María Yáñez, directora do filme, recolle os galardóns acompañada de Carmen Quiroga, filla de Ana Kiro, e agarda que esta "viaxe musical" sobre a "historia de amor" da "diva do torreiro" co seu público sexa "a película deste Nadal" nos cinemas, aos que chega o 11 de decembro
A Gala de Clausura do Ourense Film Festival pechou este pasado sábado a trixésimo primeira edición do OUFF coa entrega dos premios do certame ourensán, no que pola banda do cinema galego destacaron os galardóns para Kiro, o filme documental de María Yáñez sobre "a historia de amor" da "diva do torreiro" co seu público. A produción, que tras ter a súa estrea no festival ourensán chega o 11 de decembro ás salas comerciais, foi distinguida na Sección Oficial Panorama Galicia coa Calpurnia á mellor película e mais co premio do público.
"Para unha primeira película levar o premio do xurado e o do público é o mellor, non se pode aspirar a máis", resaltou a directora, quen agardou que a "estrea mundial" e o recoñecemento en Ourense sexa "o inicio dunha viaxe" e "nos dea sorte para a estrea en salas". O seu desexo, resalta Yáñez, é que Kiro, "unha viaxe musical para ver en pantalla grande", sexa "a película deste Nadal" nos cinemas galegos.
A realizadora estivo acompañada na gala por Carmen Quiroga, filla de Ana Kiro, a quen cedeu a recollida do premio do público. "Estou moi emocionada e agradecida", declarou, porque "se hai un premio que a ela lle encantaría recibir é precisamente o do público, sempre o levou no corazón e sempre dixo que sen el non sería ninguén". "Seguides apoiándoa dende o agarimo e o respecto" e por iso, di, a familia segue a agradecelo.
Tras pasar polo OUFF, o camiño de Kiro cara ás salas comerciais ten máis paradas en festivais. A seguinte, no In-Edit de Barcelona, especializado en cinema documental musical. Será o escenario da estrea do filme en Catalunya o 3 de novembro, cun segundo pase ao día seguinte.
O Panorama Galicia do OUFF completa o seu palmarés co galardón á mellor interpretación para Elena Seijo por Walking Holiday, filme dirixido polos irlandeses Cian e Jack Desmond que tamén levou o premio ao mellor guión. O premio á mellor dirección nesta sección foi para María Aparicio por A veces me entra tristeza, otras veces rebelión e a mellor curtametraxe foi Baja la marea, de Óscar Villarroya.
Club Kid, de Jordan Firstman, foi distinguida coa Calpurnia á mellor película internacional e El mal hijo, de Jaime Lorente, co premio á mellor ópera prima nunha gala no que o Premio Especial do OUFF a toda a traxectoria o recibiu a actriz Charo López de mans de Francis Lorenzo. Para o director artístico do festival, Óscar Doviso, o OUFF logrou volver "facer comunidade arredor do cine. Mentres haxa historias que contar, persoas dispostas a contalas e espectadores dispostos a escoitalas, teremos unha razón para seguir aquí", resaltou nunha gala presentada por Noelia Rey e Luis Larrodera e dirixida por Iván Iglesias.