Os Premios Follas Novas apostan pola "especialización" e "pluralidade" cun novo trío de xurados

Persoas galardoadas na pasada edición dos Premios Follas Novas no escenario do Teatro Principal © Premios Follas Novas

"Esta nova estrutura permite unha avaliación máis específica e rigorosa de cada ámbito, adecuando os criterios ás particularidades de cada tipo de obra", salientan as asociacións convocantes

A cantidade de obras que se publican cada ano en Galicia non deixa de medrar e desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), convocantes dos Premios Follas Novas, decidiron ampliar os xurados para adaptarse ás circunstancias co obxectivo de seguir recoñecendo "a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia". 

A renovación do sistema de xurados é unha aposta para "reforzar a pluralidade, a especialización e a transparencia do proceso de avaliación". En lugar do xurado único que ata agora viña ocupándose da elección tanto de finalistas como de gañadores, nesta edición –que se centra nos libros publicados entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025– haberá xa tres xurados diferenciadas, compostos por catro persoas cada un.

Xosé Barato como presentador da gala de 2024 © Gala do Libro

Os xurados para os Premios Follas Novas 2026, que se celebrarán o 9 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terán unha sección literaria, outra de deseño e unha terceira de edición. Cada un destes xurados estará integrado por representantes da AELG, da AGE e da FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, incluíndo dúas persoas escritoras de recoñecido prestixio, todas elas con voz e voto, segundo destacan desde a organización do certame. 

A gala dos premios convocados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia celebrarase o 9 de maio en Compostela 

A sección literaria encargarase das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura. Pola súa banda, a sección de deseño será a responsable de escoller os premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada. E a sección de edición avaliará as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación.

"Esta nova estrutura permite unha avaliación máis específica e rigorosa de cada ámbito, adecuando os criterios ás particularidades de cada tipo de obra", detallan as asociacións convocantes. 

Outorgaranse un total de 13 premios sometidos á valoración do xurado, aos que se suman tres galardóns honoríficos que recoñecen a traxectoria dun autor ou autora galega universal, o labor dunha libraría e a contribución á edición galega, categorías outorgadas directamente polas convocantes, que xa teñen en marcha a preselección de obras que chegarán aos xurados, que escollerán tres finalistas por categoría.

Foto de familia dos Premios Follas Novas 2024 CC-BY-SA Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.