'Reconversión' triunfa con seis premios nos María Casares de homenaxe a Manuel Lourenzo

'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, foi a gran gañadora dos XXX Premios María Casares © LaDiapo | AAAG

A obra de Ibuprofeno Teatro dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo fíxose cos premios de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal, entre outros. A serie clopen, TROMSØ e Berenguela na gaiola obtiveron dous galardóns en cada caso

Ibuprofeno, a obra de Ibuprofeno Teatro dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo, foi a gran gañadora da XXX edición dos Premios María Casares, que se entregaron este mércores pola noite na Coruña. A montaxe fíxose con seis galardóns, entre eles os de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal.

Foi unha noite festiva e de celebración. Tamén emotiva e de recordo. Especialmente cando se fixo presente a figura de Manuel Lourenzo, unha das figuras clave da dramaturxia galega e que finou o pasado verán. Para el foi a homenaxe, o mesmo que para Luma Gómez que recolleu o Premio de Honra Marisa Soto a toda a súa traxectoria.

Ademais do triunfo de Ibuprofeno, A serie clopen, TROMSØ e Berenguela na gaiola lograron dous premios en cada caso. E, entre os gañadores individuais, destacou o nome de Fran Lareu, que se fixo co galardón de mellor actor protagonista (por Un tal Romeo) e mellor secundario (por Reconversión).

Outro momento da gala de entregoa dos XXX Premios María Casares © LaDiapo | AAAG

Foi unha noite festiva e de celebración. Tamén emotiva e de recordo. Especialmente cando se fixo presente a figura de Manuel Lourenzo, unha das figuras clave da dramaturxia galega e que finou o pasado verán. Para el foi a homenaxe, o mesmo que para Luma Gómez que recolleu o Premio de Honra Marisa Soto

Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo. Pero o espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.

O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de "Oxalá estiveras aquí" acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.

Gañadores e gañadoras

Fran Lareu fíxose co galardón de mellor actor protagonista (por Un tal Romeo) e mellor secundario (por Reconversión).

Ibufropeno obtivo os premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, fíxose con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas © LaDiapo | AAAG

30 anos de María Casares

"Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán", dixo a presidenta da AAAG, Eva Fórneas

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán".

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "non nos agasallan con nada".

Fórneas pechou o discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte á auxe da ultradereita e os discursos de odio: "Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados"

Fórneas pechou o discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte á auxe da ultradereita e os discursos de odio: "Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados", e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: "unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra".

Ademais, Carlos Callón foi o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito por el, no que percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha "chave decisiva" para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da "caricatura ao suxeito" e pechou a súa proclama cun unánime "Viva o Teatro Galego!".

Luma Gómez recolleu o Premio Marisa Soto © LaDiapo | AAAG

Listaxe de Candidaturas Premiadas

IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)
Mellor espectáculo
Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo
Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso
Mellor actor secundario: Fran Lareu
Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo
Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)
Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito
Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

MORRAOCONTO: TROMSØ (2)
Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro "Coti"
Mellor iluminación: José Faro "Coti"

GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)
Mellor espectáculo infantil
Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)
Mellor actor protagonista: Fran Lareu

TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)
Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)
Mellor vestiario: Carolina Díguele

ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)
Mellor maquillaxe: Ártika Cía

Fran Lareu recolle un dos premios que acadou nos XXX María Casares © LaDiapo | AAAG
Natalia Pajarito, mellor actriz nos XXX Premios María Casares © LaDiapo | AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.