Medio Ambiente evita valorar a investigación que insta máis melloras ambientais nas Illas Atlánticas

Unha vista da illa de Ons, unha das que forman o Parque Nacional Illas Atlánticas CC-BY María José Bana

O estudo conclúe que os visitantes apoian "intervencións de conservación moderadas" e que estarían dispostos a pagar por elas, pero a Xunta limítase a lembrar que a normativa de parques nacionais non contempla o cobro

Un estudo do CSIC e o Parque Nacional Illas Atlánticas avanzado este martes por Praza.gal vén de concluír, logo de tres anos de investigación, que os visitantes apoian e mesmo estarían dispostos a pagar por máis melloras ambientais nese espazo protexido. A Consellería de Medio Ambiente, competente para realizar esas melloras ambientais, considera que "non hai ningunha novidade nin outra valoración que facer que lembrar que o acceso aos parques nacionais e aos seus servizos básicos é e sempre foi totalmente gratuíto, tal e como se recolle no Plan Director de Parques Nacionais".

Enquisa sobre o posible cobro a visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas CC-BY-SA Praza Pública

O estudo agora publicado baséase nunha enquisa realizada no verán de 2023 a 4.000 visitantes do parque aos que se preguntou se estarían dispostos a pagar 2,5 ou 5 euros para que se realizasen alí diversas melloras ambientais. Cando Praza.gal revelou daquela a enquisa, Medio Ambiente atribuíuna "ao CSIC en colaboración co parque", malia que aos enquisados foilles presentada como "da Xunta de Galicia". Segundo dicía a consellería, tratábase "simplemente dun estudo dun centro de investigación, que busca que a sociedade reflexione sobre a protección do medio natural". "Non se está a estudar a implantación de ningún suplemento por acceder ao parque", aseguraba a Xunta.

O estudo agora coñecido efectivamente pon o foco no valor que a cidadanía dá para o seu benestar a distintas intervencións ambientais, máis que no cobro concreto dunha contía. Porén, Medio Ambiente rexeita facer ningunha valoración del máis que remitirse á que fixo en 2023, antes de facerse a análise científica, asegurando que non barallaba nin baralla cobrar porque a normativa do parque non o permite.

O presidente Rueda e a conselleira de Medio Ambiente este martes no padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero o estudo vai máis alá e, respecto do parque das Illas Atlánticas, sinala diversas preferencias de actuación por parte da cidadanía, como que "os visitantes prefiren a eliminación parcial en lugar de completa de árbores non autóctonas e estabilizar mellor que incrementar a poboación da controvertida gaivota patiamarela en vez do seu aumento". Tamén di que "hai ampla marxe para reconciliar as prioridades ecolóxicas e sociais" e que "as medidas de comunicación e xestión que teñan en conta as preferencias do público contribuirían á conservación con éxito das áreas protexidas". Porén, para Medio Ambiente tras tres anos de investigación "non hai ningunha novidade".

Rueda di que hai que facer compatible a conservación do parque "coas posibilidades que teñen as illas de desenvolvemento económico"

Praza.gal informou dos resultados da investigación o martes, horas antes e que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participase nunha reunión en Vigo do padroado do parque. Alí o presidente rexeitou contestar preguntas dos medios e comunicación e limitouse a trasladar que hai que compatibilizar a conservación do parque "coas posibilidades que teñen as illas de desenvolvemento económico". Tamén apostou polo "traballo de control, de información e de conservación que hai que facer para que sigan tendo ese valor".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.