As cartas de Alejandra Murguía, primoxénita de Rosalía, a Ángela Santamarina amosan aspectos descoñecidos da nai

Presentación do primeiro título da nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro no Instituto da Lingua Galega CC-BY-SA Cátedra Rosalía de Castro da USC

Para Dolores Vilavedra, a edición desta correspondencia significa "dar voz a unha muller como Alejandra, que ficou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais, aos que se entregou cunha xenerosidade inesgotable"

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela vén de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario entre dúas amigas. As misivas da primoxénita de Rosalía de Castro á marquesa da Atalaya Bermeja e condesa do Valle de Oselle, ademais de filántropa, coleccionista e protectora de iniciativas culturais.

Coa publicación desta correspondencia recupérase a voz dunha muller eclipsada polos seus pais, que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e obra da nai. O libro, editado pola profesora e investigadora Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega, e cun prólogo do finado Xesús Alonso Montero, é o primeiro título da nova biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro, que está dispoñible na libraría dixital da USC.

Dolores Vilavedra, editora do epistolario CC-BY-SA Cátedra Rosalía de Castro da USC

Para Vilavedra, a edición destas cartas significa “dar voz a unha muller como Alejandra, que ficou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais, aos que se entregou cunha xenerosidade inesgotable”. A responsable da edición reivindica así o interese propio dunha creadora que, malia ter “moito que facer e que dicir”, quedou practicamente invisibilizada pola historia.

O epistolario permite tamén reconstruír a singular amizade entre Alejandra Murguía e Ángela Santamarina, dúas mulleres do seu tempo vinculadas por numerosos intereses e afectos, pero separadas por unha notable distancia económica e social. Estas cartas amosan como ambas foron creando as súas propias canles de comunicación e construíndo unha relación que se mantivo durante anos.

Debuxante, pintora e ilustradora, realizou acuarelas, retratos e gravados, foi mestra do seu irmán Ovidio Murguía e colaborou na prensa ilustrada do seu tempo

Alejandra Martínez-Murguía de Castro naceu en Santiago de Compostela en 1859 e foi a primoxénita de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Desde moi nova amosou aptitudes para o debuxo e a pintura e formouse na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, unha das poucas institucións galegas que daquela ofrecían ensinanzas artísticas ás mulleres, aínda que de maneira moi limitada e desigual con respecto aos homes. 

Debuxante, pintora e ilustradora, realizou acuarelas, retratos e gravados, foi mestra do seu irmán Ovidio Murguía e colaborou na prensa ilustrada do seu tempo. Os seus traballos apareceron en La Ilustración Gallega y Asturiana, publicación dirixida por Manuel Murguía, para a que deseñou a cabeceira empregada desde xullo de 1879. A prensa da época chegou a presentala como unha das novas promesas da arte galega.

Alejandra participou na construción gráfica dos símbolos do galeguismo. Está documentado que foi a autora do deseño do estandarte encargado en 1891 polo Centro Galego da Habana, unha peza con alegorías e elementos heráldicos que incorporaba a banda azul transversal sobre fondo branco. A investigación contemporánea sitúaa así no proceso colectivo do que xurdiu a bandeira galega, aínda que non existe unha proba definitiva que permita atribuír a unha soa persoa o deseño actual.

Capa do libro 'Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925)' CC-BY-SA Cátedra Rosalía de Castro da USC

A primeira filla de Rosalía desenvolveu tamén un importante labor de conservación e transmisión cultural. Recolleu versos, refráns e composicións da tradición oral, que compartiu con investigadores como Víctor Said Armesto, Casto Sampedro e Perfecto Feijoo. Foi tamén unha fonte fundamental para recuperar a melodía tradicional da Alborada de Rosalía, que cantou para que puidese ser transcrita.

Alejandra Murguía foi unha fonte fundamental para recuperar a melodía tradicional da 'Alborada' de Rosalía, que cantou para que puidese ser transcrita

A súa traxectoria, porén, estivo marcada polas renuncias. Tras a morte da nai en 1885, asumiu o coidado do pai e dos seus irmáns, relegando as súas propias aspiracións profesionais. Chegou a rexeitar un posto como restauradora no Museo do Prado porque Manuel Murguía non aprobaba que marchase a Madrid, unha oportunidade que podería terlle permitido desenvolver unha carreira artística independente.

A intervención paterna afectou tamén a súa vida persoal. Nos seus anos mozos, o avogado, intelectual e filántropo Joaquín Arias Sanjurjo pretendeu a súa man. Segundo recolle Ricardo Carballo Calero, a petición foi rexeitada por Murguía porque consideraba que Alejandra debía permanecer solteira para coidar dos seus proxenitores cando fosen maiores. Morreu na Coruña en 1937, solteira e sen descendencia.

A destinataria das cartas, Ángela Santamarina Alduncín, coñecida en Ourense como Angelita Varela, nacera en Tandil, na Arxentina, en 1863, no seo dunha familia de orixe galega que acumulara unha importante fortuna. Tras quedar orfa de nai, foi enviada a Ourense xunto cos seus irmáns e criada pola súa tía Dolores Santamarina. En 1925 constituíu a Fundación Santamarina de Temes, destinada inicialmente a acoller, coidar e educar gratuitamente nenas orfas sen recursos. Ao seu patrimonio pertence o conxunto de cartas agora publicado.

O libro ofrece información sobre Rosalía como escritora profesional e sobre a xestión que a familia realizou dos seus dereitos de autora

Novas claves para achegarse a Rosalía

Aínda que a correspondencia comeza décadas despois da morte de Rosalía de Castro, as cartas proporcionan información biográfica de gran valor sobre a escritora. Dolores Vilavedra destaca que “Alejandra fala de que a súa nai tivera cinco abortos”. Esta información convida a repensar aspectos da relación entre Rosalía e Manuel Murguía, o propio desenvolvemento da obra rosaliana e determinados silencios na súa traxectoria editorial. 

Tamén pode, segundo a editora, “deitar luz” sobre algúns dos seus poemas e favorecer novas lecturas e interpretacións. O volume ofrece, ademais, información sobre Rosalía como escritora profesional e sobre a xestión que a familia realizou dos seus dereitos de autora. As cartas permiten achegarse ás negociacións, dificultades e tirapuxas coas editoriais nun momento no que a conservación e administración do legado da autora pasara ás mans das súas fillas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.