O trío presenta Temporal, un sétimo álbum que mantén a esencia dos anteriores: intensidade emocional e paisaxes sonoras en forma de cancións de pop escuro
"Ninguén fai pé nesta cidade/ no parto das súas mañás...". Chicharrón está a presentar o seu sétimo album, Temporal (Ferror Records), un traballo de once cancións no que o grupo da Costa da Morte mantén a esencia dos discos que veñen presentando, con diferentes formacións, dende o ano 2014: intensidade emocional e paisaxes sonoras enmarcadas en forma de cancións de pop escuro. Todo é igual, pero todo é distinto. As letras de Chicharrón manteñen a profundidade da mirada interior, pero tamén ollan cara a fóra, cara ao colectivo, cara á tempestade que azouta a todas e todos.
"Isto semella unha festa/ nun hospital de guerra/ podes entrar se amosas a túa ferida/ podes quedar todo o que queiras/ e bailar e chorar/ e bailar e sangrar/ con ela", cantan en No serán, un dos temas máis inmediatos nun disco que non se preocupa pola inmediatez. Rosalía Fernández Rial concorda neste cambio nas letras de Chicharrón, na "translación da problemática individual a algo máis social"-
"Cando falamos entre nós temos unha conversa recorrente sobre estes tempos complexos que nos tocaron vivir, sobre a auxe do fascismo, de moitas crises, de intelixencias artificiais, de incertidume...", explica Rosalía Fernández Rial
"Cando falamos entre nós temos unha conversa recorrente sobre estes tempos complexos que nos tocaron vivir, sobre a auxe do fascismo, de moitas crises, de intelixencias artificiais, de incertidume...", explica en conversa con Praza.gal. "Somos humanos e somos conscientemente humanos. Cun afecto polo social e unha sensibilidade cara ás cousas que suceden ao redor de nós", engade.
Na súa polisemia, Temporal fala de perturbacións violentas da atmosfera pero tamén do tempo cronolóxico, dun "fin de ciclo" no propio. Hai tempo que Chicharrón vén mantendo a súa actual estrutura de trío -Mara Pérez, Rosalía Fernández e Alberto Martínez Vecino-, pero Fernández Rial destaca a alusión de Temporal "ao paso do tempo" e a un "peche de ciclo". "Para nós é en certa maneira un peche de ciclo, un ciclo que remata para comezar outro. Levamos xa bastantes anos estabilizados coa formación de trío e sentimos que estamos pechando unha etapa, aínda que non sabemos moi ben de que forma", anticipa.
Chicharrón levaba tres anos sen publicar un disco longo, un tempo extenso para o que nos afixeron a esperar nos últimos anos, despois de editar en anos consecutivos Unha fogueira intacta (2021), Erosión (2022) e O que nos queda por dicir (2023). Dende entón ofreceran, iso si, o EP Vitoria (2025) con catro cancións, do que este Temporal puido ser unha continuación.
"A idea primixenia era que Temporal mantivese un certo diálogo con Vitoria, de xeito que Vitoria fose unha primeira parte, un primeiro EP, e Temporal fose unha cara b. Pero a realidade é que Temporal foi desenvolvendo vida propia e converteuse nun longo", explica Fernández Rial. "Ten que ver tamén coa maneira de traballar que temos. Alberto é un compositor moi prolífico e escribe un pouco tamén en función das necesidades vitais que lle van xurdindo. E a partir de aí as cancións e o disco xurdiron dun xeito espontáneo e natural, un pouco como veñen os temporais", engade.
No estritamente musical, destaca Rosalía Fernández, o disco "soa a outras referencias musicais que nos inspiran, pero tamén soan a Chicharrón". O disco ábrese a ritmo de trip-hop e encaixa sons electrónicos, entre o atmosférico e o industrial, coa cobertura melódica do acordeón de Rosalía ou do cello de Macarena Montesinos en Colisión e Deriva. Para quen teñá curiosidade, acompañando cada novo disco Chicharrón adoita publicar en Spotify unha lista de temas que influíron as súas composicións máis recentes.
Aí aparecen nesta ocasión a Einstürzende Neubauten, Low, Swans, tamén The Cure ou o Bowie de Blackstar, tamén Kim Gordon e Thurston Moore. Aparece tamén, como en discos anteriores, os Nirvana de In Utero, unha referencia máis sorprendente que se fai explícita en Comprensión ("así me sinto sen ti/ baleiro/ como unha caixa baleira/ con forma de corazón/ que bate incesantemente contra acantilados").
Este coro de voces que xa non existen traballou nesta ocasión con Marco Maril (Dar Ful Ful, Apenino), que xa se ocupara da produción de Vitoria. "Para nós é un luxo traballar con el, porque é un proceso moi natural. É un músico que admiramos moito, que nos gusta moito o que fai e cunha maneira de traballar moi xenerosa e humilde. Por iso é moi doado para traballar con el", destaca Fernández Rial.
O disco, dispoñible en formato dixital en plataformas, está editado tamén en vinilo, nunha presentación moi coidada que inclúe non só as letras, senón tamén as fotografías de Pablo Mella que ilustran as 11 cancións. "Chicharrón é un proxecto musical pero o noso diálogo é artístico en sentido amplo: compartimos moita música, moitos textos, moitas reflexións. Por iso queríamos que Temporal fose un traballo interdisciplinar que dialoga con outras artes", destaca Rosalía Fernández.
Chicharrón presenta o seu novo disco este domingo ás 20 horas no Teatro Colón da Coruña, no marco do ciclo Tándem, unha programación da Deputación da Coruña que conecta a creación musical galega con propostas de vangarda da Península
Chicharrón presenta o seu novo disco este domingo ás 20 horas no Teatro Colón da Coruña, no marco do ciclo Tándem, unha programación da Deputación da Coruña que conecta a creación musical galega con propostas de vangarda da Península. O trío actúa coa artista vasca Sara Zozaya, que tocará algún tema de Chicharrón ao tempo que Chicharrón fai o mesmo con algunha canción dela.
"Queremos darlle unha certa solemnidade na escolla de temas por esa idea de fin de ciclo para a partir de aí iniciar unha experimentación por outros sendeiros", comenta Rosalía Fernández, que comenta que "será unha proposta de cancións serenas que encaixan mellor con ese escenario teatral", a diferenza doutros auditorios nos que o público está de pé. En Tándem o sábado 3 é a quenda de Niño de Elche e Gallaecia Ensemble Barroco. O 18 de outubro actuarán Mercedes Peón e a catalá Clara Peya. E o 25 de outubro A Pedreira os portugueses Beautify Junkyards.
Posteriormente, Chicharrón actuarán en Santiago o venres 9 de outubro (na Sala Riquela, con Anxo Araújo) e en Ferrol o 25 de outubro (no Teatro Jofre, con Zavala), neste caso nun concerto organizado por Ferror Records.