dende o ordenador

Captura de pantalla da ferramenta 'Breogán' ©

O trebello, en aberto de de balde, estará dispoñible dende este sábado 21. Foi desenvolvido polo creador coruñés Carlos Lijó, que o pasado ano presentou tamén Carmucha, unha aplicación que ofrece ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro

Dende o pasado ano dispoñemos de Carmucha, un trebello dixital para crear música tradicional creada por Carlos Lijó que ofrece ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro para que poidan ser mesturados con estilos contemporáneos, practicar pasos de baile ou ensinar en calquera aula. Agora chega Breogán, unha gaita virtual desenvolvida tamén polo creador coruñés e que permite recrear o son deste instrumento de forma dixital para o seu uso en composición e produción musical.

Breogán estará dispoñible dende este sábado 21, unha data moi significativa xa que se conmemora o Día Europeo da Música Antiga, destaca Lijó. O plugin inclúe tamén outros instrumentos de vento tradicionais, como o pito galego, a requinta e o asubío. 

Carlos Lijó ©

O plugin inclúe tamén outros instrumentos de vento tradicionais, como o pito galego, a requinta e o asubío

Breogán VSTi ofrécese en aberto e de balde e busca, ao igual que facía Carmucha, achegar os sons da música tradicional galega ao mundo dixital, para o seu uso dende un ordenador, sen necesidade de dispoñer dos instrumentos físicos nin de realizar gravacións complexas.

Para a gravación das mostras contouse coa colaboración do músico de música tradicional Nicolás Salgado Biempica, encargado de interpretar os instrumentos durante as sesións de gravación, co obxectivo de capturar o son con naturalidade e respecto pola tradición interpretativa.

“Este proxecto tamén busca poñer en valor o patrimonio musical galego, demostrando que os instrumentos tradicionais poden convivir perfectamente coas tecnoloxías actuais e formar parte da creación musical contemporánea”, explica Lijó

“Breogán VSTi foi deseñado pensando tanto en músicos tradicionais como en produtores modernos”, explica Carlos Lijó. O instrumento, engade, “inclúe diferentes articulacións, control de dinámica e varios paneis de configuración que permiten modificar parámetros como ecualización, reverb, vibrato ou envolvente, facilitando adaptar os sons a diferentes estilos musicais”. 

Como con Carmucha, “este proxecto tamén busca poñer en valor o patrimonio musical galego, demostrando que os instrumentos tradicionais poden convivir perfectamente coas tecnoloxías actuais e formar parte da creación musical contemporánea”, explica Lijó.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.