Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, recibe o premio de honra do Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde
O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde, concédelle o premio de honra desta 29ª edición a Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, figura imprescindible da escena galega e, en particular, do teatro de monicreques. Un premio que asume como “moi colectivo”, pois o seu traballo desde a compañía de títeres Tanxarina sempre foi en equipo, agora xunto a Miguel Borines e Andrés Giráldez. “Que veña dos compañeiros engrandece máis o premio”, asegura Tatán.
“Vou eu de representante porque son o maior”, afirma sobre o recoñecemento, que recolle este domingo antes da función de clausura do Galicreques, ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Tras a entrega, a compañía franco-arxentina Signe Diesel representará a peza Kazu, un compendio de historias de amor e despedidas no estudo dun artista. O festival reivindica con este premio a traxectoria, o esforzo e o talento dun dos grandes nomes das nosas artes escénicas.
Son corenta anos traballando cos títeres, abarcando diferentes técnicas e estéticas, para contar historias a pequenos e maiores. Tatán forma parte da xeración de pioneiros que abriu camiño para a dignificación da escena dos monicreques. O seu labor en Tanxarina, unha das compañías máis importantes do país, é exemplo para todas as xeracións, para calquera artista e para o futuro do oficio das marionetas, que pasa, como vén reivindicando o redondelán, por que se estude esta disciplina na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg).
"Os títeres antigamente eran máis críticos co poder", sinala Tatán, quen considera que agora existe "unha especie de autocensura que provoca que algúns temas parezan intocables, ou que xa están resoltos; e aínda non, non están resoltos..."
“Unha cousa máxica dos títeres é que dentro do que pode ser a modernidade e as novas técnicas que empregamos, que pasamos do analóxico ao dixital, logran manter sempre a tradición. Hai festivais especializados en títeres tradicionais de luvas, que preservan e seguen a transmitir esa tradición. En realidade, penso que en todos os festivais se coida moito esta parte para manter viva a memoria do teatro de títeres”, argumenta o artista de Redondela.
“Incluso, atreveríame a dicir que se saltaban a censura moito máis antes que agora porque os títeres foron pioneiros en saltar a censura. Ese obxecto que transmite a emoción do manipulador podía dicir o que quería, e creo que iso é moi importante”, engade Tatán, quen considera que “os títeres antigamente eran máis críticos co poder”. “Creo que agora hai unha especie de autocensura que provoca que algúns temas parezan intocables, ou que xa están resoltos; e aínda non, non están resoltos...”.
“Nós, en Tanxarina, ao longo dos anos, sempre procuramos fuxir do branqueo das cousas, deses contos antigos que para nós eran pouco interesantes, e tratamos de tocar temas comprometidos, como puido ser na obra A casa do avó, na que contamos os desafiuzamentos. Pódese explicar calquera cousa aos nenos e nenas a través dos contos, neste caso substitúes ao lobo polos bancos e xa está. Hai máis de cincuenta anos Carlos Casares escribiu A galiña azul, onde falaba da solidariedade e da problemática que hai co racismo. No tempo que levo traballado como titiriteiro apostei por poder falar de todo”, debulla.
Facendo balance, Tatán lembra que xa nos anos noventa a compañía Tanxarina comezou a traballar con directores externos como Cándido Pazó, Quico Cadaval ou Evaristo Calvo, para ampliar as temáticas das súas representacións. “Hai unha evolución nos títeres, pero non se debe esquecer que se poden tocar todos os temas. Hai que evitar esa autocensura”, incide.
"Vimos dunha xeración na que traballamos a golpes, non tiñamos unha ESAD onde formarnos"
Ademais, considera que o público debe “saber distanciarse do que é a ficción ao que é a realidade”, para “recoñecer que as cousas que suceden no teatro non son a vida mesma, senón representacións de situacións da vida”. Se algo caracteriza o traballo de Tanxarina é esa proximidade coas crianzas e a rapazada, falándolle ‘de ti a ti’ a través dos monicreques.
“Os rapaces e rapazas merecen ser respectados como un adulto cando van o teatro. Non pode haber diferencia, só tes que propoñerte contar os temas que te interesan a ti de tal maneira que os comprendan. Por aí van os tiros, non é outra cousa”, apunta Tatán.
Neste senso, explica que na súa carreira sempre intentou mesturar o traballo actoral co de manipulación de títeres, tratando de coidar ambas cousas. “Vimos dunha xeración na que traballamos a golpes, non tiñamos unha ESAD onde formarnos. Sempre acudimos a cursos: de clown, de construción de sombras... e de aí xurdiron espectáculos, e de aí xorde tamén a nosa formación como actores. A partir diso entramos noutros mundos, como pode ser o audiovisual”, conta.
Con Tanxarina, Tatán traballou en máis dunha vintena de espectáculos. Entre os primeiros traballos da formación cómpre destacar obras como Migallas e cirigaitas (1983), Rosalía no país do sol (1984) ou a mítica Titiricircus (1988), montaxe coa que continúan a xirar na actualidade. Ao longo dos anos, a compañía lanzou espectáculos como Santiago, Santiago (1993), Rapatú (2002), Os narigudos (2004), Trogloditas (2010) ou A Casa do Avó (2014), esta última pola que conquistaron o Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil. Nos últimos anos, estrearon montaxes como A Galiña Azul, adaptación do conto de Carlos Casares, coa que recuncaron no María Casares ao mellor espectáculo infantil.
Tamén colaborou con outras compañías como Matarile ou Teatro do Morcego, así como con espectáculos do Centro Dramático Galego e mais do Centro Dramático Nacional. “Sempre o quixemos facer con moita dignidade, por iso coidamos moito o aspecto da formación”, asevera Tatán.
"En xeral, para calquera traballo, a humildade é necesaria para que o que veña sexa sempre unha sorpresa"
A paixón polo seu oficio levouno a –como di el– “respirar noutros mundos”. No eido audiovisual, participou en filmes como A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1998), O lapis do Carpinteiro (Antón Reixa, 2001), Doentes (Gustavo Balza, 2010), Trote (Xacio Baños, 2017), Matria (Álvaro Gago, 2021) ou, máis recentemente, en La infiltrada, de Arantxa Echebarra, e San Simón, de Miguel Ángel Delgado, ambas as dúas rodadas este ano.
A súa interpretación na curtametraxe O Coidado, de Miguel Canalejo, distinguida co Premio Mestre Mateo á mellor curta, conseguiulle os premios ao mellor actor protagonista no Festival de LISBIFF de Lisboa e no Festival de Cans. “Emociónome moito cando vexo a xente nova que pon moito empeño en facer as cousas”, conta sobre o equipo que fixo posible este proxecto. “Cun equipazo totalmente profesional, como podes fallar aí? Tes que estar á altura deles. Cando as cousas se fan con esa emoción e ese ímpeto funcionan, poden gustar máis ou menos, pero si que funcionan”.
Ao longo da súa carreira foi recoñecido co Premio Xograr de Outono que outorga o FIOT de Carballo (2014), o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, o Premio de Honra da MIT de Ribadavia (2022) ou o Premio FETEGA á traxectoria profesional (2022). Porén, conserva unha humildade total: “En xeral, para calquera traballo, a humildade é necesaria para que o que veña sexa sempre unha sorpresa”, advirte. Xa xubilado, di que seguirá na profesión o tempo que o corpo llo permita, porque lle gusta.