O inicio da colaboración entre o Museo do Pobo Galego e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia materialízase coa doazón de The Wall. Creado polo programador ourensán Álex González e comercializado en 1986, está considerado o primeiro videoxogo galego coñecido
Os videoxogos son cultura. Ninguén pon en cuestión xa que os videoxogos son unha manifestación cultural máis, do mesmo xeito que os libros, os filmes ou os discos de música. E, como tales, forman parar do patrimonio cultural dun país, especialmente as súas obras máis valiosas e as que de xeito pioneiro abriron camiño nun sector aínda novo, con poucas décadas de historia.
O Museo do Pobo Galego e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) veñen de formalizar unha colaboración que permitirá incorporar de maneira estable o videoxogo galego aos fondos, espazos expositivos e proxectos de divulgación do Museo, abrindo unha nova etapa para o seu recoñecemento como parte do patrimonio cultural contemporáneo de Galicia.
O inicio desta colaboración materialízase coa doazón de The Wall aos fondos do Museo do Pobo Galego por parte do MUVI. Creado polo programador ourensán Álex González e comercializado en 1986, está considerado o primeiro videoxogo galego coñecido.
A iniciativa supón "un recoñecemento ao labor desenvolvido" polo MUVI a prol do recoñecemento do videoxogo como parte do patrimonio cultural galego
A iniciativa supón ademais "un recoñecemento ao labor desenvolvido" polo MUVI desde a súa creación en 2019, a prol do recoñecemento do videoxogo como parte do patrimonio cultural galego, "lonxe das interpretacións estritamente lúdicas do medio, e situándoo dentro dos procesos de preservación, documentación e estudo patrimonial, en diálogo co resto das expresións que conforman a memoria cultural do país", destaca o Museo do Pobo.
"Levamos dende o ano 2019 traballando para que o videoxogo sexa entendido en Galicia como parte da nosa cultura contemporánea e tamén da nosa memoria colectiva. Este acordo representa a demostración de que merece ser preservado, estudado e compartido igual que calquera outra expresión cultural", destacan Jacobo e Galo Martínez
Para Jacobo e Galo Martínez, cofundadores da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o acrodo é “un dos momentos máis importantes da historia da entidade". "Levamos dende o ano 2019 traballando para que o videoxogo sexa entendido en Galicia como parte da nosa cultura contemporánea e tamén da nosa memoria colectiva. Este acordo representa a demostración de que merece ser preservado, estudado e compartido igual que calquera outra expresión cultural", destacan.
The Wall será presentada en formato interactivo, seguindo os criterios de conservación e divulgación desenvolvidos polo MUVI, e constituirá o punto de partida para o desenvolvemento dunha futura proposta expositiva arredor do Videoxogo Galego. Esta iniciativa está chamada a integrarse nas novas salas de historia contemporánea do Museo do Pobo Galego, actualmente en desenvolvemento.
The Wall, un pioneiro que foi un éxito de vendas
No ano 1986 chegaba ao mercado The Wall, o primeiro videoxogo creado por un galego, o ourensán Álex González, que o desenvolveu como hobby e de forma autodidacta. Con todo, o xogo non foi unha anécdota. Entre 1986 e 1989 vendeu máis de sete mil unidades no Estado
No ano 1986 chegaba ao mercado The Wall, o primeiro videoxogo creado por un galego, o ourensán Álex González, que o desenvolveu como hobby e de forma autodidacta. Con todo, o xogo -distribuído por Erbe Software, daquela unha das editoras máis importantes do sector en España- non foi unha anécdota. Entre 1986 e 1989 vendeu máis de sete mil unidades no Estado, en exclusiva para ordenadores MSX e en formato de cinta de casete, cifras moi importantes para ese tempo, un momento no que o número de ordenadores persoais era aínda pequeno e no que a industria do videoxogo estaba a dar os seus primeiros pasos.
The Wall forma parte fundamental da historia do videoxogo en Galicia e, polo tanto da historia da cultura galega. Porén, ata o ano 2024 pouco ou nada sabíamos da súa existencia. O propio Álex González achegouse un día polo Museo do Videoxogo de Galicia e preguntou se tiñan por aí The Wall. No museo non constaba e grande foi a sorpresa dos responsables do MUVI cando González lles dixo que el era o creador. Ata entón o primeiro videoxogo galego do que se tiña constancia era de mediados dos anos 90.
O MUVI: 7 anos de actividade ao redor do videoxogo entendido como ben cultural
Desde finais de 2018 a semente do MUVI impulsou diferentes iniciativas para situar o videoxogo dentro do ámbito cultural galego
Desde finais de 2018 a semente do MUVI impulsou diferentes iniciativas para situar o videoxogo dentro do ámbito cultural galego, entre elas a apertura do Museo do Videoxogo como primeiro museo sobre videoxogos aberto en España e o nacemento do Proxecto do Videoxogo Galego coa creación da primeira base de datos de videoxogos feitos en Galicia e en galego preservados no MUVI (2019).
Tamén a constitución da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (2020), a organización de exposicións e actividades divulgativas pioneiras e Museos como o MARCO de Vigo (2020) ou o Museo MIHL de Lugo (2023), a incorporación ao Sistema Galego de Centros Museísticos (2024) e o establecemento de colaboracións con institucións culturais e académicas de referencia.