Hai algo máis dunha década que a avespa velutina está presente en Galicia. As primeiras alertas en torno a esta especie invasora datan de 2011. Pouco despois chegaron as reclamacións do sector da apicultura e dos concellos, aos que se multiplicaban as peticións de axuda para a retirar niños. "A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas", ilustraba a Asociación Galega de Apicultura en 2017, dous anos antes de que a Xunta presentase un plan para coordinar a loita contra a velutina.
Un equipo da Universidade de Oviedo acredita durante un trampeo de velutinas a presenza en Asturias da 'Vespa soror' ou "avespa xigante do sur", propia de países como India e Vietnam ou do sur da China
Así, entre alertas polo seu impacto económico e tamén algún episodio tráxico como a morte dun home alérxico por unha picadura, foise normalizando a presenza no noso país dunha especie que pode estar a piques de ter unha competidora. Un equipo científico da Universidade de Oviedo vén de publicar no número de novembro da revista científica Ecology and Evolution un estudo no que documentan a primeira presenza en Europa da Vespa soror, denominada en ámbitos científicos como "avespa xigante do sur". O achado produciuse no concello asturiano de Siero, a apenas cen quilómetros en liña recta de Galicia.
Esta descuberta ten a súa orixe, precisamente, na loita contra a velutina. Concretamente, nun programa "para avaliar a biodiversidade dos insectos afectados" por ela. Ese programa incluía a instalación de trampas para velutinas nas que tamén caeron catro exemplares da Vespa soror en marzo de 2022 e outubro de 2023. Foron preservados in situ e depositados nunha instalación científica da Universidade de Oviedo. O estudo, que contou con fondos do Goberno de Asturias e do Ministerio de Ciencia, permitiu unha análise detallada da xenética dos animais para confirmar que se trata da primeira aparición europea da especie.
"O máis probable é que chegase durante a hibernación, como polisón dende un dos países nos que é nativa" nun contexto no que o clima, "temperado e cada vez menos frío por mor do cambio climático", favorece que sobreviva
A Vespa soror, á que o equipo científico que a achou propón denominar "avispón sóror" para evitar que un acurtamento "popular" da expresión "avespa xigante do sur" poida derivar "en termos indesexables como avespa asiática ou mesmo avespa asasina" é propia do nordeste da India e doutros países asiáticos como Myanmar, Tailandia, Laos, Vietnam ou o sur da China, explica o artigo científico. A hipótese que manexan sobre a súa aparición é que "o máis probable é que chegase durante a hibernación, como polisón dende un dos países nos que é nativa, como xa sucedeu con outras especies", como a propia velutina.
Neste sentido, subliñan que "as condicións climáticas das súas áreas nativas non son diferentes das observadas en Asturias durante os meses de primavera de 2022". "Este clima, temperado e cada vez menos frío por mor do cambio climático, pode favoreces e alterar o período de nidificación" da Vespa sóror. Ademais, o achado dous novos exemplares en outubro de 2023 indica que tiveron que algunha foi quen de sobrevivir ao inverno para "crear unha nova colonia".
Os riscos da súa extensión, advirten, son semellantes aos da velutina. Trátase dun "depredador agresivo" que "se alimenta de invertebrados de varios tamaños", dende bolboretas a libélulas ou saltóns. Pero tamén vertebrados coma os lagartos. E, igual que a velutina, ataca ás abellas e as súas colmeas, "provocando considerables perdas na industria apícola" alí onde se asenta.
O estudo advirte de que a extensión da Vespa soror, un "depredador agresivo", pode ter un "efecto acumulado" coas velutinas e coida que a súa presenza aínda "escasa" é "un punto crítico para a erradicación" e "resposta rápida na localización de niños", que son subterráneos
Ademais, advirten, as picaduras da Vespa soror poden causar "complicacións médicas" xa que, a súa picadura é "moi dolorosa e produce efectos duradeiros". "Probablemente -agregan- teña un veleno potente" polas súas semellanzas xenéticas con outras especies máis estudadas. É especialmente susceptible de picar "durante os meses de setembro a decembro", xusto antes da "aparición dos machos e das ovas raíñas, cando as colonias se fan grandes e moi defensivas". Os seus niños, ao contrario que as velutinas, están normalmente baixo terra, en ocasións a poucos centímetros da superficie.
Con toda esta información sobre a mesa, o equipo da Universidade de Oviedo que documentou a presenza desta avespa asiática xigante advirte de que a súa aparición en zonas onde a velutina está xa "moi estendida" pode ter "un efecto acumulado". E implicará máis "danos ambientais, económicos e mesmo de saúde pública". Dado que actualmente a presenza da Vespa soror "é escasa", atópase "nun punto crítico para a súa erradicación e unha correcta xestión mediante a posta en marcha dun plan de resposta rápida na localización dos seus niños".
No caso asturiano, avanzan, "incrementaranse fortemente as actividades de vixilancia", especialmente na contorna onde foi documentada a primeira apliación. "Estarán dirixidas a verificar a presenza e potencial propagación da especie na comarca, así como a avaliar posibles danos e implicacións da chegada" nos "sectores apícola, ecolóxico e mesmo sanitario".