Non só odio: unha investigación analiza como Vox usa o "amor" a "unha España mononacional e excluínte" para mobilizar

Mitin de Vox en Vigo no ano 2020 CC-BY-SA Contando Estrelas

Adóitase facer fincapé no xeito en que a ultradereita emprega o odio (ao diferente, aos de fóra, ás mulleres...) para mobilizar o seu electorado. Porén, un traballo do galego Alexandre Pichel, investigador predoutoral do programa de doutoramento de Humanidades e Comunicación da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), vén de analizar o mecanismo que funciona como un reverso dese "odio": a maneira en que os partidos de ultradereita como VOX utilizan o "amor" como un mecanismo de mobilización.

"Esta corrente política ama, pero o problema está en que ama. Ama unha España mononacional e excluínte", conclúe o traballo

Como se explica na investigación, "a ideoloxía máis conservadora usa o amor para o mesmo que a esquerda, a dereita mainstream ou calquera outro tipo de ideoloxía. Este actor político non usa o amor para ocultar a súa verdadeira cara, de rexeitamento cara aos que non se identifican cos seus valores". "Esta corrente política ama, pero o problema está en que ama. Ama unha España mononacional e excluínte", conclúe o traballo, publicado na revista South European Society and Politics baixo o título de 'Framing Gender through Affects: Antifeminism and Love in the Spanish Far Right (Vox)', que podemos traducir por "Enmarcando o xénero a través dos afectos: antifeminismo e amor na extrema dereita española (Vox)"

Mitin de Vox en Vigo no ano 2020 CC-BY-SA Contando Estrelas

Nos discursos de Vox, o amor utilízase como unha ferramenta para marcar a diferenza entre o nós (as familias tradicionais, os homes brancos e os nativos españois) e os demais

Pichel realizou este traballo xunto con Begonya Enguix, profesora dos Estudos de Artes e Humanidades e investigadora líder do grupo Xéneros en Transición: Masculinidades, Afectos e Corpos (MEDUSA), quen tamén dirixe a tese do investigador galego. Ambos os dous analizaron os discursos de Vox, especialmente os lanzados o 8 de marzo de 2020 nun acto masivo celebrado no Pazo de Vistalegre, en Madrid, coincidindo coa convocatoria de manifestacións feministas en todo o Estado e o inicio da pandemia de COVID.

Nos discursos de Vox, o amor utilízase como unha ferramenta para marcar a diferenza entre o nós (as familias tradicionais, os homes brancos e os nativos españois) e os demais, xa sexan a denominada "elite" (que Vox personaliza nos gobernantes e no feminismo) ou os que son diferentes (as familias non tradicionais ou os migrantes). Para iso, nos seus discursos, os líderes da ultradereita dan forma a este sentimento a través da súa relación coa familia, a igualdade e a violencia, explican os investigadores.

O traballo destaca a importancia que en Vox adquire o "amor pola muller tradicional, elemento central da familia"

O traballo destaca a importancia que en Vox adquire o "amor pola muller tradicional, elemento central da familia". Desde este punto de vista, os investigadores consideran que a ultradereita dá a entender que a muller xa acadou o seu máximo de intelixencia, liberdade, forza e independencia, polo que non necesita o feminismo. Os expertos da UOC sinalan que o amor se emprega "para dividir e crear unha fronteira entre a España máis conservadora, o feminismo e todos os que defenden as políticas de igualdade de xénero".

Así, o "amor" á familia tradicional, funciona en oposición ao rexeitamento dos novos modelos de familia e do feminismo e do movemento LGBTQI, que son sinalados nos devanditos discursos como principais ameazas dun tipo de unidade familiar que se identifica como a única "normal e natural".

Santiago Abascal nun mitin de VOX en Lugo no verán do ano 2020, campaña das eleccións ao Parlamento galego CC-BY-SA VOX

"A ultradereita ama a familia para protexer a figura de dominación paterna; ama o país para rescatar aos homes como líderes nacionais, e ama a igualdade para defender aos homes fronte aos avances do feminismo", conclúe Pichel

A "igualdade" tamén é sinalada como un dos alicerces do discurso de Vox. Porén, neste caso a igualdade na ultradereita "xorde da idea dunha sociedade totalmente uniforme. Se o pobo é uniforme, é imposible que exista a desigualdade", explica Alexandre Pichel. "Pola contra, desde os movementos de esquerdas e o feminismo, a igualdade enténdese como un concepto que comprende e evidencia as diferenzas para crear unha comunidade aberta. Neste sentido, a ultradereita entende que as cotas de xénero son limitacións á igualdade de xénero, pois non entende a necesidade de especificar as diferenzas", engade, concluíndo que "esta idea de igualdade fai que a corrente ultraconservadora masculinice e heterosexualice unha sociedade uniforme".

A "igualdade" é sinalada como un dos alicerces do discurso de Vox. Porén, a igualdade na ultradereita "xorde da idea dunha sociedade totalmente uniforme"

"A conexión do amor coa familia, con España e coa súa idea de igualdade dáse polo que o sociólogo británico Jeff Hearn denomina a hexemonía dos homes. Se nos fixamos nos mecanismos afectivos e políticos que se pon en marcha, obsérvase como a defensa do home sempre está presente", engade Pichel. "A ultradereita ama a familia para protexer a figura de dominación paterna; ama o país para rescatar aos homes como líderes nacionais, e ama a igualdade para defender aos homes fronte aos avances do feminismo", conclúe o investigador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.