[ RÆM ]: danza contemporánea para esquecernos de nós mesmos nun soño compartido

O coreógráfo Javier Martín leva ao CGAC o seu proxecto [ RÆM ] © La Diapo

🟪🟧🟦 EN VINTE | Retratos dunha escena plural: Javier Martín

O coreógráfo coruñés Javier Martín presenta no CGAC [ RÆM ], "unha peza que reflexiona sobre a materia do soño como un estado de conciencia ampliado"

O coreógráfo Javier Martín presenta no Centro Galego de Arte Contemporánea o proxecto [ RÆM ]. "Unha peza que reflexiona sobre a materia do soño como un estado de conciencia ampliado, no senso de que nos nosos soños se multiplica a sensación do eu –argumenta o artista–. Saímos da inercia do relato do eu, dese relato unívoco da narración do eu, para enfocar a relación co mundo e falar dese consorcio plural de memorias que somos".

O coruñés realizará no CGAC, en Santiago, dúas performances de longa duración este martes 11 e o mércores 12 de febreiro en dous pases, de 11 a 13:30 horas e de 17 a 20:30 horas. Durante este tempo, o público que asista (o tempo que queira) será parte da investigación coreográfica do artista, que estará presente de forma continuada na sala do museo, bailando e desenvolvendo a obra en tempo real e en relación directa coas persoas asistentes. A peza poderá experimentarse o domingo en Medellín (Colombia). 

Realizará dúas performances de longa duración no CGAC este martes 11 e o mércores 12 en dous pases, de mañá e de tarde, nos que busca "desarticular a inercia dos nosos corpos"

Pola súa proximidade co onírico, a danza é un campo privilexiado para achegarnos ao que sucede coa nosa mente mentres durmimos. Javier Martín explica que con esta peza que executa en tempo real busca acompañar e desestruturar a nosa identidade nun lugar múltiple, porque "somos distintos en relación á situación e ao vínculo que estabelecemos co outro, e iso no soño respírase con especial intensidade". 

O coreógrafo, con vinte anos de experiencia como profesional, quería explorar como a nosa relación co mundo permanece mentres durmimos e segue operando en terreos subliminais. "Estou moi interesado en desarticular a inercia dos nosos corpos. Practicamente toda a miña carreira vai no camiño de elaborar unha atención de calidade aos procesos mediante os cales a inercia se sitúa nos nosos corpos e xera patróns de tensións que levan a que se drene a nosa consciencia e a tensión. Bailando chégase enseguida a sintonizar con estes asuntos", debulla o coruñés, que coas súas coreografías trata de achegarse á fraxilidade humana para diluíla nun espazo compartido, lonxe da "atalaia identitaria".

[ RÆM ] foi creada en parte nunha residencia artística no propio CGAC hai uns meses, onde Martín xerou o artefacto tecnolóxico que agora presenta

A peza [ RÆM ] foi creada en parte nunha residencia artística no propio CGAC hai uns meses, onde Martín xerou o artefacto tecnolóxico que agora presenta. Pero as coreografías foron medrando en diferentes etapas, en lugares como Tenerife, Casablanca ou Valencia. O público asiste a unha composición en directo que funciona como un xogo a escala, no que as coreografías se multiplican ata o infinito nas paredes da sala. "Traballo cun aparato que multiplica a imaxe. A sensación inmersiva é como a dun calidoscopio que multiplica virtualmente a nosa imaxe", detalla.

"Lin hai non moito que pode haber unha relación entre Instagram e o vodú. Nas redes sociais multiplicamos dunha maneira vertixinosa a nosa imaxe nesa pulsión, moi contemporánea, a través das novas tecnoloxías, de sentir distintas facetas do eu nese lugar temporal, virtual, fóra do tempo. Pois esa pulsión xa estaba presente no mundo ancestral no que chamaban transos, como no vodú, no que se entraba nun transo catártico para modificar a identidade, nun desprazamento do eu. Exactamente o mesmo que facemos coas redes sociais, só que dentro dun contexto simbólico que compartimos a día de hoxe", razoa Martín.

Javier Martín en [ RÆM ] © La Diapo

"Non son antropólogo, non me interesa a vivencia do transo, pero serve de metáfora acerca da reprodución que estamos facendo, noutro contexto e con outros formatos. [ RÆM ] pretende tamén trasladar unha meditación acerca do que as novas tecnoloxías están facendo con nós, porque nese desprazamento tácito e inercial da subxectividade a través das redes sociais hai unha fuga do eu que se aproveita para ordenar a nosa atención como un novo recurso de índole económico... Para facernos cargo da ferida que as chamadas novas tecnoloxías están a provocarnos penso, ao igual que moitos filósofos e filósofas, que é preciso un consorcio de tecnoloxías culturais para saír desta deriva totalizante dun modo de entender a relación, por exemplo, coa visualidade. Creo que é interesante acompañar outras calidades de imaxe e, a través da superficie da imaxe, ir entrando en contacto con outra maneira de ordenar a experiencia do sensible", engade.

Con esta peza de danza pretende "trasladar unha meditación acerca do que as novas tecnoloxías están facendo con nós", pois considera que "hai unha fuga do eu que se aproveita para ordenar a nosa atención como un novo recurso de índole económico"

Javier Marín sintoniza coas texturas do movemento e co vínculo que se establece coas persoas asistentes, que coa súa atención e intención tamén modifican a coreografía que vai xurdindo despois de anos de exprimentación.  Os sons, especialmente aqueles que exploran a materialidade do vento, e as músicas seleccionadas polo artista van acompañar á súa vez a esta peza de danza en directo. 

"Con este proxecto sinto que entramos en contacto uns cos outros nese lugar certamente subliminal, no que o eu pónse precisamente en cuestión. Por iso falamos da potencia transformadora das artes, que nos conecta con alteridades. Non se trata de falar entre dúas persoas concretas, senón de encontrar un lugar no que nos vinculemos, desdibuxándonos no discurso da obra. Esquecernos de nós mesmos durante un breve período de tempo, como nun soño compartido, pero en estado de vixilia para vivir no laberinto xuntas. Iso que pasa cando les un libro ou ves unha película, e que é parte da potencia do artefacto das artes", revela o coreógrafo coruñés. 

Proceso de creación de [ RÆM ] no CGAC © La Diapo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.