Dende hai un tempo o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, castro de San Cibrao de Las, no concello ourensán de San Amaro, publica en xaneiro unha escolma cos dez achados arqueolóxicos galegos máis significativos do ano que vén de rematar
Dende hai un tempo o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, castro de San Cibrao de Las, no concello ourensán de San Amaro, publica en xaneiro unha escolma cos dez achados arqueolóxicos galegos máis significativos do ano que vén de rematar.
Así o fixo tamén esta semana, seleccionando dende a descuberta de fosas de cremación no castro de Viladonga ou unha xanela prerrománica na igrexa de Esperante (Lugo) ata unha piscina romana de gran tamaño no balneario de Lugo, pasando polo achado dos restos dos guerrilleiros de Foucellas asasinados en Teo en 1948 ou un complexo residencial no Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Estes son os dez achados seleccionados.
1- Fosas de cremación no castro de Viladonga (Castro de Rei)
Durante os traballos de limpeza e consolidación atopouse baixo o pavimento dunha vivenda da croa varias fosas escavadas na rocha, sinalizadas en superficie cunha estela con cazoleta. Ao escavar unha delas apareceron fragmentos óseos, restos de carbóns, elos de bronce e cerámicas feitas a man típicas da Segunda Idade do ferro.
"A falta de análises e do estudo pormenorizado dos materiais, todo indica a posibles enterramentos infantís no interior das cabanas, fosas funerarias e rituais nun contexto de transición entre a Idade do Ferro e a chegada de Roma. De confirmarse esta hipótese, o achado sería dunha gran relevancia para a Idade do ferro galega, pois resolvería en parte o gran misterio da morte e as prácticas funerarias nos castros", salientan.
2- Xanela prerrománica na igrexa de Esperante (Lugo)
Trátase dunha xanela única, que podería ser a máis antiga da súa tipoloxía en Galicia. A ventá está construída no máis puro estilo prerromanico, con tres ocos formados por arcos de medio punto sobre columnas, onde o arco central é lixeiramente máis grande que os laterais, do mesmo xeito que no prerrománico asturiano. A fiestra foi construída con catro columnas romanas de mármore de estilo corintio, reaproveitadas dunha posible vila anterior, polo que é moi probable que as columnas da fiestra sexan do século VI.
"Achados como o de Esperante, e outros máis da nosa terra, amosan que a Gallaecia foi un territorio central na transformación do mundo romano ao medieval", destaca o equipo do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
3- Piscina romana de gran tamaño no balneario de Lugo
Na campaña arqueolóxica escaváronse 150 metros cadrados dunha instalación, que mide uns 15 metros de lonxitude e máis de 10 metros de ancho. A intervención recuperou tamén unha gran variedade de pezas nun excepcional estado de conservación, grazas a que a piscina ficou selada ata os noso días dende o seu abandono. O conxunto parece ter unha cronoloxía ampla, entre os séculos I e V da nosa era.
4- Segundo fogar do Paleolítico medio galego en Cova Eirós (Triacastela)
Este novo fogar, a diferenza do descuberto no 2011, ten unha estrutura de cantos de cuarcita e xisto moi alterados polo lume. Descubríronse tamén ósos e moitos carbóns ao redor do fogar, que ben puideran ser de animais que foron cociñados ou ósos queimados como combustible ou lixo para a fogueira.
5- 109 moedas romanas de bronce no castro de Castelo dos Mouros (Ons)
A última campaña de escavación deste xacemento tamén obtivo indicios dos niveis máis antigos do xacemento, ao redor do século IV a.C., polo que este lugar estivo ocupado e densamente poboado durante uns novecentos anos, dende os inicios da segunda Idade do Ferro ata o final do Imperio romano no s. V d.C. Exhumáronse novas vivendas, prerromanas e de época romana, e atopáronse numerosos materiais arqueolóxicos, que revelan que Ons estivo durante moito tempo no centro dunha gran dinámica comercial.
6- O primeiro trilobite confirmado da época romana na Cibdá de Armea (Allariz)
O achado fíxose nunha estancia empregada como basureiro das vivendas romanas. Os investigadores consideran que o uso do fósil debeu corresponder aos séculos I e II d.C. e apuntan a que procedería da área do Sistema Central ou do sistema ibérico, a uns 500 quilómetros do xacemento ourensán. Foi encaixado nalgún tipo de soporte como un brazalete de coiro ou un colgante a modo de amuleto protector.
7- Complexo residencial no Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)
A nova campaña de escavacións revelou a existencia dun gran complexo datado entre os séculos IV e VI d.C., que ocupa cando menos uns 200 metros cadrados e que está dividido en diferentes estancias. Este edificio podería pertencer ás elites rurais que, desde esta fortificación en época tardorromana, controlaban a explotación e produción de metais que abastecía ás poboacións da contorna.
8- Conxunto de petróglifos en Vimianzo
Atopáronse no monte do lugar Trasouteiro. Os gravados están distribuídos en nove paneis cun gran repertorio de motivos iconográficos propios do Grupo Galaico da Arte Atlántica, xeométricos ou circulares con coviñas e aneis, ademais dunha espiral inscrita nun anel que é unha das poucas existentes nesta zona. Polos análises dos investigadores a súa cronoloxía é duns 4.500 anos.
9- Os restos dos guerrilleiros de Foucellas asasinados en Teo en 1948
Un equipo multidisciplinar atopou nunha fosa común no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, o que “todo indica” que son os restos dos catro membros da V Agrupación Guerrilleira, asasinados nun enfrontamento coa Garda Civil en 1948. Todos eles pertencentes a unha partida guerrilleira comandada polo mítico Benigno Andrade, O Foucellas, que xunto con outro guerrilleiro, Xosé Ramuñán, conseguiu fuxir do cerco que fixera un grupo de gardas civís.
10- Un canón de bronce duns 50 centímetros en Punta Sardiñeiro (Fisterra)
O obxecto e outros restos localizados a uns catro metros de profundidade, poderían corresponderse cun dos naufraxios históricos da zona: o do galeón ‘Santa María la Anunciada’, pertencente á frota de Padilla, afundida fronte á costa de Fisterra no ano 1596.