"Con este personaxe o que fago é xogar, que é a esencia do noso oficio"

'Síbaris', de Domingo Villar, levada a escena pola compañía Condetrespés protagonizada por Carlos Blanco © Condetrespés

"A obra está chea de recunchos e de misterios, é moi difícil non desvelar nada da función. Pero Domingo, que era un ourive e construía unhas arquitecturas literarias moi interesantes aquí tamén o fai", salienta Carlos Blanco sobre 'Síbaris', a única peza teatral do autor vigués, que levan a escena por todo o país

Ao entrar no patio de butacas do Teatro García Barbón de Vigo unha imaxe de Domingo Villar presidía a sala, proxectada sobre as cortinas do escenario que gardaba a escenografía dun apartamento ideado polo escritor vigués, que pensara cada detalle do lugar onde se desenvolve a súa Síbaris. A primeira obra dramática de Villar agora é unha realidade da man da compañía Condetrespés e a súa viúva, Beatriz Lozano. A súa estrea absoluta tivo lugar o 30 de setembro na cidade olívica.

Víctor Morel é un escritor que loita contra o seu propio éxito para dar rematado a súa seguinte novela. Un personaxe que ten o humor de Domingo Villar e para o que o autor pensou en Carlos Blanco. O actor da Illa de Arousa asumiu o reto de levar Síbaris ao teatro, dificultado polo falecemento de Villar, pero que finalmente chegou aos teatros e está este venres e sábado en Narón, o día 28 en Lugo, os días 3 e 4 de novembro en Pontevedra, o 18 de novembro en Vilagarcía e o 25 en Santiago. Xa en decembro, chegará o día 9 ao Grove e os días 28 e 29 á Coruña. Para o vindeiro verán tocará representala en Madrid, pero antes contan con volver a Vigo, onde encheron dous días seguidos o teatro que xestiona Afundación.

A Carlos Blanco o traballo non lle dá descanso e ten ás súas costas un gran número de rexistros interpretativos que, avanza, amplía co personaxe do Garda Civil que interpreta na serie que reconstrúe o caso Asunta, de Bambú Producciones para Netflix. Vén de participar na serie de Pepe Coira e Jorge Coira, Rapa, de Portocabo para Movistar Plus+, e en novembro volve a unha rodaxe doutra serie que compaxinará coas representacións de Síbaris.

Teatro García Barbón de Vigo na estrea de 'Síbaris' CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

A noite da estrea de Síbaris foi máis difícil que as estreas ás que está acostumado?

Como xa calculabamos que ía ser emocionalmente moi intenso, preparámonos. O que fixemos foi chegar co traballo moi seguro. Nós estabamos moi tranquilos, e creo que tiramos un bo texto e un bo espectáculo. Cando falaba co meu fillo [o director da obra, Lois Blanco] dicíalle que era clave que chegásemos relaxados porque ía haber moita emoción no patio de butacas e hai partes do texto que son tremendas, case premonitorias. Tiñamos que estar o máis tranquilos posible para contrarrestalo.

"Creo que esa complicidade con Belén é o que chamamos química, e cando existe é marabilloso"

Notábase xa na estrea unha gran complicidade entre Belén Constenla e vostede no escenario.

Claro, é que son moitos anos e moitos anos querendo traballar xuntos. Somos moi amigos, levámonos moi ben. Hai uns vinte e cinco anos que coincidimos, cando nos dirixiu Eduardo Alonso aos dous, pero creo que desde iso non volvemos traballar xuntos aínda que si compartimos algún outro proxecto. Tiña moitas ganas de traballar con ela e souben desde o principio que ela era Laura, por razóns físicas e porque creo que empatamos moi ben en idade. Belén está moi ben nesa personaxe de muller urbana, un pouco sofisticada e cun punto negro, porque é unha personaxe moi misteriosa en realidade. Cando me presentou o texto, díxenlle a Domingo que quería saber máis dela. Todo agosto traballamos Belén e mais eu con Lois, e xa en setembro se incorporaron Oswaldo Digón e Pablo Novoa. Creo que esa complicidade con Belén é o que chamamos química, e cando existe é marabilloso.

Como se xestionan esas partes do texto que son premonitorias de algo que está por pasar na obra?

É difícil e é bonito. A obra está chea de recunchos e de misterios, é moi difícil non desvelar nada da función. Pero Domingo, que era un ourive e construía unhas arquitecturas literarias moi interesantes aquí tamén o fai. Eu berráballe (con cariño) porque incluso nos fixo un debuxo de como imaxinaba o escenario, e dicíalle: escribes de marabilla os diálogos, pero iso xa é traballo do escenógrafo; como se nota que es novato! Tiña unha cabeza privilexiada.

Cartaz de 'Síbaris' cunha ilustración de Carlos Baonza CC-BY-SA Afundación

A obra ten un humor moi característico, bordea o humor negro e coa retranca moi presente. En suma, o humor do propio Domingo Villar.

Si, el ademais tiña ese sorriso tan retranqueiro. Logo a función foise enriquecendo con gags que nos apareceron traballando, como o feito de que o personaxe de Marcus [o axente literario interpretado por Oswaldo Digón] teña un brazo mancado, porque a min dáme moito pé ao final da obra a darlle uns golpiños cariñosos no brazo, que case o pedía a propia escena. O humor recórdame moito –salvando as distancias– a eses diálogos que tiñan Katharine Hepburn e Cary Grant nos clásicos de Hollywood, que eran tan divertidos! Eses diálogos de matrimonio de moitos anos, que se queren pero que á vez xa están un pouco fartos.

"Coincidiume coa rodaxe de Asunta e cun personaxe que non ten nada que ver. Entón, o Víctor Morel era un bálsamo"

Domingo díxolle que xa pensara en vostede cando estaba a escribir o protagonista de Síbaris, que se sente?

Iso me dixo, pero nunca lle acabo de crer isto a un escritor porque nunca sabes se o di para engaiolarte o porque é en serio. Eu supoño que cando escribes podes pensar en alguén, e como el quería que a obra chegase a representarse, pois pensaba en min e en Juan Echanove, Ernesto Alterio ou Pepón Nieto. Víctor Morel é un personaxe divertido, histriónico, un pouco tolo e ao mesmo tempo con certa brillantez, pensei que podía facelo ben. Pareceume unha especia de Woody Allen pasado pola peneira de Domingo Villar, un neurótico pero non neoiorquino, máis de aquí. Sempre lle metes algún detalliño ao personaxe e eu pensei en que levara un kurta de home como os que levan en Paquistán, que ademais puiden escoller directamente a través do meu teléfono móbil en conexión con Islamabad grazas a un amigo que viaxou alá.

Como se preparou vostede o personaxe de Víctor Morel?

Traballei moitísimo, sobre todo quería chegarlle a Lois impecable de texto. O que pasa é que me coincidiu coa rodaxe de Asunta, que rematou estes días, e cun personaxe que non ten nada que ver. É un Garda Civil, un home serio e incluso duro, malhumorado, rosmón. Entón, o Víctor Morel era un bálsamo. Eu remataba de rosmar ao mellor ás dúas da tarde e marchaba ensaiar Síbaris, que era coller aire. Mira que o pasei en grande facendo ese rosmón con María León e con Carlos Sedes, que é un director que te leva moi ben da man, e insistía en que tiña que ser aínda máis duro. Pola mañá rodaba en Santiago e pola tarde ensaiaba na Illa e era pasar dun rexistro a outro, ás veces toleas pero é moi divertido. Eu con este personaxe o que fago é xogar, que é a esencia do noso oficio. En ningún idioma interpretar dise interpretar, só en galego ou en castelán, os demais din xogar. E este personaxe sobre todo hai que xogalo, é para pasalo en grande. Máis que curralo o que fixen foi xogalo, gozalo.

O elenco de 'Síbaris' xunto ao seu director, Lois Blanco © Condetrespés

"Unha das virtudes que ten Lois é que escoita moi ben"

É a primeira vez que o dirixe o seu fillo, Lois Blanco, como está a ser a experiencia?

A verdade é que levabamos moito tempo querendo traballar xuntos. Cando me dixo que se quería dedicar a isto mandeino facer un curso de clown para que entendera o oficio, porque o noso oficio é entreter a xente e divertila, e despois mandeino a Bos Aires para aprender como fan teatro a pesar de todo, sen un duro e como poden. Logo xa fixo carreira na ESAD e comezou cos seus proxectos. Cando Domingo me propuxo traballar o texto pensei que era o ideal para traballar con Lois porque é unha comedia, algo que podemos ir creando os dous máis á par. Tivemos asesoramento de Claudio Tolcachir e recortamos un pouco o texto. Unha das virtudes que ten Lois é que é un home que escoita moi ben, eu falo moito e el escoita moito. Escoitounos moito a Belén a min, case todo foi por consenso e foi moi fácil de facer. El deixouse aconsellar por nós e cando tivo que dicir que non, dixo non.

"Creo que para esa xente que non pode mercar con antelación debemos regresar, que o lóxico sería abrir e pechar a xira galega en Vigo"

Teñen confirmada a xira galega e do 22 ao 27 de xuño van estar nos Teatros del Canal en Madrid, poderán volver a Vigo?

Intentaremos volver por Vigo porque creo que moitísima xente quedou ás portas do teatro. Vendeuse todo anticipado e por experiencia sei que un sector de público –que non é pequeno– non se pode permitir mercar con antelación. Creo que para esa xente debemos regresar, que o lóxico sería abrir e pechar a xira galega en Vigo. E estou vendo que nos vai pasar o mesmo na Coruña porque a estas alturas está case completo os dous días o teatro. O do público da Coruña é espectacular, non sei como agradecerlle a fidelidade que ten a todo o que fago, a un celtista ademais! Ten moitísimo mérito.

E todo isto, sen apoios de ningún tipo.

A ver, presentámonos ás axudas da Agadic e non conseguimos nada. Logo ofrecémoslle a obra ao Concello de Vigo e non lle interesou, algo que non entendo. No da Agadic entras nun concurso de méritos e hai unhas puntuacións, pero no do Concello de Vigo si que me pareceu inexplicable. Ofrecémoslle a estrea mundial dunha obra de Domingo que probablemente en pouco estea en Barcelona, en Bos Aires ou en Cidade de México; e nos dixeron que non había cartos, cando no verán contrataron a un DJ francés por un millón de euros.

Polo menos, que ben que non falte o traballo.

Pois si, a verdade. Agora xa me estou preparando porque en novembro rodo con Rodrigo Sorogoyen un capítulo dunha serie. É un luxo poder enlazar un traballo con outro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.