Poesía, música, regueifa, teatro, cinema, pensamento crítico e cultura popular conviven na 38ª edición do Festival da Poesía no Condado, que transforma Salvaterra de Miño os días 4 e 5 de setembro nun gran palco transfronteirizo, dada a súa forte dimensión galego-portuguesa. O certame reivindica a cultura como ferramenta de expresión, memoria e transformación
A Sociedade Cultural e Desportiva Condado presenta a programación deste ano, que conta no apartado musical con Mondra, Laura LaMontagne, A banda da loba, Xisco Feijóo, Rebeliom do inframundo, Loita Amada, Clo Plas, Kumpania Algazarra, Fidju Kitxora e DJ El Gadzé. A creación artística e o compromiso social danse a man neste festival que sae adiante grazas á colaboración de entidades e pequenos patrocinadores.
A mocidade toma a palabra a través da regueifa. O festival comeza co I Certame Nacional de Regueifa Jovem, promovido polo Regueifa Tour e pola SCD do Condado, co o apoio da Regueifesta e da Asociación ORAL de Regueifa. Estrela do Courel e Tegra de TraloCouto, Maré a Muda e Nântia, Miguel de Merza e Manuel Mella, Lúa Vogel e Loaira das Chousas, Manuela Quinteiro e Tiziana, Celtia de Coristanco e Iago López, Alonso dos Celtas e David Fernández, e Xoel Maneiro e Roi Souto serán os participantes.
Farán entrega dos premios do II Certame Literário Juvenil Festival da Poesia no Condado, que distinguirá os autores Breixo Suárez e Lucía Fernández, de Salceda de Caselas. Ás 20.30 horas chegará a actuación de Laura LaMontagne no palco da Casa do Conde, seguida da lectura do limiar desta edición –escrito polo xornalista portugués Bruno Carvalho– nun acto conducido por Lara Soto.
Recitarán as poetas Oriana Méndez, Iria Pinheiro Santos, Lorena Souto, Eugénio Outeiro Lojo, Igor Lugris, Masha Álvarez, Samuel L. París, Pablo Otero, Antón Blanco Casás, Noelia Gómez e Fátima Dguez Silva
O espectáculo Lobismo, d'A banda da loba, abrirá os concertos da noite do venres 4, na que Loita Amada e Rebeliom do Inframundo –referencia do rap galego– tamén subirán ao escenario.
O sábado 5 comezará co descenso de embarcacións polo río Miño desde Monção. Estará aberto o Mercado de artesáns e coletivos no Torreiro, acompañado pola animación de rúa de Ameaça de Bombo. Celebraráse o encontro da Taça Gallaecia 2026 de Futebol Gaélico e haberá un Aberto de Bilharda mais outro de Chave.
Proxectarán o documental Poesia no Condado, dirixido por Irene Pin, que recupera a historia do festival desde 1973 a partir de entrevistas, imaxes e documentación de arquivo, dando voz a algunhas das persoas que foron parte deste proxecto.
Ás 13:15 horas do sábado terá lugar o primeiro recital poético do día, con Antón Blanco Casás, Noelia Gómez e Fátima Dguez Silva. A brass band feminina Brassica Rapa animará a sesión vermú.
Na tarde do sábado, ás 17h, a Casa da Cultura acollerá a representación da peza O transgredir das ondas, de Paula Carballeira, da compañía Berrobambán, que mestura o teatro documental e radiofónico para homenaxear a xornalista e escritora Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Na Mesa das Ideias participarán Óscar Valadares, de Mar de Lumes; Marta Romero, da Plataforma Galiza pola Paz; e Ana Miranda, eurodeputada do BNG
O pensamento político terá um espazo propio na Praça do Peixe coa Mesa das Ideias, cunha conversa moderada pola xornalista Charo Lopes titulada Solidariedade e luta contra o imperialismo na que participarán Óscar Valadares, de Mar de Lumes; Marta Romero, da Plataforma Galiza pola Paz; e Ana Miranda, eurodeputada do BNG.
Clo Plas, o dúo formado por Xiana Arias e Berio Molina, e Xisco Feijóo porán a música na tarde. Mentres que Masha Álvarez, Samuel L. París e Pablo Otero protagonizarán o recital poético na Casa do Conde.
No recital poético central do festival van participar Oriana Méndez, Iria Pinheiro Santos, Lorena Souto, Eugénio Outeiro Lojo e Igor Lugris. E para rematar o protagonismo volve á música coa espectáculo De Ronda de Mondra, a banda portuguesa Kumpania Algazarra, Fidju Kitxora que veñen da Guiné-Bissau e o DJ set de El Gadzé.
"Com esta programaçom, o Festival da Poesia no Condado reafirma-se como um espaço de encontro entre criaçom e reivindicaçom, tradiçom e contemporaneidade, Galiza e a lusofonia"
"Com esta programaçom, o Festival da Poesia no Condado reafirma-se como um espaço de encontro entre criaçom e reivindicaçom, tradiçom e contemporaneidade, Galiza e a lusofonia. Umha ediçom que volta a colocar a poesia no centro, mas que entende a cultura como um território muito mais amplo: feito de música, memória, pensamento crítico, festa e participaçom coletiva", defende a SDC do Condado.
"Machirulos, non sodes benvidos!"
Desde a organización salientan que queren ser un espazo seguro, diverso e libre de machismo e LGTBIfobia, onde todas as persoas poidan desfrutar da cultura con liberdade e respecto."Os cuidados, o respeito e a igualdade som responsabilidade de todas e todos", aseguran.
Durante o transcurso do festival haberá un Punto Lila de atención, información e acompañamento ante posibles situacións de violencias machistas ou LGTBIfóbicas.