Titiriberia celebra os corenta anos da histórica compañía galega de títeres Tanxarina

Marionetas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde © Titiriberia

Titiriberia: Festival de títeres tradicionais acolle unha trintena de actividades escénicas, cuxas funcións se repartirán por diferentes puntos da xeografía rianxeira

Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo en Rianxo entre os días 18 e 23 de agosto, contará na súa undécima edición con compañías galegas, portuguesas, aragonesas, andaluzas, catalás, leonesas e vascas. Unha trintena de actividades escénicas, cuxas funcións se repartirán por diferentes puntos da xeografía rianxeira, e unha exposición que repasa os corenta anos da histórica compañía galega Tanxarina.

A compañía Tanxarina, encabezada por Miguel Borines, Eduardo R. Cunha 'Tatán' e Andrés Giráldez, manterá ata comezos do mes de setembro unha mostra do seu periplo artístico na exposición Tanxarina 40 anos de Monicreques, que se pode visitar no Auditorio Municipal de Rianxo. 

Cartaz do festival Titiriberia deste ano CC-BY-SA Titiriberia

Unha exposición no Auditorio Municipal de Rianxo repasa os corenta anos de Tanxarina, encabezada por Miguel Borines, 'Tatán' e Andrés Giráldez

Titiriberia manterá a súa aposta por descentralizar a programación e levará espectáculos máis alá dos dous grandes epicentros nos que se desenvolverá o groso do cartel: o Campo de Arriba e o Auditorio. Deste xeito, diferentes lugares como Taragoña, Leiro, Araño, Isorna ou a Praia de Tanxil converteranse en escenarios dun festival que, neste 2026, reúne algunhas das compañías máis veteranas do teatro galego de monicreques. 

Os Monicreques de Kukas, Viravolta, a xa citada Tanxarina e Trécola, todas elas formacións que superan os trinta anos de historia, pasarán polo festival. Trécola, da mesma forma que Tanxarina, protagoniza unha mostra que se instalará nos escaparates de diferentes comercios adheridos á Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). 

O festival ofrecerá un total de dez estreas e todas elas correrán a cargo de compañías galegas. Viravolta abrirá a programación, xunto a Títeres Alakrán e Vai de Roda, o martes 18 ás 12 horas coa nova versión da obra A festa dos títeres.

Ese mesmo día, entre ás 18 e ás 19:30 horas, Trécola estreará Treco-lerias. Alakrán presentará a súa nova montaxe o venres 21 ás 21:30 horas no Auditorio de Rianxo: A rosa de papel, unha adaptación ao teatro de monicreques do texto homónimo de Valle-Inclán.

A compañía Seisdedos, pola súa banda, presentará dous espectáculos en Titiriberia: Mamulengo galego, que se dará a coñecer o mércores 19 ás 11 horas en Campo Maneiro, Taragoña, e Cantar do ano, que se representará o xoves 20 ás 19 horas no Campo de Arriba. 

Exposición da compañia Tanxarina no festival Titiriberia © Titiriberia

O festival ofrecerá un total de dez estreas e todas elas correrán a cargo de compañías galegas

Babaluva estreará unha coprodución co festival, Retratos de verán, unha peza creada para as caixiñas Lambe-Lambe, espectáculo de pequeno formato pensado para un ou dous espectadores. Os monicreques de Kukas tamén estrearán dúas pezas neste formato Lambe-Lambe: Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o Barco e máis nós. Estas tres pezas poderán verse en varios pases entre as seis e as oito da tarde do mércores 19.

A histórica formación teatral Airiños volve colaborar co festival e estreará o sábado 22 ás 19 horas Retrincos: Sabela e Peito Lobo, adaptación teatral destas dúas historias que forman parte da obra de Castelao Retrincos. Finalmente, chegarán As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades que edición tras edición reúne no escenario a multitude de artistas cos seus números. Será o sábado ás dez da noito no Campo de Arriba.

Á vez que se celebra Titiriberia, volve a Escola de Títeres Barriga Verde. Este espazo de formación para profesionais e persoas afeccionadas a esta arte conta nesta xeira co mestre portugués José M. Valbom Gil de S.A.Marionetas. 

O curso, que se desenvolve entre os días 21 e 23 de agosto, achegará nocións básica do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. A inscrición é posible ata o 15 de agosto, no enderezo electrónico info@barrigaverde.eu.

Presentación do festival con Julio Alcalde (concelleiro de Cultura de Rianxo), Jacobo Sutil (director de Agadic), Comba Campoi (Asociación Morreu o Demo) e Natividade González (deputada de Cultura da Deputación da Coruña) © Titiriberia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.