A Xunta reitera o seu compromiso de resolver a declaración BIC da Cova Eirós no prazo previsto

Interior da Cova Eirós © GEPN-AAT/IPHES

No mes de abril do ano 2017 a Xunta iniciou o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós (Triacastela), o principal expoñente da Historia Paleolítica de Galicia e a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres. O proceso iniciouse despois de anos de reclamación por parte de entidades sociais de todo tipo e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG ante unha demanda de ADEGA, que presentara un recurso contencioso-administrativo contra a Consellaría de Cultura.

Se o expediente non se resolve antes do 10 de abril, como promete a Xunta, non só se produciría a caducidade do trámite, senón que tamén remataría a protección provisional

O expediente tiña un prazo de 24 meses para a súa resolución, finalizando o vindeiro 10 de abril. Este mércores ADEGA alertou en rolda de prensa que esa data está xa moi próxima sen que se momento se coñezan avances na declaración BIC. En resposta a Praza.gal a Consellaría de Cultura vén de reiterar o seu compromiso de resolver o expediente "antes de que remate o prazo legal establecido".

ADEGA reclama ademais que o Goberno galego proceda ao "estudo e protección doutras covas do mesmo conxunto arqueolóxico", que aumente a 200 metros a área de protección integral do xacemento e que se restaure "o teito vexetal orixinal da cova que foi destruído pola empresa Cementos Cosmos en 2014 coa conivencia da Xunta de Galicia".

A canteira de Cementos Cosmos é a principal ameaza que paira sobre a Cova Eirós

A entidade salienta que outras 10 covas se atopan nos terreos propiedade da canteira Cementos Cosmos e na área delimitada do BIC, das que 7 estarían dentro do perímetro de protección integral. Este dato, fornecido pola empresa matriz da canteira, a multinacional Votorantim, "imprime aínda maior valor ao conxunto arqueolóxico da zona a protexer", que se complementa con outras dúas covas, as da Cabaxa e Graxeira, incluídas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos de Galicia.

Localización de Cova Eirós dentro da explotación mineira © Google Maps

A canteira de Cementos Cosmos é a principal ameaza que paira sobre a Cova Eirós. ADEGA alerta de que "aínda a día de hoxe, a integridade e estabilidade da Cova atópase en risco, ao estar situada en terreos da canteira de Cementos Cosmos e, por tanto, sometida á continua presión da actividade mineiro-extractiva". Por ese motivo sinala que a declaración como BIC "debe ser inminente", o que permitiría "establecer zonas núcleo de protección integral e zonas de amortecemento que favorecesen a preservación do ben e da súa contorna fronte a actividade mineira e outras actividades humanas agresivas co territorio, así como determinar as obrigadas medidas de cautela que evitasen o seu deterioro".

ADEGA teme "que a Xunta faga primar os intereses da canteira, que pretende extraer de alí a calcita de maior calidade, e deixe caducar o prazo de resolución de BIC"

A entidade afirma que "teme que a Xunta faga primar os intereses da canteira, que pretende extraer de alí a calcita de maior calidade, e deixe caducar o prazo de resolución de BIC".

A Consellería de Cultura responde que "a incoación do BIC xa supón a súa protección", lembrando que a resolución aplica "de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia". No caso de que o expediente non se resolva antes do 10 de abril, como promete o Goberno galego, non só se produciría a caducidade do trámite, senón que tamén remataría o réxime provisional establecido. Para ADEGA "non cabería ningún tipo de xustificación que sostivese tal desleixo e despreocupación por parte da Consellaría de Cultura" e advirte de que nese caso levaría o caso aos tribunais pola vía penal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.