Agadic confirma a supresión da Dirección do Centro Coreográfico Galego, que sofre un recorte orzamentario do 66%

Jacobo Sutil, director da Agadic, na xornada 'O estado da danza en Galicia' © Xunta

Nos últimos meses o sector escénico galego vén alertando dos recortes orzamentarios que están a sufrir os principais centros públicos de teatro e danza, como o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, que pasaron de contar con 600.000 e 150.000 euros a dispoñer unicamente de 350.000 e 50.000. A redución económica veu acompañada ademais, no caso do CDG, dunha limitación na autonomía artística da súa Dirección, que pasa de “decidir” a “propoñer” as montaxes.

Os ruxe-ruxes sobre o futuro do Centro Coreográfico Galego foron confirmados este martes por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no marco da xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre O estado da danza en Galicia. Na sesión titulada "A Xunta de Galicia como núcleo das políticas públicas de danza en Galicia. Tratamento para os síntomas no futuro", Sutil anticipou a supresión da figura da Dirección do CCG.

Un espectáculo do Centro Coreográfico Galego © Antonia Peña / CDG

O director de Agadic sinalou que se buscará “un perfil máis administrativo” para a figura que substitúa á dirección do CCG

Na mesa, sobre a que a Revista Galega de Teatro (Erregueté) realizou unha crónica, Sutil defendeu que “o CCG non desaparecerá”, pero comentou que podería deixar de existir como unidade de produción: “unha produción propia ten uns custos e veremos se eses custos se axustan ao obxectivo de conseguir que se incremente a difusión da danza en Galicia”, dixo. 

O director de Agadic sinalou que se buscará “un perfil máis administrativo” para a figura que substitúa á dirección do CCG, “alguén que faga de intermediario co sector”, unha persoa ademais que non tería unha dedicación exclusiva á danza. Así mesmo, ao igual que sucedeu no caso do Centro Dramático Galego, esta persoa carecería de capacidade executiva, limitándose a "propoñer", no canto de "decidir".

Na xornada de debate, Sutil confirmou o recorte orzamentario xa anunciado para o CCG, que pasa de contar con 150.000 euros anuais a ter unicamente 50.000, un descenso do 66%. En novembro, preguntado pola propia Revista Galega de Teatro-Erregueté, Agadic argumentou que "non verán diminuídas a súa dotación económica" porque "varios proxectos se desenvolverán ao abeiro do programa cultural do Xacobeo".

Ao igual que sucedeu no caso do Centro Dramático Galego, esta persoa carecería de capacidade executiva, limitándose a "propoñer", no canto de "decidir"

O pasado mes de decembro, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Academia Galega de Teatro e Músicas ao Vivo denunciaron publicamente “un novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e no Centro Coreográfico Galego (CCG)”. Nesta crítica pública as tres entidades xa anticipaban que a Dirección do CCG ficaría sen funcións nin capacidade de decisión.

No borrador do novo decreto que regulará a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o Departamento de Produción Coreográfica é substituído por un de Música e Danza. Ademais, desaparecen de entre as funcións da súa persoa responsable calquera referencia á selección, contratación e sequera proposta das compañías e artistas a contratar.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, na xornada 'O estado da danza en Galicia' © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.