Titiriberia leva a Rianxo a historia viva do teatro galego de monicreques

Viravolta. Festa dos titeres ©

O evento, que se celebra entre o 18 e o 23 de agosto, inclúe algunhas das compañías históricas da nosa escena, como Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta ou Trécola, auténticos referentes que superan os corenta anos de traxectoria

A undécima edición de Titiriberia: Festival de títeres tradicionais celébrase este mes de agosto en Rianxo, entre os días 18 e 23 de agosto. Organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, o evento levará á vila algunhas das compañías históricas da nosa escena, como Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta ou Trécola, auténticos referentes que superan os corenta anos de traxectoria.

Tanxarina, compañía encabezada por Miguel Borines, Tatán e Andrés Giraldez, amosa xa e ata comezos de setembro no Auditorio de Rianxo o seu dilatado periplo artístico na exposición Tanxarina 40 anos de Monicreques. Os integrantes desta compañía ofrecerán varias visitas guiada. 

Os monicreques de Kukas ©

Trécola, pola súa banda, protagoniza cos seus bonecos a mostra que cada ano se instala nos escaparates de diferentes comercios pertencentes á Asociación Rianxeira de Empresas (ARE). Ademais, esta formación nacida en 1981 da man de Fernanda Cabrera Varela e Rafael Vázquez Núñez e que agora continúa grazas á segunda xeración desta familia titiriteira representada por Ero Vázquez Cabrera e Isa García Coldeira, actuará no festival con espectáculos como Treco-Leiras ou Pituquito Literal

Viravolta, compañía fundada en Lalín en 1982 por Anxo García, Xulio Balado e Pilar Álvarez, abrirá o martes 18 de agosto xunto a Títeres Alakrán e a formación musical Vai de roda o cartel deste ano do festival coa súa ruada A festa dos Títeres. Ademais, Viravolta ofrecerá xogos na xa tradicional Feira Vella que Titiriberia instala en cada edición no Campo de Arriba de Rianxo. 

Por último, os Monicreques de Kukas, formación decana creada en 1979 por Marcelino de Santiago e Isabel Rei, representará entre outras a súa montaxe O carteiro de Ximaraos, unha coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) baseada nunha obra de Carlos Labraña. Esta peza mestura realidade e fantasía para abordar o impacto emocional do alzhéimer nas familias a través da relación entre un avó e o seu neto

A presenza galega, que inclúe un total de nove formacións, nútrese doutros grandes nomes do xénero dos monicreques como son Títeres Alakrán, Seisdedos, Babaluva ou Diáspora. Completa a relación Teatro Airiños, que regresa neste 2026 ao cartel de Títiriberia. O histórico grupo de teatro rianxeiro estreará Retrincos: Sabela e Peito lobo, un achegamento escénico a estes relatos da obra de Castelao. 

Unha representación da compañía Tanxarina ©

Ademais, cada ano Titiriberia ofrece -tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos títeres- cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.