Un libro recompila as achegas do congreso sobre o Reino Medieval de Galicia impulsado pola Deputación da Coruña
"Non se pretende reconstruír a historia, senón exercer o dereito a saber de nós". O pasado 2022 a Deputación da Coruña organizou un congreso internacional centrado no Reino de Galicia para volver botar a ollada cara ao medievo e abordar unha realidade histórica que a vintena de relatores consideraban "silenciada e ocultada".
As reflexións, estudos e achegas daquel encontro sobre o Regnum totius Gallaeciae teñen agora forma de libro. A institución provincial coruñesa xuntou nun volume as actas dun congreso que, explican, pretende seguir colaborando na "divulgación dunha das épocas de maior esplendor histórico" do noso país.
O resultado, di o presidente da Deputación, é "unha obra literaria de gran relevancia histórica". Con ela, agrega Valentín González Formoso, é posible "coñecer en detalle, da man de numerosos expertos, un período dourado da nosa historia". Cun relato histórico xeral, pero tamén aspectos concretos sobre "a arte, a música, a literatura, a arquitectura...".
O proxecto continuará a vindeira primavera cunha "exposición como nunca se fixo sobre esta etapa da historia" en espazos públicos da Coruña e Santiago
O historiador Anselmo López Carreira, coordinador do Congreso, cre relevante salientar a "calidade da publicación, proporcional" á do propio encontro. Foi posible, resalta, poñer "o foco, por primeira vez, na mesma existencia de Galicia como reino medieval a través de achegas científicas".
Aquel "esplendor político, literario, artístico, arquitectónico, económico e social" dentro "dos dous mil anos de historia de personalidade político-administrativa de Galicia", agrega Formoso, era merecente de ser divulgado e a Deputación coruñesa é "pioneiro en dalo a coñecer". Neste sentido, a deputada de Cultura da institución, Natividade González, subliña que o libro é resultado dun gran "esforzo": "ademais de contar coas investigadoras e os investigadores de máis prestixio no estudo do Reino Medieval de Galiza, poñemos á luz do conxunto da sociedade todo ese traballo de investigación".
Agrega ademais González que o congreso e a publicación son parte dun proxecto "máis amplo" que a área de Cultura activou para "combater o descoñecemento sobre esta etapa da nosa historia". Conta, lembra, con "tres pólas": a académica, co congreso xa celebrado; un certame "para apoiar iniciativas que axuden a dar a coñecer a existencia" do Reino e unha terceira que, avanza, "será unha exposición como nunca se fixo sobre esta etapa da historia de Galiza, que faremos na próxima primavera en espazos públicos das cidades de Santiago e da Coruña".