Profesionais da cultura de todo o Estado mobilízanse baixo o lema #StopCensura

Imaxe compartida nas redes sociais co cancelo #StopCensura CC-BY-SA #StopCensura

"As e os profesionais do mundo da cultura queremos denunciar a volta da censura, que está a atentar contra a liberdade de expresión, un dereito consolidado social e democraticamente na nosa Constitución". Con esta mensaxe milleiros de traballadoras e traballadores do eido da cultura mobilízanse diante das cancelacións de diferentes eventos culturais das últimas semanas coa chegada a diferentes institucións locais e provinciais de representantes da extrema dereita en gobernos bipartitos de PP e Vox con distintas composicións. 

"Esiximos a protección dos nosos dereitos fundamentais, porque sen cultura non hai democracia", salienta a mensaxe escrita en galego, catalá, euskera e castelán que desde as 12 do mediodía deste mércores enche as redes sociais Twitter e Instagram acompañada de capturas de titulares dos últimos días informando sobre a cancelación de representacións teatrais, concertos musicais ou proxeccións de películas en distintos municipios do Estado.

Son numerosas as profesionais da cultura galega que xa se sumaron a esta denuncia de censura, acompañando tamén as súas reivindicacións dos cancelos #StopCensura e #SenCulturaNonHaiDemocracia

As compañías teatrais Chévere e A Panadaría, os directores de escena Tito Asorey e Marta Pazos, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, as actrices Cristina Iglesias, Camila Bossa, Marta Doviro, Berta Ojea, Christian Escuredo e Diana Sieira, as cineastas Sonia Méndez e Eloy Domínguez Serén, o escritor Juan Tallón, o músico e dramaturgo Fernando Epelde, o artista de banda deseñada David Rubín, a directora de fotografía Lucía C Pan e a produtora cultural Luneda, entre outras traballadoras e traballadores da cultura en Galicia, participan reclamando que non se aplique a censura. 

Coa campaña electoral do 23X a piques de comezar, o sector da cultura alza a voz pedindo que non se esquezan os actos de censura porque están proliferando por todo o país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.