'Antes de nós' iguala o récord histórico dos Mestre Mateo, con 13 premios, e 'Sirât' leva o de mellor película

Gañadoras e gañadores dos XXIV Premios Mestre Mateo do audiovisual galego Dominio Público Academia Galega do Audiovisual

A gala celebrada en Lugo tivo un marcado protagonismo feminino, co 70% dos premios profesionais para mulleres

Sirât, de Oliver Laxe, foi a mellor película galega de 2025, pero Antes de nós, de Ángeles Huerta, foi a que destacou en maior número de categorías, 13. Así o decidiron os XXIV Premios Mestre Mateo do audiovisual galego outorgados este sábado en Lugo. O filme de Laxe obtivo ademais do galardón a mellor película os de mellor música orixinal e mellor son mentres que o de Huerta igualou cos seus 13 premios o récord histórico obtido por Dhogs hai oito anos.

Carteis de 'Antes de nós' e 'Sirât' © Academia Galega do Audiovisual

A esta XXIV edición dos Mestre Mateo chegaba Antes de nós, sobre a vida de Castelao, con candidaturas en 18 categorías, e finalmente só quedou sen lograr cinco. Por detrás, 11 candidaturas foron as que acadaron Sirât, de Oliver Laxe, e As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, que quedou sen ningún premio.

A gala celebrada en Lugo tivo como momentos máis singulares a entrega do premio a mellor interpretación masculina de reparto a Miquel Ínsua por Antes de nós, falecido hai uns meses. Outro dos momentos salientables foi a entrega do Premio de Honra á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego. Ademais, a organización salientou o protagonismo feminino, xa que 11 dos 16 galardóns profesionais entregados foron recollidos por mulleres.

Palmarés

  • Longametraxe: Sirât
  • Dirección: Ángeles Huerta (Antes de nós)
  • Dirección de arte: Elia Robles (Antes de nós)
  • Dirección de fotografía: Lucía C. Pan (Antes de nós)
  • Dirección de producción: Lucía Caramelo (Antes de nós)
  • Guión: Pepe Coira (Antes de nós)
Premio Mestre Mateo © Academia Galega do Audiovisual
  • Interpretación feminina protagonista: Cris Iglesias (Antes de nós)
  • Interpretación feminina de reparto: ex-aequo Luisa Merelas e Victoria Teijeiro (Antes de nós)
  • Interpretación masculina protagonista: Xoán Fórneas (Antes de nós)
  • Interpretación masculina de reparto: Miquel Ínsua (Antes de nós)
  • Maquillaxe e perruquería: Chicha Blanco e Lorena Calvo (Antes de nós)
  • Montaxe: Lucía Iglesias (Antes de nós)
  • Vestiario: Aránzazu Domínguez (Antes de nós)
  • Música orixinal: Kangding Ray (Sirât)
  • Son: Amanda Villavieja (Sirât)
  • Realización: Marcos Nine (Historias de aquí)
  • Documental: 360 curvas
  • Curtametraxe: Curmán
  • Curtametraxe de animación: O corpo de Cristo
  • Anuncio publicitario: Ao noroeste do oeste
  • Programa: Cos pés na terra
  • Serie de TV: Weiss & Morales
  • Serie web: Bechos
  • Videoclip: Hibernarse (Fillas de Cassandra)
  • Comunicador: Xosé Ramón Gayoso (Luar)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.