Tres días de reflexión sobre pensamento científico e xénero da man d'A luz da ciencia

A investigadora Irene Ortiz, do grupo de Morfoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo (USC), nunha imaxe de arquivo © USC

O programa de xornadas científicas A luz da ciencia que promove a área de Patrimonio da Deputación da Coruña comeza 2022 coa súa cuarta edición e faino cunha reflexión sobre o pensamento científico e a ciencia da man de investigadoras de diversos eidos. Co Pazo de Mariñán (Bergondo) e o MUNCYT da Coruña como escenarios, as científicas reflexionarán do 13 ao 15 de xaneiro sobre as fendas de xénero que aínda existen na carreira investigadora, as súas derivadas educativas e laborais ou os enfoques da comunicación científica.

A primeira xornada (xoves 13 ás 18h en Mariñán) terá como protagonistas a Mireia Colom e Susaina Figuera, da Fundación Catalana per a la Recerca i la Innovació, que abordarán a "didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas nas aulas. Reflexiónarán, neste sentido, sobre "a necesidade de fomentar a vocación científica" entre as estudantes e a importancia que, para facer, ten a visibilidade das referentes femininas no eido científico.

Cartel da cuarta edición do programa 'A luz da ciencia' da Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

O día 14, tamén no Pazo de Mariñán (18h), as relatoras serán varias integrantes da Rede Galega de Investigadoras: María de la Fuente, experta en nanotecnoloxía; Elena Lendoiro, toxicóloga e investigadora postdoutoral na USC; Vanessa Valdiglesias, bióloga e Mellor Investigadora Moza de Europa segundo a Sociedade Europea de Xenómica, e mais Zulema Varela, bióloga  experta en enxeñaría ambiental. 

As fendas de xénero na carreira investigadora, as súas derivadas educativas e laborais e o seu reflexo na comunicación científica centran a cuarta edición das xornasdas científicas que impulsa a Deputación da Coruña, do 13 ao 15 de xaneiro no Pazo de Mariñán e no MUNCYT

No seu caso, abordarán a lexislación en materia de investigación e os máis recentes debates ao respecto en Galicia. Tamén tratarán a realidade laboral das científicas, os teitos de cristal que persisten no sector, o coñecido como Efecto Matilda e o papel que nestes eidos xogan os medios de comunicación.

Esta cuarta xeira das xornadas A luz da ciencia finalizará no MUNCYT o sábado, día 15 (11:30) coa sesión sobre divulgación, comunicación científica e xénero. Maite Vence, da empresa especializada en turismo científico Observer e Paula Sánchez, científica do grupo de investigación xenomas e enfermidades e impulsora do proxecot divulgativo Ciencia e tal, falarán xunto á ilustradora Isa Loureiro sobre a fenda de xénero na divulgación e as medidas que poden paliala.

Sinala o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, que a vocación da iniciativa A luz da ciencia é "achegar a ciencia á sociedade dun xeito accesible" e "tratar temas de interese para o conxunto da cidadanía". Nesta liña, resalta, é "abordar a situación de desigualdade de xénero que se observa nas disciplinas do ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas é de xustiza". Para participar nas xornadas cómpre realizar a inscrición previa -de balde- a través do sitio web da Deputación da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.