Ouvirmos celebra o seu 20 aniversario, dúas décadas "axudando a mover os marcos da cultura galega"

Exposición organizada por Ouvirmos polo centenario do nacemento de María Casares © Ouvirmos

Ouvirmos fai 20 anos. A empresa de xestión de grandes eventos e grandes infraestructuras culturais celebra dúas décadas de traxectoria reivindicando o seu papel na mudanza experimentada pola cultura galega neste tempo, vinte anos nos que se "moveron os marcos" dun sector que, por exemplo, pasou de dar emprego a 17.000 persoas en 2003 a máis de 31.000 en 2021, pero que neste tempo viu como se reducía o número de libros editados en galegos e a indistria musical transformaba a edición física de discos cara á produción dixital.

A empresa celebra dúas décadas de traxectoria reivindicando o seu papel na mudanza experimentada pola cultura galega neste tempo

A empresa conmemora estes días dúas décadas de traballo “apaixoado” pola cultura galega, destaca Xosé Aldea, director e copropietario de Ouvirmos canda a economista Irene Sineiro. Aldea sinala que nestes vinte anos estiveron "atentos aos cambios do mercado: de discográfica pasamos a libros con CD, biografías sonoras, itinerarios histórico-musicais... Detectamos a crise do libro en papel e nos resituamos para xestionar grandes eventos e infraestructuras culturais como o Teatro Colón ou a Cidade da Cultura”, onde coordinan programación e actividades".

Así se moveron os marcos da cultura galega nos últimos 20 anos © Ouvirmos

Comezou sendo unha discográfica, detectou a crise dos formatos físicos e resituouse para xestionar grandes eventos e infraestructuras culturais

Precisamente, Aldea ve nesta hibridación un dos cambios xerais máis significativos que está a experimentar a industria cultural galega. Así, mesmo, o responsable de Ouvimos destaca que xa hai vinte anos comezaron a falar e a traballar coa I+D aplicada á cultura galega, “dous termos que entón non se asociaban”, pero que viron “claro desde o inicio”.

De discográfica e empresa de xestión cultural

A empresa conmemora estes días dúas décadas de traballo “apaixoado” pola cultura galega, destaca Xosé Aldea, director e copropietario de Ouvirmos canda a economista Irene Sineiro

Ouvirmos comezou sendo unha discográfica. Unha das liñas máis importantes desenvólvea na colección de gravacións históricas A Tiracolo, que recuperou, restaurou e dixitalizou as grandes obras editadas da música galega con anterioridade a 1954. Valeulle o Premio da Crítica de Galicia no ano 2008.

Entre as xoias sonoras recuperadas está a impresión de 1904 do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra, dirixido polo lendario gaiteiro Perfecto Feijóo. Son dezaoito melodías editadas orixinalmente en disco de gramófono, gravadas cun estudo móbil da Compagnie Française du Gramophone que se desprazara de París ata a cidade da Coruña. Constitúen as máis antigas gravacións existentes sobre a tradición musical galega. 

Xosé Aldea, director e copropietario de Ouvirmos © Ouvirmos

De igual xeito, na súa traxectoria recente destacan os labores de posta ao día de grandes figuras da cultura galega, como Xela Arias ou María Casares

Outro dos fitos é a recuperación da primeira gravación do Himno Galego de Pondal e Pascual Veiga, dentro dun rexistro en discos de dobre pedra do coro Toxos e Froles de 1922. Ouvirmos recuperou tamén os lendarios Gaiteiros de Soutelo de Montes, liderados por Avelino Cachafeiro. Compilou nun álbum a totalidade dos rexistros sonoros realizados en Ourense en 1928, entre os que se atopa a primeira gravación da popular Muiñeira de Chantada.

De igual xeito, na súa traxectoria recente destacan os labores de posta ao día de grandes figuras da cultura galega. Así, cómpre salientar as mostras arredor de Xela Arias no 2021, ano de homenaxe á escritora no Día das Letras Galegas. ‘A poesía do retrato’ afondou no máis íntimo e recompilou os retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90.

Ademais, Ouvirmos fíxose cargo durante nove edicións de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais

Igualmente, no ano 2022, durante o centenario do nacemento da actriz coruñesa María Casares, Ouvirmos desenvolveu varias exposicións, un encontro internacional, visitas teatralizadas e estrea de documentais e pezas teatrais para o Concello da Coruña.

Ademais, Ouvirmos fíxose cargo durante nove edicións de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Entre outras cuesións, dixitalizaron os procesos de xestión de públicos e reforzaron o mercado interno ao afianzar os públicos con maior sensibilidade coa cutura galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.