
Os retratos da artista e investigadora Concha Mayordomo abren a porta ás biografías de medio milleiro de artistas, teóricas, mecenas e xestoras nunha aposta por "corrixir o nesgo de xénero das belas artes" que se suma ao apoio dos museos provinciais lucenses á creación feminina
A artista e investigadora Concha Mayordomo vén combinando a súa dilatada traxectoria como profesional das Belas Artes e das Artes Aplicadas co compromiso coa igualdade de xénero, a visibilidade das mulleres artistas e o combate da violencia machista. Accións como Mulleres na arte, no que recompilou máis dun milleiro de biografías de creadoras de múltiplas disciplinas veñen de confluír coa aposta da Rede Museística Provincial de Lugo pola creación artística feminina no proxecto 500 mulleres na arte.
Son diversos os exemplos da aposta da Rede Museística lucense, que está a conmemorar o seu vixésimo aniversario, por poñer as mulleres no primeiro plano. Dende o impulso á difusión do legado artístico de Maruja Mallo ao apoio da recuperación da memoria feminina do rural ou alargar ocos das mulleres que abriron camiño. 500 mulleres na arte segue ese ronsel combinando a creación plástica e a divulgación mediante os perfís de medio milleiro de artistas, teóricas, mecenas e xestoras.
Dende o pasado 2 de setembro a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, e os demais espazos da Rede Museística acollen medio milleiro de debuxos nos que Concha Mayordomo retrata outras tantas desas mulleres da arte de diversas etapas históricas en España, Portugal e Sudamérica. Son retratos en primeiro plano, elaborados a lapis e con cadanseu código QR como porta ás súas biografías.
O Pazo de San Marcos, o Museo Provincial, San Paio de Narla, Pazo de Tor e Museo do Mar acollen ata o 30 de outubro un proxecto que a Rede Museística ofrece tamén aos centros educativos da provincia no seu programa de actividades didácticas
San Marcos acolle 456 destes retratos. No Museo Provincial de Lugo xúntanse os 33 retratos de mulleres galegas que fan parte do proxecto, nove delas orixinarias da provincia lucense. En San Paio de Narla (Friol) expóñense os retratos de mulleres do Medievo e do Renacemento; no Pazo de Tor (Monforte) están sete artistas do Barroco e da Ilustración e no Museo do Mar (San Cibrao, Cervo) expóñense os nove retratos de mulleres artistas da Xeración do 27, as coñecidas como Las Sinsombrero.
500 mulleres na arte durará como exposición un total de dous meses, ata o 30 de outubro, período no que estará aberta ao público xeral e tamén ofertada como recurso para centros educativos. A montaxe de 500 mulleres na arte foi, precisamente, o escenario escollido pola Rede Museística para presentar o seu programa de actividades didácticas do curso 26-27, que se desenvolve baixo o lema Aprender a mirar, aprender a escoitar.
Tanto na súa vertente expositiva como na didáctica 500 mulleres na arte procura "corrixir o nesgo de xénero nas belas artes" e "recuperar a memoria de creadoras que, tras acadaren recoñecemento na súa época, foron omitidas polos canons académicos tradicionais. Para Mayordomo o valor "pedagóxico" do proxecto é clave nun contexto no que, exemplifica, as mulleres artistas "seguen relegadas dos libros de texto".
Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación de Lugo, destaca a longa traxectoria de Concha Mayordomo "na catalogación e documentación das mulleres no mundo na arte" como aval deste proxecto. Castro agradece "que adapte este proxecto aos museos provinciais" de Lugo "e á súa estrutura en rede, que permite achegar a arte e a cultura a todo o territorio".