"Á hora de recoñecernos como un galego e un portugués que fan música xuntos optamos por que cada un trouxera a súa tradición"

O galego Lucas de Centi (á dereita) e o portugués João Neves son Mocho gris © Mocho gris

Mocho Gris é a unión musical do galego Lucas de Centi e do portugués João Neves

Lucas de Centi e João Neves coñecéronse na escola superior de música de Lisboa, onde ambos se matricularan para estudar jazz “porque querían aprender máis música”. Din que se identificaron axiña precisamente pola ansia que ambos tiñan por coñecer máis formas de facer música. Guiados pola amizade e as inquedanzas compartidas, tocaron por primeira vez en Lisboa en formato dúo cara o ano 2016 e desde aí fan música xuntos ao seu ritmo. Mocho Gris é a súa unión como grupo, que desafía máis que a fronteira do Miño, pois neste momento João segue vivindo en Lisboa e Lucas está traballando na Pobra de Trives, así que os separan máis de cincocentos quilómetros.

Chámanse Mocho Gris porque a ambos lles gustan os mouchos (en portugués, mocho) e o gris chegou porque dise igual nas tres linguas nas que cantan, galego, portugués e castelán, e porque é unha cor neutra da que João gosta muito. “Ficou así sen unha explicación detrás moi complexa”, sinalan. Aínda que tamén compran a idea de que lles vai ben a cor gris porque está sempre situada nos puntos intermedios, como lles pasa a eles e á súa música.

Portada do disco debut de Mocho Gris, '2' © Mocho Gris

“Na nosa forma de ser sempre está que queremos aportar algo”, salienta Lucas de Centi sobre a música de Mocho Gris, para incidir en que son “moi conscientes” de que non están a facer “nada novo”. “Estamos intentando estar á altura da música que nos gusta e que escoitamos, esa música que te remove porque é algo que non escoitaches antes”, asegura. Con todo, o de Catoira explica que traballa “a base de copiar música”. O que para el quere dicir que colle referencias de toda canta música está ao seu alcance, que neste século é practicamente toda a que se fai no mundo.

"Todo o imos cambiando para que o sintamos os dous porque ao final João é quen canta. As cancións son así porque estamos os dous"

O álbum debut de Mocho Gris, 2, explora as fronteiras do pop alternativo, vai da electrónica ao fado pasando pola música tradicional galega pero tamén polo jazz contemporáneo e os ritmos do rhythm and blues, R&B. “Eu descubrín o R&B ao chegar e Lisboa e coñecer a João porque Portugal ten unha cultura máis anglófila e ten unha relación máis próxima á cultura anglosaxona. A música da adolescencia de João non chegou a min na miña porque aquí tiñamos unha cultura de música pop mainstream moi baseada nas cousas que faciamos en castelán: Estopa, La Oreja de Van Gogh... Ou o que me podía ter pasado miña nai de antes, como Golpes Bajos, etc. E toda esa música que fora mainstream no resto do mundo non me chegou, por iso descubrín o R&B de maior e creo que no disco nótase que nos gusta a ambos”, debulla Lucas de Centi.

“Neste proxecto a maioría das cancións veñen do Lucas”, conta João, mais Lucas apunta que ao contar con el, cada letra está “absolutamente condicionada por João”. “É verdade que moitas veces as propostas son miñas, pero non tantas porque temos moitas versións. Eu chego cunha letra xunto a João e vexo as caras, cántolle unha canción o mellor que podo e vou vendo a cara de alegría ao principio e cunha palabra que digo xa vexo que non... [ri]. Á hora de compoñer non teño ningunha orde, unha cousa pode levarme a outra. Ás veces é unha canción que escoitei, que me chegou tanto, que quero facer algo que me produza o mesmo. Outras veces é a partir dun verso, anoto un montón de cousas no teléfono: unha amiga ou un amigo di algo interesante e non lle digo nada no momento, anoto e espero un ano para que non se lembre e metelo nunha letra. Pero todo o imos cambiando para que o sintamos os dous porque ao final João é quen canta. As cancións son así porque estamos os dous”, salienta De Centi.

Estarán en Lugo e Cambados en febreiro e na Coruña en marzo © Mocho Gris

Concilian as súas axendas para poder traballar no seu traballo conxunto. “Nos últimos anos logramos quedar dúas ou tres veces para traballar nas cancións e pouco a pouco na gravación e na edición. E agora reunímonos en Galicia para preparar os concertos ao vivo que veñen”, explica João Neves, que acadou moita fama no país luso tras participar no talent show The Voice Portugal e mantén varios proxectos musicais e distintas colaboracións como a que fai no último disco de Baiuca. Lucas de Centi tamén participou na produción deste disco, Barullo, e ambos teñen coincidido no escenario en concertos de Baiuca. De Centi tamén é profesor de música no ensino secundario e o líder doutros dous grupos, Néboa e Mel, ademais de colaborador habitual de Aliboria ou Antía Muíño, entre outros.

"A nosa única intención é agradarnos a nós mesmos en primeiro lugar, e esperar que o resto do mundo poida gostar do que propoñemos"

Mocho Gris teñen confirmados os concertos do 22 de febreiro no Club Clavicémbalo de Lugo, o 23 de febreiro na sala Krazzy Kray! de Cambados e o 8 de marzo na sala Acéfala da Coruña. “Chega un punto en que só nos vemos para traballar e boto de menos máis tempo para a nosa amizade, para poñernos ao día. Gústame moito traballar con João, pero creo que os dous temos tantos proxectos e un ritmo de traballo tan alto que empezo a valorar máis as veces de quedar máis para pasalo ben”, apunta Lucas de Centi.

Este proxecto musical non sería viable sen a amizade que os une. “Coa distancia que nos separa e o orzamento que temos, Mocho Gris xorde da amizade e de explorar como podiamos facer máis música. O motor para que as cousas funcionen é sempre a nosa motivación conxunta de avanzar neste proxecto e traballar neste formato”, razoa João.

Pídenlle á xente que escoite a súa música cos ouvidos abertos a descubrir novos sons, non teñen máis pretensións que facer a música que lles gusta en cada momento, bebendo das súas inquedanzas individuais e colectivas. “Unha fusión que acaba por parecer nova, ou pode parecer nova para a alguén. Pero que a nosa única intención é agradarnos a nós mesmos en primeiro lugar, e esperar que o resto do mundo poida gostar do que propoñemos”, destaca João.

Lucas de Centi e João Neves levan facéndo música xuntos desde 2016 © Mocho Gris

En canto á fusión Galicia – Portugal, para João resulta “moi orgánica” porque naceu no norte do país luso e a súa relación con Galicia foi constante, “é case unha extensión da miña propia vida portuguesa”. Aínda que si sente unha división se se sitúa máis ao sur, mesmo desde Lisboa: “Non sento que sexamos a mesma cousa, a pesar de que para min haxa moitos puntos en contacto; porén, eu atopo moitos vínculos na música folclórica e nas sonoridades galegas e portuguesas”.

“O disco non fala de encontros culturais máis alá da realidade de que eu son galego e João é portugués. Chamámoslle 2 porque é un encontro. Dois é unha palabra que nos daba moito xogo, parécese a deus e a dios, e creo que hai bastantes referencias na portada a respecto disto”, afirma Lucas de Centi. “Internet nos aproxima cada vez máis, agora consuminos con moita facilidade música de calquera parte do mundo, por iso tamén temos máis oportunidades que nos emocionen outros sons”, engade João.

"Algunhas das cancións que tiñamos xa en mente parecían unirse dalgunha forma, fose porque pertencían ao mesmo universo ou porque eran de universos complementarios"

O álbum está dividido en capítulos pensando na dualidade e nos opostos que os levaron tamén a ese nome, 2. “Fomos comezando a crear un concepto para este disco desta maneira porque algunhas das cancións que tiñamos xa en mente parecían unirse dalgunha forma, fose porque pertencían ao mesmo universo ou porque eran de universos complementarios. Polo tanto, xuntamos temas en capítulos que non seguen unha orde cronolóxica mais dialogan entre si”, di João. A primeira metade do disco foi gravada e coproducida con Alberto Cernadas e a segunda, que é máis analóxica, ten algúns temas coproducidos co Hevi.

“O que si é de xustiza remarcar é que nós non nos vemos no sacos dos renovadores do discurso da música tradicional. Sería inxustísimo reclamar ese posto para nós porque non ten nada que ver, simplemente intentamos facer unha música a nivel sonoro o máis diversa posible. Somos xente que escoita moitas cousas e á hora de recoñecernos como un galego e un portugués que fan música xuntos, si que optamos por que cada un trouxera a súa música tradicional ao grupo, que é o que facemos nun dos episodios do disco. Por que non cantar fado se ademais João nos últimos anos tivo que manexar un repertorio moi próximo a iso ou por que non empregar instrumentos da música tradicional castelá para a percusión, por exemplo, a base rítmica do tema que se titula Espinho é un pandeiro cadrado”, incide o músico de Catoira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.