O alumnado do cole de Muras ten unha carta para a Unesco

Carta do alumnado de Muras que acompañará o exemplar do Alba de Groria -na imaxe- que remitirá o Legado Beiras Cal á Unesco © Legado Beiras Cal

Legado Activo Beiras Cal promove o envío dun exemplar do Alba de Groria á axencia cultural da ONU co gallo do día que dedica á diversidade cultural canda un manuscrito das nenas e nenos do CEIP Antía Cal na defensa da escola rural e do galego

Dende 2024 o proxecto Legado Activo Beiras Cal procura, dende Muras, continuar e espallar a herdanza cultural, científica e pedagóxica do oculista e investigador Antón Beiras e da mestra e pedagoga Antía Cal. Mostras fotográficas ou documentos que acreditan o seu traballo a prol do galego en plena ditadura son algunhas mostras dunha iniciativa que agora de dispón a chegar á Unesco, a axencia da ONU en material cultural, educativa e comunicativa, da man do alumnado do colexio da localidade, o CEIP Antía Cal Vázquez.

Aproveitando a celebración, o 21 de maio, do día que a Unesco dedica cada ano á diversidade cultural, as 15 nenas e nenos da escola de Muras escriben a Audrey Azoulay, directora xeral da entidade, para explicarlle que están a ver "como moitas escolas pequenas van desaparecendo, e con elas vaise tamén unha parte da nosa historia, da nosa cultura... e tamén da nosa lingua". "En Muras -agregan- o galego sempre foi a lingua que máis se falou, a que usaban os nosos avós, a que soaba nas rúas. Pero agora, pouco a pouco, está a desaparecer tamén entre nós".

Carta do alumnado do CEIP Antía Cal á Unesco © Legado Activo Beiras Cal

"Non queremos que se perda todo isto", explica a infancia de Muras. "A nosa escola é moito máis ca un lugar para aprender: é onde nos sentimos libres, queridos, onde facemos comunidade, onde somos unha familia e onde aínda se pode escoitar o galego". E por iso piden "apoio para as escolas do rural, para que non se esquezan de nós e para que todos os nenos e nenas poidamos seguir estudando preto das nosas casas."

"A nosa escola é moito máis ca un lugar para aprender: é onde nos sentimos libres, queridos, onde facemos comunidade, onde somos unha familia e onde aínda se pode escoitar o galego"

A carta do alumnado do CEIP Antía Cal Vázquez chegará á Unesco cun "anaco da nosa alma galega": un exemplar do Alba de Groria de Castelao editado en Bos Aires. "Chegou á Biblioteca de Antón Beiras e Antía Cal dun xeito clandestino" en tempos nos que estaba prohibido.

Con esta achega, explican dende Legado Activo Beiras Cal, queren "agasallar e recoñecer á Unesco pola súa defensa da diversidade lingüística e, en relación a isto, tamén pedirlle colaboración para o mantemento da lingua galega que está en grave risco de desaparición". E, asemade, "conmemorar o Ano Castelao entregando un texto deste autor a unha das bibliotecas máis sinaladas do mundo como é a da Unesco", entidade coa que Antía Cal "tivo unha relación moi estreita á hora de desenvolver o seu proxecto pedagóxico en Vigo".

Detalle do exemplar do 'Alba de Groria' editado en Bos Aires que o Legado Beiras Cal vai enviar á Unesco © Legado Activo Beiras Cal

O envío do Legado Activo Beiras Cal levará consigo, ademais, unha carta do presidente da Real Academia Galega con "información do que significou Castelao e o discurso Alba de Groria". Henrique Monteagudo tamén participa, este martes día 20, no acto no que o alumnado da escola de Muras introducirá a súa carta na caixa que será remitida á Unesco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.