Dende que comezou a invasión de Gaza por parte de Israel en outubro do ano 2023, os ataques do exército provocaron a morte de máis de 55.000 persoas, entre elas uns 17.000 nenos e nenas
Dende que comezou a invasión de Gaza por parte de Israel en outubro do ano 2023, os ataques do exército provocaron a morte de máis de 55.000 persoas, entre elas uns 17.000 nenos e nenas. Israel asasina un neno ou nena cada 45 minutos. Decenas de miles resultaron, ademais, feridos ou feridas, e moitas máis ficaron sen casa ou sufriron traumas que probablemente marcarán as súas vidas.
Con estes nenos e nenas en mente, un grupo de máis de 400 profesionais do mundo da Literatura Infantil e Xuvenil, entre escritores, escritoras, ilustradores, ilustradoras, editores, editoras, correctores, libreiros e libreiras, promoveu un manifesto en relación co masacre en Gaza. Entre eles e elas hai un gran número de galegos e galegas, que están a poñer o foco en rapaces e rapazas coma os que noutros territorios len en paz as historias publicadas para eles e elas.
O texto, titulado 'O mundo da literatura infantil e xuvenil en contra do xenocidio en Gaza', distribuiuse e asinouse en todas as linguas do Estado, e foi traducido a distintos idiomas europeos
O texto, titulado 'O mundo da literatura infantil e xuvenil en contra do xenocidio en Gaza', distribuiuse e asinouse en todas as linguas do Estado, e foi traducido a distintos idiomas europeos. Polo de agora está a ser difundido nas redes cos hashtags #laLIJconGaza ou #aLIXconGaza, entre outros.
No manifesto, os e as profesionais da literatura infantil e xuvenil din que non queren ser "cómplices mudas ante a matanza de miles de nenos e civís", nun texto que remata afirmando: "Non é o mundo que imaxinamos. Non é o mundo que queremos".
No manifesto, os e as profesionais da literatura infantil e xuvenil din que non queren ser "cómplices mudas ante a matanza de miles de nenos e civís"
O texto, que denuncia que "Israel infrinxiu reiteradamente as leis internacionais bombardeando edificios civís e entorpecendo a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza", fai unha chamada urxente á comunidade internacional "para que presione o cese inmediato destes ataques indiscriminados e impida a compravenda de material bélico que está a ser empregado contra a poboación civil". "Non hai escusas. Os nenos e as nenas non son combatentes", subliña.

Texto completo do manifesto
O texto denuncia que "Israel infrinxiu reiteradamente as leis internacionais bombardeando edificios civís e entorpecendo a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza" e fai unha chamada urxente á comunidade internacional
Decenas de miles de nenas e nenos están a ser asasinados en Gaza. Non morreron en trincheiras nin en cuarteis, senón nos seus fogares, escolas, rúas e hospitais. Moitos máis sufrirán por amputacións e traumas que marcarán o resto das súas vidas. Israel infrinxiu reiteradamente as leis internacionais bombardeando edificios civís e entorpecendo a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza.
Non hai escusas. Os nenos e as nenas non son combatentes.
Facemos unha chamada urxente á comunidade internacional para que presione o cese inmediato destes ataques indiscriminados e impida a compravenda de material bélico que está a ser empregado contra a poboación civil. Apoiamos o traballo dos tribunais de xustiza que depuren responsabilidades polo asasinato de civís, especialmente de nenos e nenas. E instamos a que se tomen medidas para que estes crueis actos non se volvan repetir en ningunha parte do planeta.