As mesmas cancións, outros corpos: Grande Amore e Ataque Escampe intercambian papeis nun proxecto conxunto

Integrantes de Ataque Escampe e Grande Amore © Prenom

As dúas bandas ultiman un EP en vinilo, Outros corpos, no que cada unha interpretará temas da outra. Presentarano, ademais, nun concerto moi especial no que ambas as formacións compartirán escenario no Auditorio de Galicia de Santiago o vindeiro 25 de outubro

Ataque Escampe e Grande Amore xuntan os seus corpos -ou máis ben intercámbianos- nun proxecto conxunto. As dúas bandas ultiman un EP en vinilo, Outros corpos, no que cada unha interpretará temas da outra. Presentarano, ademais, nun concerto moi especial no que ambas as formacións compartirán escenario no Auditorio de Galicia de Santiago o vindeiro 25 de outubro.

Foron varias as ocasións nas que Ataque Escampe e Grande Amore expresaron a súa admiración pola música da outra formación e o propio Nuno Pico manifestou en entrevistas que a banda compostelá sempre estivo entre os seus referentes. "Moitas bandas estiveron partíndose os cornos e iso beneficiounos directamente a nós. Tanxugueiras sen Leilía non existirían e eu tampouco sen Radio Océano, The Homens, Terbutalina, Sés, Familia Caamagno ou Ataque Escampe", dicía nesta conversa en Praza.gal.

O proxecto nace ao abeiro de Ernie Records e Tremendo Audiovisual, que destacan que o encontro "parte da admiración mutua para explorar que sucede cando unhas cancións cambian de corpo, de voz e de son"

De feito, Nuno Pico colaborou xa no pasado coas Ataque Escampe e hai tres anos puidemos velo protagonizando o videoclip do tema Lamborghini. Agora Ataque Escampe e Grande Amore enfróntanse ao repertorio da outra banda para facelo propio, pasando as cancións polo filtro das súas respectivas linguaxes, narrativas e identidades musicais.

O proxecto nace ao abeiro de Ernie Records e Tremendo Audiovisual, que destacan que o encontro "parte da admiración mutua para explorar que sucede cando unhas cancións cambian de corpo, de voz e de son". Nas vindeiras semanas iranse desvelando novos detalles, incluído o primeiro adianto musical, que permitirá coñecer as primeiras transformacións deste intercambio.

As entradas están a venda dende este 29 de setembro ás 11 horas e o concerto forma parte do ciclo Fiestra Aberta, densenvolvido por Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago, que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Pódense mercar online e tamén no despacho de billetes da Zona C.

Integrantes de Ataque Escampe e Grande Amore © Prenom

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.