A Cova do Santo, en Rubiá, confírmase como un dos principais xacementos funerarios da Idade do Bronce

Proceso de escavación de Cova do Santo, onde se poden ver restos óseos e cerámicos © José R. Rabuñal e Diego Lombao

Na Cova do Santo, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) levouse a cabo o pasado verán unha campaña de escavación arqueolóxica que permitiu avanzar no coñecemento deste xacemento, considerado un dos contextos funerarios máis relevantes da Prehistoria recente en Galicia

Na Cova do Santo, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) levouse a cabo o pasado verán unha campaña de escavación arqueolóxica que permitiu avanzar no coñecemento deste xacemento, considerado un dos contextos funerarios máis relevantes da Prehistoria recente en Galicia. A intervención supuxo a primeira escavación sistemática realizada na cavidade, onde ata agora só se efectuaran visitas e recollidas de material en superficie. 

A campaña tivo que rematar de forma anticipada debido aos incendios de agosto na comarca de Valdeorras, pero os resultados obtidos evidencian a necesidade de continuar as investigacións. Os traballos permitiron recuperar máis de 100 restos arqueolóxicos en contexto estratigráfico, principalmente ósos humanos, xunto con restos de fauna, fragmentos cerámicos e obxectos singulares como unha aixola de anfibolita e unha doa de óso. Entre os materiais, destacan fragmentos dunha xerra carenada, típica dos contextos funerarios da Idade do Bronce no noroeste peninsular.

Entrada á Cova do Santo © José R. Rabuñal e Diego Lombao

Os traballos permitiron recuperar máis de 100 restos arqueolóxicos, principalmente ósos humanos, xunto con restos de fauna, fragmentos cerámicos e obxectos singulares

A escavación, dirixida polos investigadores José Ramón Rabuñal e Diego Lombao, da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), enmárcanse nun proxecto centrado no estudo do poboamento prehistórico do parque.

Os datos obtidos indican que a cova foi utilizada como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce. “A presenza de restos de pequeno tamaño, como falanxes ou ósos delicados, apunta a un enterramento primario ben preservado”, apuntan Lombao e Rabuñal. O conxunto óseo recuperado corresponde a un mínimo de 10 individuos de diferentes idades  (incluíndo adultos, nenos e un individuo perinatal), o que permite ampliar de forma significativa o coñecemento sobre esta poboación. 

Os datos obtidos indican que a cova foi utilizada como lugar de enterramento colectivo durante a Idade do Bronce

Ademais, as análises preliminares amosan “condicións de vida marcadas polo esforzo físico, con patoloxías como artrose, desgaste dentario ou fracturas, así como evidencias puntuais de actividade de carnívoros”. “Todos estes resultados evidencian o alto interese arqueolóxico da cavidade e a necesidade de continuar as investigacións”, advirten os investigadores. 

Nos próximos anos, prevese dar continuidade ás escavacións na Cova do Santo e ampliar os traballos a outras cavidades do parque, como a Pala da Zorra, identificada como unha das zonas prioritarias para futuras intervencións. Tamén está prevista a realización de modelos 3D das cavidades para facilitar tanto a investigación como a difusión e conservación do patrimonio.

Imaxe do interior da Cova do Santo a inicio de campaña © José R. Rabuñal e Diego Lombao

A intervención forma parte dun proxecto máis amplo centrado no estudo da Prehistoria no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un enclave singular polo seu sistema kárstico e pola súa posición como corredor natural entre a Meseta e o interior de Galicia.

A campaña contou co apoio do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC, o CISPAC, as comunidades de montes de Pardollán e Vilardesilva, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Servizo de Patrimonio Natural de Ourense) e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.