Hai dez anos naceu a asociación Galicia Fiddle para fomentar o violín na música tradicional. Impulsado polo mestre Alfonso Franco, o proxecto celebra a súa primeira década cun disco, 'Acanteira', que mostra o que rapaces e rapazas poden facer coas músicas populares cun violín e sen depender dunha partitura
Hai xa dez anos naceu a asociación cultural Galicia Fiddle co obxectivo de fomentar o emprego do violín na música tradicional. Daquela era un proxecto do mestre Alfonso Franco, que conseguiu implicar un grupo de profesores e alumnos da Escola Municipal de Música Tradicional (ETRAD) de Vigo. Pouco despois comezaron a organizar o San Simón Fiddle, un encontro na illa homónima que xunta grandes mestres internacionais deste instrumento con alumnado chegado de todo o mundo. Galicia Fiddle celebra agora a súa primeira década de andaina cun disco, Acanteira, que mostra o que rapaces e rapazas de entre 13 e 24 anos poden facer coas músicas populares cun violín e sen depender dunha partitura. “Xogando” a tocar o violín. Decatándose de que podían tocar o que soaba nas súas cabezas. Falamos con Alfonso Franco.
Galicia Fiddle nace para fomentar os instrumentos de corda na música popular galega. Por que en concreto o violín?
Eu fun quen empezou coa asociación e son mestre de violín, que era dos instrumentos que tiñan menos presenza na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD). A aprendizaxe do violín é complexa e quixemos darlle pulo na música popular.
Galicia Fiddle lanza un disco, Acanteira, de 16 melodías gravadas por solistas de entre 13 e 24 anos. Como se foi nutrindo a asociación?
“A música apréndese sen partitura”
A asociación partiu primeiro de alumnado da ETRAD. Despois, a fonte máis importante é o San Simón Fiddle, un encontro que realizamos na illa de San Simón desde o ano 2012. A partir de aí comezaron a vir non só de toda Galicia, senón de toda España e de fóra. A dimensión é importante a nivel internacional. O San Simón Fiddle é moi singular: un curso dedicado ao violín no que quedan toda unha semana, dormen alí.,.
Que diferenza a metodoloxía de Galicia Fiddle da dos conservatorios de música?
Pois temos un enfoque de tradición oral, é dicir, non é necesario coñecer a lectura da música para aprendela -a partitura-. Úsase a partitura como apoio, para facer os arranxos, etc, pero a música apréndese sen partitura. No disco si se inclúen as partituras, ademais dun código QR a través do que poden escoitarse as melodías interpretadas. A versión escrita é tal como se toca, que non ten que coincidir con como se tocaría coa gaita, por exemplo. Por exemplo, a pista 4 leva algo de swing.
Hai no disco xota, alborada, muiñeira, polca, pasodobre, rumba…
Tentamos que non fosen só xotas e muiñeiras. En realidade foron os propios cativos os que escolleron os temas. O repertorio do fiddle, ademais, é moi amplo: tocamos tamén moita música doutros países. E por iso usamos a palabra fiddle e non violín, porque é un concepto máis global, ligado ás músicas populares que se tocan con violín. Tentamos afacer a orella dos cativos tamén á música de fóra.
Que debe ser abondosa porque o violín está en moitas músicas populares…
Si, o violín está moi estendido. Pode ser un tipo de violín distinto. A rabeca do Brasil, por exemplo, é da mesma familia que o violín, pero diferente. Por violín non se entende sempre o que nós tocamos, que é o violín clásico.
Comentabas ao principio que era un dos instrumentos menos comúns na ETRAD. Pola súa dificultade?
“Se queres tocar música clásica precisas moita técnica para que soe limpo, afinado… Pero para tocar música popular non se precisa tanta técnica”
O violín é dos instrumentos máis difíciles de aprender. Se queres tocar música clásica precisas moita técnica para que soe limpo, afinado… Pero para tocar música popular non se precisa tanta técnica. Nós vamos ao gran, é dicir, aprenden a tocar o básico e a partir de aí tamén se busca a excelencia, pero non é como para tocar nun concerto como solista. É música para que a xente cante, baile… E por aí tamén vén o éxito do fiddle en todo o mundo: o violín, o violoncello, o contrabaixo… As claves son o chelo, a viola e o violín, que cada vez máis xente se anima a tocar en lugar de tentalo co violín clásico e, o 95% das veces, abandonar. Se é violín clásico es como unha sorte de atleta de elite. Se é música popular é distinto. Se empezas a tocar fiddle, xa non o soltas nunca.
Con música popular non te refires só a música popular tradicional, non?
Non. Cando falamos de folk referímonos á música tradicional edulcorada, urbana, con outros instrumentos e arranxos. Pero con música popular refírome tamén ao blues, o rock and roll… Como dicía antes, tocamos tamén músicas doutros países e ás veces tamén músicas da radio. Por que non se eles queren.
Traballades con xente moi nova e a vosa asociación é unha das mostras de que á xuventude si lle interesa a música galega. Como reaccionan ao coñecer o fiddle?
O primeiro ano do encontro en San Simón a primeira sorpresa foi a reacción marabillada dos cativos que nunca antes estiveran expostos á música popular desta maneira. O fácil que lles resultaba pasar da música que tiñan na cabeza ao instrumento. De repente vían que podían tocar calquera cousa, e sen partitura. Eles comezaran co violín moitas veces obrigados polos pais ou por diversas circunstancias que non formaban parte do seu tempo de lecer. Tiñamos preparados xogos para eles e nin xogaban, porque preferían seguir tocando xuntos. Descubrían o lecer no instrumento. E iso é o que os alenta para seguir.
Falabas antes de que viñan de distintos países. Facedes unha convocatoria anual? Como se enteran do proxecto?
“A primeira sorpresa foi a reacción marabillada dos cativos, o fácil que lles resultaba pasar da música que tiñan na cabeza ao instrumento”
A través das redes sociais, de publicacións especializadas e tamén moito polo boca a boca, por mestres que estiveron en San Simón… Nós pertencemos tamén a unha comunidade internacional de músicos de violín. Cada ano veñen mestres de distintas partes do mundo: de China, de norteamérica, dos países árabes… Iso fai que o noso proxecto se espalle moito e, claro, atrae xente.
No disco, os maiores fan os seus propios arranxos. Iso non é común mesmo en boa parte dos profesionais da música.
Dos rapaces que gravaron o disco, os maiores, que teñen 23-24 anos, empezaron hai dez anos. Estiveron na ETRAD, recibiron clases de grandes mestres porque trouxemos os grandes mestres do fiddle, e agora eles tamén son mestres. Iso é outra das cousas que conseguimos: hai trinta anos non había quen che ensinase. Alumnos e alumnas nosos aprenderon a tocar e a ensinar e hoxe son mestres. O traballo deu os seus froitos.
Que actividade tedes durante todo o ano, á parte do encontro de San Simón?
“Alumnos e alumnas nosos aprenderon a tocar e a ensinar e hoxe son mestres. O traballo deu os seus froitos”
A nosa actividade consiste en cursos, encontros de fin de semana con artistas internacionais, a Orquestra Galicia Fiddle que xa foi tocar por exemplo a Edimburgo, no cerne da música de violín… Tamén intercambios europeos, dentro da rede europea de fiddle e, en canto volvamos ter un local, que tivemos que deixar na pandemia, tamén o reactivaremos.
Que futuro agardas para estes músicos?
Temos o formato orquestra, como dicía, e ademais varios deles xa comezaron a súa carreira como solistas. Os maiores teñen un grupo co que gravaron un disco. Hugo Franco, por exemplo, tamén ten un disco; Claudia Abril tamén está gravando; María Jorge gañou o premio Martín Códax… Son cativos que xa están na rampa de saída. E iso tamén é un grande éxito da asociación, porque significa que é un proxecto sostible, capaz de reciclarse… Significa, así, que hai futuro, que estamos creando canteira. Por iso o disco se chama así: a canteira de novos profesionais e Acanteira, de cantar.