'Fábrica de fume': teatro comunitario no CDG para levar a escena os conflitos laborais

Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla nun picnic con cerámica de Sargadelos © Milena Vizoso

'Fábrica de fume' é unha obra de teatro comuntario, dirixida por Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte, que se representa os vindeiros domingos no Salón Teatro de Santiago, unha coprodución co CDG e a FEGATEA

Dezaoito actores e actrices soben ao escenario do Salón Teatro para representar os conflitos laborais cotiás, as sinerxías e conflitos que se crean nos espazos de traballo pero, sobre todo, nas fábricas. Asistimos a Fábrica de fume, unha creación colectiva baixo a batuta de Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla, que contan coa coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) nesta aventura que enmarcan nun ambicioso proxecto ligado a unha fábrica concreta e icónica, a das cerámicas de Sargadelos.

“Así te afundas coa túa vaixela de Sargadelos!”. A primeirísima pulsión que deu inicio a este proxecto, no que xa levan dous anos traballando, foi a ruptura dunha amizade. Conta Ana Fontenla que esa frase lapidaria que lle dedicou unha ex-amiga provocou un montón de preguntas, interrogantes que compartiu con Celina Fernández Ponte, natural de San Cibrao, onde se sitúa o conxunto histórico-artístico de Sargadelos. “Por que é para min un ben material que teño tan arraigado?”, lembra que se interpelou a raíz de debullar o seu apego por esta cerámica da que foi artífice Isaac Díaz Pardo.

'Fábrica de fume' no Salón Teatro do CDG © Ana Fontenla

As dúas actrices, dramaturgas e directoras non tardaron moito en atopar o enfoque que máis lles interesaba ligado a Sargadelos, o das mulleres que enchían a fábrica nos seus inicios (e tamén hoxe) e o dunha muller, Carmen Arias de Castro, Mimina, sen a que é imposible entender hoxe a historia do país, a pesar de que o seu nome non sexa tan recoñecido como o do seu compañeiro, Isaac Díaz Pardo. “Ao decatarnos de que tiñamos moito no que profundar, pensamos en dividir o proxecto en tres liñas de acción que nos permitiran seguir investigando e debullando o espectáculo Dúas Vaixelas, que incorporará todo o que estamos a descubrir coas traballadoras da fábrica”, explica Fontenla.

Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla traballan nun ambicioso proxecto ligado a unha fábrica concreta e icónica, a das cerámicas de Sargadelos, cuxo resultado final será o espectáculo 'Dúas vaixelas'

“Unha primeira parte é pedagóxica, a partir de obradoiros que queremos fomentar en diferentes eidos culturais e pensados para públicos diversos, tamén para abrir a participación a diferentes xeracións. Por outra banda, estamos deseñando unhas pezas de formato curto ou performance nas que estamos como actrices nolas dúas, e que encaixan no concepto da conferencia performativa, así que seguen sendo unha maneira de divulgar parte da historia. A terceira parte, que bebe das outras dúas, sería o resultado do espectáculo Dúas vaixelas”, debulla Ana Fontenla.

Fábrica de fume, a obra que se está a representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela, e que non sairá de aí, pertence á vertente pedagóxica do proxecto. “Este ano a temática das producións do CDG era o traballo, ofrecéronnos a posibilidade de asumir unha coprodución co CDG e a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) en doce sesións. A través de depurar o contexto fabril, puidemos xerar outro espectáculo distinto, que non ten que ver con Sargadelos, pero a nós si que nos serviu para testar material que ía xurdindo nesta investigación”, conta Fontenla.

Cartaz desta obra de teatro comunitario que se representa en Santiago CC-BY-SA CDG

Fábrica de fume pode verse os domingos 23 e 30 de marzo no Salón Teatro do CDG ás 12 do mediodía, con acceso gratuíto

Esta obra de teatro comunitario, na que participaron dezaoito actrices e actores de diferentes idades que participan en distintos grupos de teatro amador do país, pode verse os domingos 23 e 30 de marzo no Salón Teatro do CDG ás 12 do mediodía, con acceso gratuíto.

“Con elas e eles lembramos o divertido que é facer teatro por vontade, para pasalo ben”, salienta Ana Fontela sobre o elenco, que se reúne en Compostela desde diferentes partes de Galicia. “A nivel plástico, sacarlle o máximo proveito a dezaoito corpos é moi chulo. Como non cremos que nos vexamos nesta outra vez, Celina e mais eu aproveitamos moito as sesións de creación da obra. Permitiunos investigar porque este proxecto ten a característica de ser teatro profesional feito por amadores. No diálogo hai unha aprendizaxe moi horizontal: nós aprendemos moito deles e eles aprenderon moito de nós. Entendemos que o teatro amador é fundamental para o teatro profesional porque como non teñen presión son moi punkis. Precisamente por iso, inician camiños que despois os actores profesionais podemos seguir percorrendo”, celebra a creadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.