Na serie No seu lugar, outro o reto é retratar Galicia a través das súas creadoras contemporáneas.
Poesía e cinematografía conflúen a partir das palabras de Berta Dávila, Lucía Aldao e Keith Payne, que os directores Álvaro Gago, Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal reinterpretan coa cámara. No seu lugar, outro é unha serie cun formato único en Galicia que xunta a estas parellas artísticas con toda a liberdade creativa.
O resultado é unha primeira tempada con tres episodios que nos levan ata o barrio dos Mallos da Coruña da man de Lucía Aldao e Coral Piñeiro, polas case abandonadas galerías comerciais do ensanche compostelán con Berta Dávila e Álvaro Gago e polos diferentes significados do porto de Vigo para a historia do país con Keith Payne e Fran Rodríguez Casal. A serie é unha produción de Sombriza Films e pódese ver na plataforma dos medios públicos Agalega.gal.
O proxecto inspírase no labor da pioneira documentalista Cecilia Mangini, que se marca o reto de retratar a Italia da década dos setenta do século pasado a través do relato dos escritores do momento. Aí entra en contacto con Pier Paolo Pasolini, cuxos textos leva ao cinema en curtametraxes como Ignoti alla città (1958) e La canta delle marane (1962). En No seu lugar, outro o reto é retratar Galicia a través das súas creadoras contemporáneas.
“Collemos esta idea de pór en relación a cineastas e escritores para dar unha visión do territorio. O escritor ou escritora escribe o texto, que despois recolle libremente quen dirixe e interpreta esas palabras no audiovisual; creando así unha mestura entre artes moi viva e diversa”, explica Fran Rodríguez Casal.
“Todos os episodios falan cara a atrás no tempo, e foi casualidade porque houbo total liberdade para as autoras”. Dende o colectivo Memoria e cinema xa veñen traballando, como salienta Coral Piñeiro, “na memoria como forma de entender o noso presente e na que reflexionar sobre como queremos construír o noso futuro”.
Isto é o que fai Lucía Aldao no seu texto, que interpreta a propia Coral Piñeiro na dirección da peza audiovisual. “Lucía cuestiónase quen é ela agora e fai ese repaso por esa sensación de pertenza ao seu barrio na Coruña. Ela segue sentíndose moi orgullosa do barrio, pero tamén o cuestiona, sen romantizalo”, detalla Piñeiro.
"Aínda que en todos os episodios se bota a vista atrás, tamén se fala do futuro"
Todos os episodios parten dunha realidade moi concreto, neste caso o barrio dos Mallos, que no fondo abordan as distintas maneiras que temos de identificarnos co territorio e como cambian os espazos en función de quen os mira.
“A min axudoume a repensar como miro outros lugares”, destaca Coral Piñeiro sobre o seu traballo con Lucía Aldao, da que xa era seguidora na adolescencia a través das súas actuacións con María Lado en Aldaolado: “Claramente estaba namorada do enfoque social que ten en todo o que fai, pero tamén dese sentido do humor seu. É unha persoa graciosísima e moi elocuente que era perfecta para esta serie”.
“Aínda que en todos os episodios se bota a vista atrás, tamén se fala do futuro. No episodio que fixemos Keith e mais eu hai unha vista atrás moi presente porque a xente segue migrando, é un sentimento universal e común, non importa a época na que o sitúes”, destaca Fran Rodríguez Casal, que non ve posible facer unha serie coma esta sen liberdade creativa e confianza.
"Hai algo moi bonito tanto na liberdade para quen escribe, como logo para a persoa que recibe ese texto, de poder imaxinar e aportar outra visión", salienta Fran Rodríguez Casal
“Hai algo moi bonito tanto na liberdade para quen escribe, como logo para a persoa que recibe ese texto, de poder imaxinar e aportar outra visión. Nesa unión xorden unhas tensións e novos significados que creo que doutra maneira non serían posibles”, asegura Rodríguez Casal.
O episodio rodado en Vigo ten a emigración dende o porto no eixo central. “Recibín un poema por parte de Keith e tiven que facer esas palabras miñas. Paseei por Vigo durante varios días gravando cunha camariña pequena eu só, aínda que algunhas veces tamén me acompañou el, coa idea de ver que pasaba, que me levaban a gravar esas palabras pola cidade”, explica o cineasta.
O recordo dos lugares que un día foron grandes, como as galerías comerciais de Santiago de Compostela, serve de base para o episodio de Berta Dávila e Álvaro Gago, que conta cos actores María Vázquez, Xosé Barato e Iria Pinheiro.