
Contámosche todo o que pasará en Castelo, no Concello de Culleredo, do 24 ao 30 de agosto. Estreando a súa segunda década de vida, o festival Castelo Conta suma e segue. Busca novas maneiras de achegar a veciñanza (e a todas as persoas que queiran ser un pouco de Castelo durante eses días) aos artistas e ás artistas do país, que sempre marchan co corazón quentiño desta parroquia tan especial.
Doutra volta, Xosé A. Touriñán, veciño da parroquia e director do festival, e o seu equipo prepararon unha gran festa para a derradeira semana de agosto. Máis de sesenta propostas entre música en directo, gastronomía, artes escénicas, e sempre co humor moi presente. Outra volta á festa é o lema desta décimo primeira edición, a reivindicación dun modelo de celebración que pon no centro a capacidade da festa popular para crear comunidade.
O Castelo Conta reivindica unha maneira propia de entender a celebración popular
O Castelo Conta reivindica unha maneira propia de entender a celebración popular, un espazo onde música, memoria, gastronomía, humor, tradición e creación contemporánea conviven grazas á complicidade e participación da veciñanza.
Ao longo de toda a semana, as mañás estarán protagonizadas polas actividades dedicadas á cativada. Xente Miúda ofrecerá cinco xornadas de actividades nas que natureza, arte, música e teatro serán ferramentas para achegar as novas xeracións ao patrimonio da contorna.
Nenas e nenos poderán asistir á representación de O tranvía Leonardo, da compañía Fantoches Baj Monicreques, descubrir o movemento nun obradoiro de baile con Artur Puga ou construír instrumentos musicais a partir de materiais de refugallo da man de Xavi Lozano.
No mediodía a protagonista volverá ser a Taberna de Castelo, que volverá abrir para os Vermús na Taberna, nos que destacadas cociñeiras e cociñeiros como Lucía Freitas, Bea Sotelo, Begoña Vázquez, Jorge Trigo, Nacho Moreira, Kike Piñeiro, Paula Martínez, Lolo Mosteiro, Chisco Jiménez, Pablo Morales, Moncho Méndez, David Vilariño e Patricia Navarrete elaborarán petiscos en directo mentres as formacións musicais Factoría de Subsistencia, Tapa d’Orella, Balteira, Unto Vello, Ulex, Skadelos, Quinkillada e Tanto Nos Ten acompañan cada sesión.
Ademais, Artur Puga converterá o vermú do mércores nun torreiro en toda regra. O bailador presentará a súa iniciativa As pegadas do baile, que busca achegar o baile tradicional a novos públicos e facilitar a súa aprendizaxe. Coa súa recuperación dos nosos bailes tradicionais, Puga convidará a veciñanza e visitantes a formar parte da festa.
Os Contos de Castelo comezan cun encontro dedicado á figura de Finita Gay, coa participación de Xurxo Souto
Nas tardes chegarán os Contos de Castelo, un dos motivos de ser deste festival, que naceu para situar no centro a oralidade, a memoria e as historias das persoas maiores da parroquia. De luns a venres percorrerán as aldeas da contorna comezando en Castelo de Abaixo, cun encontro dedicado á figura de Finita Gay, coa participación de Xurxo Souto.
O martes, en Vilaverde, haberá unha conversa sobre a regueifa e un obradoiro impartido por Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. O mércores, en Xalo, terán a oportunidade de achegarse ao mundo do baile tradicional con Artur Puga. O xoves, en Folgueira, os seis grupos de mulleres participantes en Mulleres que Contan celebran un encontro que tamén contará coa presenza de Mercy Díaz. A semana rematará en Cabrois, cunha tarde dedicada á relación dos mitos e lendas coa literatura.
Van estrear o documental 'Mulleres que Contan', dirixido por Hadriana Casla, que recolle o proceso vivido por mulleres de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa
Ao caer a tarde chegan os Seráns do Castelo Conta. O luns ás nove na eira de López a Orquestra Bravú Xangai recupera a figura de Finita Gay, unha das primeiras mulleres en formar parte dunha orquestra en Galicia, cun concerto especial. O martes en Vilaverde estarán o artista de Xinzo Kid Mount; o de Muros 9Louro, que xa se converteu nun dos nomes con maior proxección da nova música urbana galega; e o DJ Kike Varela.
O mércores abre o serán o Grupo de baile de Castelo cunha exhibición antes do concerto de Ailá, unha banda que naceu nas foliadas nocturnas da Casa das Crechas de Santiago de Compostela. A noite pecharase coa Gran Foliada do Castelo Conta, unha celebración aberta e chea de música. O xoves 27 estrearase o documental Mulleres que Contan, dirixido por Hadriana Casla, que recolle o proceso vivido por mulleres de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa. O ramo irá a cargo da banda De Ninghures, que volve ao festival tras a súa actuación de 2019..
Antía Muíño : "Teño moitísimas ganas. Precisamente por ser un festival así, cun ambiente moi de comunidade, de participación colectiva"
Antía Muíño e Xoel López protagonizan o serán do venres. A compostelá está a presentar o seu segundo álbum, Anfibia por veces, e o coruñés o seu último traballo, Oniria Popular.
"É un festival que coñezo dende hai tempo. Ademais, compartir escenario con Xoel López é un pracer, teño moitísimas ganas. Precisamente por ser un festival así, cun ambiente moi de comunidade, de participación colectiva. Sempre me gusta tocar en lugares así porque para min unha das cousas máis especiais e máis bonitas de tocar e cantar, de poder adicarme a isto, é realmente ter ese contacto directo co público. Sentir como se establece unha conexión moi forte entre quen escoita e quen estamos enriba do escenario", confesa Antía Muíño.
Moi ilusionada coa actuación e con cantar para o público do Castelo Conta, a artista adianta sorpresas porque poderá interpretar algún tema novo porque lle gusta "experimentar" as cancións en directo antes de gravalas.
Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido participan na Noite do Castelo Conta
O sábado, ás 13 horas, será o concerto da serie musical en galego Bibopalula. A actriz Isabel Garrido interpretará os temas da súa banda sonora xunto a Luis Lago, Graciela Carlos e Pedro Placer.
Pola noite é a quenda da Noite do Castelo Conta, que xa é o gran encontro co humor galego. Na polideportiva de Castelo, e nunha gala conducida por Touriñán, estarán Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido.
A Romaría do San Ramón porá o ramo ao festival o domingo 30 de agosto no Campo da Capela para desfrutar o día coa veciñanza e coa música na sesión vermú na polideportiva.
A programación completa pode consultarse no sitio web do festival. A maioría das actividades son de balde, outras requiren inscrición ou reserva de entradas.